Buscar neste blog

luns, 25 de xuño de 2018

O Armenteira C.F. abre o prazo de inscrición nos seus equipos de cara á temporada 2018/2019

O Armenteira C.F. vén de abrir o prazo de inscrición nos seus equipos de cara a próxima temporada, a 2018/2019, tanto no que se refire ás correspondentes á escola de fútbol base, nas que aparte das categorías nas que dispuxo de equipos en competición oficial na presente campaña, benxamín, alevín, infantil e xuvenil, como na correspondente a outra das máis importantes e ambiciosas apostas da entidade que preside Martín Casais durante os dous últimos exercicios, a categoría sénior feminina. Como sinal de identidade, que a diferenza dos demais clubes da comarca ou incluso da provincia, a inscrición volverá a ser totalmente gratuíta, e os futbolistas que se anoten nas distintas categorías do Armenteira C.F. non terán que abonar ningún tipo de cota por formar parte dun plantel que esta temporada se aproximou ás cen licenzas federativas, cifra que agarda manter ou aumentar se é posible, seguindo a progresión que o clube de O Leixo está levando a cabo durante os últimos anos. En pouco máis dunha década a entidade verde e negra pasou de contar unicamente con dous conxuntos a dispoñer de cinco e converterse na primeira entidade futbolística en canto a número de licenzas federativas do Concello de Meis e nun dos referentes neste ámbito a nivel comarcal.  Como principal bagaxe da temporada que vén de rematar o Armenteira C.F. presenta como principais éxitos deportivos o subcampionato na Copa Deputación de Pontevedra nas categorías xuvenil e alevín, na modalidade de fútbol-8, dous logros de gran mérito tendo en conta a escaseza de recursos e a precaridade das instalacións do clube de A Armenteira respecto da maior parte dos outros clubes dos arredores. A entrega e a gran labor desenvolvida tanto pola Xunta Directiva como polo corpo técnico, acompañados de toda o gran número de compoñentes dunha entidade que se resiste a perder o carácter familiar co que emprendeu a súa singladura foron claves para sacar adiante outra temporada, que recoñecen que non foi nada fácil, así como para acadar estes importantes logros a nivel deportivo e formativo. De cara á próxima campaña agárdanse importantes novidades que reforcen un proxecto que non só pretende consolidarse, senón que procurará seguir medrando sen perder a filosofía que sempre caracterizou ao clube. En pleno deseño das liñas básicas que trazarán a campaña que comezará no mes de agosto co acto de presentación dos equipos, a Xunta Directiva apostará por importantes novidades que reforcen e afiancen un proxecto que na temporada 2018/2019 terá que dar un paso decisivo na historia dunha entidade que cumpre xa vintetrés anos de historia. Clave neste avance será tanto a planificicación e o crecemento dos equipos, a aposta pola escola de fútbol base e pola organización de eventos, entre eles os torneos deportivos, que volverán ter como emblema a COPA ARMENTEIRA, da que fai apenas un mes se disputou a segunda edición, coa presenza de doce conxuntos de categoría sénior feminina, e que reuniu no campo de O Leixo a unhas trescentas persoas e rematou coa vitoria da S.D. Puentearnelas.



Ningún comentario:

Publicar un comentario