Buscar neste blog

xoves, 21 de xuño de 2018

A Armenteira estará presente no Bamboleo da CRTVG

Tras o éxito de asistencia ao programa da CRTVG Land Rober Tunai Show, para a que se conseguiu encher un autobús con máis de cincuenta persoas. o ARMENTEIRA C.F. e a ASOCIACIÓN DE VECIÑOS E VECIÑAS DE A ARMENTEIRA veñen de recibir unha invitación de parte da produtora do programa Bamboleo para asistir á gravación  que terá lugar o luns 23 de xullo, no que será unha das últimas emisións deste programa na presente temporada. Un autobús trasladará de forma gratuíta á expedición, se é que dan reunido un mínimo de 25 asistentes, ata o Plató 1.000, en Montouto, no concello de Teo, o mesmo lugar no que se desenvolve o Land  Rober Tunai Show para, a partires das 19:30 horas, participar na gravación dun programa no que o protagonismo o teñen principalmente a música e o baile. Presentado polo polifacético José Manuel Piñeiro, no estudo no que se grava distínguense cinco sets, albergando unha presenza de público próxima ás 200 persoas, e conta normalmente tamén con diferentes actuacións de artistas das máis variadas procedencias e estilos musicais. O programa está dirixido a unha audiencia ampla, independente da idade, e é frecuente que acolla tanto a grupos do pop galego máis actual e en voga, como pode ser o caso de  Eladio y los Seres Queridos ou A Tuna Rastafari, ou tamén dalgunhas das orquestras máis importantes e populares de Galicia, ao mesmo tempo que é habitual disfrutar dos ritmos de artistas tan recoñecidos dentro e fóra das nosas fronteiras como David Civera, Merchi ou Andy & Lucas. En algo máis de dúas horas distribúense seccións como Agora ou Nunca, na que se ofrece a oportunidade para que poidan sobresaír artistas descoñecidos para o gran público, Dirty Dancing, na que se propón un baile interxeneracional, especialmente con exhibición de bailes de salón, Ghaliñeiro, na que se mostran vídeos divertidos extraídos de internet, a ITV do Amor, un test para parellas de namorados que pensan casar ou ir vivir xuntos; Falabarato, que achega bromas con cámaras ocultas; ou Faino Ti, unhs divertida proposta de intercambio de tarefas entre parellas consoldadas. A emisión realízase os sábados a partires das 22:00 horas, polo que no caso da gravación á que acudirá a expedición de A Armenteira non se poderá contemplar a través da pequena pantalla da televisión autonómica ata a noite do sábado 28 de xullo. Para anotarse, segundo lembran dende as entidades encargadas de xestionar a asistencia, poden facelo, mediante chamada telefónica como vía whatsapp, a través dos números de teléfono 677225487, 678647709, 666757949,  636396652 ou ben no enderezo electrónico aavvdearmenteira@gmail.com.



Ningún comentario:

Publicar un comentario