Cos pés na terra, o programa da CRTVG que cada martes nos achega historias humanas apaixoantes de xente que opta por quedarse na terra e elixe este medio como forma de vida terá esta semana como protagonista a unha moza de A Armenteira. María Carramal, que fai uns anos puxo en marcha unha orixinal e interesante iniciativa, A Horta de San Ero, protagonizará unha das tres historias que o programa levará aos fogares de toda Galicia a través da pequena pantalla este martes 8 de maio a partires das 22:30 horas. Na compaña das cámaras da televisión autonómica, María mostraranos o que é o seu día a día. O traballo na horta, a venda na praza de abastos, o reparto polos establecementos comerciais e todo o conxunto de tarefas que realiza diariamente durante a súa xornada laboral serán retransmitidos e constituirán unha das tres historias e das tres vidas distintas que semana tras semana se entrelazan neste xa veterano programa. Para finalizar a intensa xornada laboral, María e os reporteiros desprazaranse ata A Peneira. Tapería Rural, un dos locais de hostalaría referencia da parroquia, no que elaborarán un menú cos produtos de A Horta de San Ero. A aposta pola horticultura ecolóxica e polos cultivos agrarios de calidade, aproveitando os recursos propios e máis naturais da parroquia, un feito no que a pequena empresa creada por María Carramal trata de abrir camiño a outras iniciativas similares, terá o recoñecemento e a repercusión que se merece nun programa que ten ao campo e á muller como principais sinais de identidade. Coa súa particular simpatía María ensinaranos o mimo co que coida as hortalizas, as legumes, as froitas, as prantas aromáticas ou as flores comestibles e o exquisito trato que dá á súa fiel e cada vez máis numerosa clientela
Ningún comentario:
Publicar un comentario