Buscar neste blog

martes, 26 de xuño de 2018

Os ecos da primitiva industria

Non é A Armenteira unha parroquia que destaque pola súa intensa actividade industrial. Para ben ou para mal os seus recursos xiran arredor de agricultura, da silvicultura, do turismo e da restauración e a hostelaría. Pero houbo tempos nos que se promoveron iniciativas industriais pioneiras, innovadoras e orixinais, que marcaban tendencia dentro da incipiente industria que existía na comarca. En plena Ruta da Pedra e da Auga, á altura do lugar de Couso, na área coñecida como Bouza de Castromao, consérvanse os restos dun antigo aserradoiro. Na actualidade só se conservan as pedras que servían de base a unha nora ou roda que aproveitaba toda a forza da enerxía hidráulica que proporcionaba o río Armenteira no seu descenso polas ladeiras do Monte Castrove ata desembocar no Umia. A forza da auga movería as serras que transformarían as táboas os inmensos recursos forestais que entón, quizais mellor aproveitados que agora, abundaban no entorno. Pero, tras vivir o seu apoxeo a comezos do século XX, a chegada da enerxía eléctrica faría que a forza da auga acabase sendo substituída por esta nova fonte de enerxía, e, mediada a centuria, o antigo aserradoiro da Bouza de Castromao, fose abandonado. Tratou o señor Juan, o seu promotor, un pericioso e vocacional carpinteiro, continuar coa actividade nas proximidades do seu domicilio, na aldea de As Pedras, pero non contou co apoio nin cos seus precisos para facelo. No entanto, no lugar do aserradoiro ergueríase un muíño, que seguiría utilizando a forza da auga, aínda que neste caso para transformar outro recurso abondoso na zona, o millo, en fariña, tan necesaria na economía de base eminentemente agraria da época. O muíño, ao que os traballos de recuperación denominaron Muíño do Souto, denominación a todas luces imprecisa, pois O Souto non se corresponde co lugar no que está situado, que como xa se mencionou é a Bouza de Castromao, senón que se trata da zona do lugar de Couso no que habita a familia propietaria, na actualidade a familia Carro. É un dos muíños mellor conservados dos que se poden observar ao longo da Ruta da Pedra e da Auga, que, de feito, se mantivo en funcionamento ata fai unhas décadas, e, se nos achegamos a algún dos seus ventanucos podemos contemplar aínda enseres dos tempos nos que os grans de millo e centeo fluían arredor da pedra de moer. Completa este espectacular complexo de arquitectura popular, un dos mellores exemplos do patrimonio etnográfico da parroquia, unha ponte da que se desprende unha fervenza que reforza o son bulideiro das augas dun río Armenteira que por estes lares percorre aínda o seu curso alto. A beleza do entorno, entre as árbores e a frondosa natureza da Bouza de Castromao, e coas antigas pradeiras do Batán Vello en fronte, fan del unha parada case obrigada para os milleiros de sendeiristas que cada ano transitan polo seu carón. Os paneis explicativos e o repouso que ofrecen as pedras para tomarse un respiro antes de iniciar un dos treitos máis esixentes da ruta provocan que este descanso no camiño se acabase convertendo case un ritual, seguramente algo moi parecido ao que lle ocorreu a Don Ero fai practicamente un milenio, e, por este moitas das persoas que se sumerxen entre a sombra das árbores para disfrutar deste cada vez máis famoso e concurrido sendeiro deteñen a marcha para relaxarse e deleitarse da tranquilidade e a incomparable fermosura do enclave. Hai quen propuxo transformar este entorno nun establecemento adicado a usos hostaleiros, condicións dende logo reúne, pero o que é certo é que a mellor acción que se pode levar a cabo co antigo aserradoiro da Bouza de Castromao e co muíño que o acompaña é dar a coñecer o que significaron no pasado, para que os visitantes, pero tamén os veciños e veciñas poidan ter a oportunidade de coñecer o noso pasado e iniciativas tan emprendoras como a do señor Juan, un visionario que puxo a andar unha nora e sementou unha idea que curiosamente prendería décadas despois a través dun dos seus descendentes, na emigración, lonxe das nosas fronteiras, onde na actualidade é propietario dunha das industrias máis importantes do sector da carpintería, xa non na ladeira do Monte Castrove, senón ao pé da impoñente Cordilleira dos Alpes. É posible que non vexamos nunca máis rodar a nora, sería unha iniciativa tremendamente interesante que isto ocorrese, pero mentres a forza da auga do río Armenteira e a memoria das xentes permanezan vivas, o aserradoiro, o muíño, o lugar de Couso, a parroquia de A Armenteira e a Ruta da Auga e da Pedra continuarán sendo unha zona de paso, de atracción e de xeración de riqueza, non baseada xa nas táboas nin na fariña, senón no patrimonio, na historia, na natureza e nunhas actividades turísticas nas que este recuncho da comarca de O Salnés constitúe hoxe en día un dos principais referentes da contorna.



Ningún comentario:

Publicar un comentario