Buscar neste blog

martes, 1 de maio de 2018

O partido eterno

Dous meses levan Bar Santiaguiño e Armenteira Veteranos, dous equipos do grupo 1 da delegación de Pontevedra da Segunda Galicia de Veteranos, agardando para xogar un partido de liga. A xornada 22 tiña que disputarse o 10 de marzo, pero a chegada dun forte temporal de chuvia e vento obrigou á Real Federación Galega de Fútbol a aprazar nesa fin de semana todos os partidos que dela dependían. Quedou fixado entón para o 28 de marzo, día de xoves santo, pero un malentendido provocou que ningún dos dous equipos se presentase no terreo de xogo. Só compareceu o árbitro, que, desconcertado ante a ausencia dos futbolistas, acudiu ao bar máis próximo na súa busca. Alí atopou a algún deles, aínda que, loxicamente, foi imposible reunilos a todos para celebrar a contenda. A cita trasladouse entón para o martes 1 de maio, xornada festiva, día da clase obreira. Presentábase unha mañá intensa de fútbol no campo de O Leixo, pois tras o agardado partido de veteranos, era a quenda dos equipos da S.D. Noalla e do Armenteira C.F. da Segunda División Feminina. Por iso o acto tiña que celebrarse con puntualidade e sen demora. Axiña se presentaron os futbolistas do Bar Santiaguiño e, con algo máis de tardanza fórono facendo os do Armenteira Veteranos. Con ansias saíron a quencer ámbolos dous equipos. Carreiras, despramentos de balón, rondos, tiros a portería... Pero achegábanse as 11:00 horas e o árbitro non daba sinal de vida. Ao principio tomárono con paciencia e mesmo con bo humor, pero logo comezaron as sospeitas e as conxeturas sobre o que puido ter ocorrido. Que se era porque se trataba dun día festivo e o colexiado estaría despitado, que se o feito era debido a ter aprazado varias veces o partido, que se na páxina da Federación figuraba o encontro como suspendido... O certo é que pasaron os minutos e, a pesares das chamadas e as xestións do Comité de Árbitros o máximo que se conseguiu é que se ofrecesen a enviar un colexiado co partido comezado. Un membro do público encargaríase de asubiar ata a chegada do xuíz da contenda. Tal proposición non foi aceptada polos representantes de ningún dos dous conxuntos e algúns deles non dubidaron en tomar rumbo cara os seus fogares. Outros aínda ocuparon o tempo dunha mañá que xa tiñan perdida en charlar ou tomar unha cervexas ao tempo que degustaban os afamados pinchos que soen servir na cantina de O Leixo. Entre os xogadores e nas bancadas o debate estaba en saber se haberá outra oportunidade, en se o Armenteira Veteranos-Bar Santiaguiño da temporada 2017/2018 se disputará algún día. A temporada está a piques de rematar, faltan só dúas xornadas e vai ser moi díficil atopar datas. Moitos dirán que estamos ante o partido eterno, non polo que durou, senón polo que tarda en comezar, se é que algunha vez da comezado. Nesta ocasión á terceira non foi a vencida, e non sabemos se haberá cuarta, ou quizais quinta. Con estes antecedentes, quen o pode asegurar?




Ningún comentario:

Publicar un comentario