Buscar neste blog

sábado, 1 de decembro de 2018

Suspendido o partido entre o Armenteira C.F. infantil e a E.F.B. Vilanova entre o infortunio arbitral

ARMENTEIRA C.F. - E.F.B. VILANOVA - 2 - 5 (suspendido no minuto 59)
ARMENTEIRA C.F. Víctor; Mateo, Álex, Fran, Irene Pesqueira; Júnior, Íñigo, Javi, Manu Meixús; Irene Varela e Carlos. Tamén xogou Ramón.
GOLES:1-0. Minuto 2. Manu Meixús. 2-0. Minuto 4. Íñigo. 2-1. Minuto 11. Álvaro Diz. 2-2. Minuto 14. Alejandro Troncoso. 2-3. Minuto 25. Álvaro Diz. 2-4. Minuto ??. Álvaro Diz. 2-5. Minuto 47. Adrián Padín.
ÁRBITRO: Centeno Pla. Mostrou cartón amarelo a Pablo Janeiro por parte da E.F.B. Vilanova e mostrou cartóns vermellos a Javi, Íñigo e Carlos por parte do Armenteira C.F., ademais de amonestar primeiro con cartón amarelo e logo con cartón vermello directo ao membro do corpo técnico do Armenteira C.F. Fran Filgueira "Pacheco".
INCIDENCIAS: Partido da undécima xornada da Segunda autonómica infantil. Grupo 11, disputado no campo de O Leixo, ante uns setenta espectadores, nunha tarde fresca e nublada, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables, dadas as características que presenta habitualmente a superficie de terra do campo de O Leixo.

CRÓNICA
Os equipos de categoría infantil do Armenteira C.F. e da E.F.B. Vilanova disputaron na tarde deste sábado un partido intenso, marcado pola deportividade en trazos xerais, e no que o gran protagonista foi colexiado Centeno Pla, que tivo unha errática actuación, con escaso acerto á hora de tomar decisións, que viu como un partido de categoría infantil, con nenos e nenas de entre once e trece anos, se lle ía pouco a pouco das mans, ata que no minuto 59, cunha total falta de tacto na interpretación do fútbol, aplicou o regulamento de forma desmesurada e deixou ao Armenteira C.F. con tres xogadores menos e sen representación do corpo técnico no banquillo. No que se refire ao aspecto deportivo foi un encontro no que o cadro local axiña colleu vantaxe. Manu Meixús culminando un rápido contraataque e Íñigo a través dun excelente lanzamento de falta poñían dous goles por diante aos seus cando apenas se levaban disputado catro minutos de xogo. A reacción do conxunto vilanovés non se fixo agardar. Cun maior potencial colectivo, a escadra que dirixe o ex-adestrador do Meaño F.C. José Luis Blanco, tomou o control do xogo e comezou a achegarse cada vez con máis frecuencia á meta defendida por Víctor, que substituía ao lesionado Sergio. Álvaro Diz recurtaba distancias e o capitán Alejandro Troncoso, un futbolista con raíces na parroquia de A Armenteira, na residen os seus avós paternos, igualaba o marcador. De novo Álvaro Diz poñía en vantaxe á escadra branquiazul antes de chegares ao descanso. No segundo período mantívose a superioridade do equipo visitante. O Armenteira C.F. limitábase a agardar atrás e a tratar de recuperar o coiro para armar algún contraataque, accións nas que Íñigo, e sobre todo Júnior e Manu Meixús volveron levar a iniciativa.  Un gol de novo de Álvaro Diz e outro Adrián Padín, aproveitando a descolocación e a falta de contundencia dos defensores verdinegros, parecían sentenciar o partido para a E.F.B. Vilanova. Cando o encontro enfilaba a recta final chegou o momento culminante. A desacertada e moi protestada actuación de Centeno Pla viuse completada nunha xogada na que Javi, disputando un balón a un rival, golpea a este no xeonllo, e na que o árbitro sinala falta e, ante a sorpresa dos presentes, bota man ao seu peto a saca un cartón vermello. As protestas de Íñigo e Carlos rematan tamén coa expulsión destes dous futbolistas, ao igual que ocorreu co membro do corpo técnico Fran Filgueira "Pacheco". O balbordo provocado pola desmesurada aplicación do regulamento por parte do colexiado e o clima escasamente favorable para a continuación do xogo que se derivou desta situación motivaron que se tomase a decisión de que o máis conveniente era o partido se detivese. Os futbolistas do Armenteira C.F. foron camiño dos vestiarios, e seguidamente tamén ocorreu o mesmo cos da escadra do O Terrón. Mentres o árbitro trataba de calmar o seu nerviosismo e de poñer orde nas confusas anotacións que realizara. O minuto no que se acadara algún dos tantos, os dorsais dos amonestados, os motivos das amonestacións... case todo parecía estar errado. Entre versións contrapostas co que Centeno Pla ía reflectir na acta arbitral o colexiado saiu a dar explicacións intres despois. Finalmente acordouse que o encontro figurase como suspendido no minuto 59, e agora corresponde ao Comité de Competición ditaminar o que se debe facer co que resta por disputar: se se debe reanudar o xogo ou se se da definitivamente como vencedor ao equipo da E.F.B. Vilanova. Resulta lamentable que ocurran feitos como o deste sábado nun deporte e especialmente nunhas idades nas que o obxectivo fundamental é formar, educar e facilitar a transmisión de determinados valores. Cando estes obxectivos se truncan, cando se dan situacións deste tipo, a responsabilide non soe recaer unicamente nunha parte. Público, xogadores, adestradores... contribúen a que isto suceda, pero a actuación de Centeno Pla, que indubidablemente non tivo o seu mellor día, foi determinante para que un encontro que aparentemente non tiña grandes compricacións finalizase de forma tan accidentada e abrupta.



Ningún comentario:

Publicar un comentario