Cando transcurriron pouco máis de sete
días dende que remataron as festas de Semana Santa e aínda se conservan na retina de moitos
veciños e veciñas as imaxes da vistoso espectáculo que ofreceu a famosa
orquestra Panorama, A Armenteira volve estar en festas. Neste caso tócalle o
turno aos lugares de Gondes, As Pereiras e Cabeza de Boi, que como cada ano terán o 30 de abril e 1 de maio a súa particular celebración do San Xosé
Obreiro. Foi no ano 1955 cando o papa Pío XII instituíu esta celebración, coa intención de sumar o mundo cristián a unha conmemoración que o movemento obreiro, baixo a denominación do Día Internacional dos Traballadores e Traballadoras, convertera nunha tradición dende 1889, na época da Segunda Internacional. Tratábase en orixe dunha homenaxe aos denominados Mártires de Chicago, un grupo de sindicalistas
anarquistas executados tras unha serie de mobilizacións reclamando melloras
para a clase traballadora, principalmente a xornada laboral de oito horas.
Afortunadamente as condicións foron cambiando, pero o espíritu reivindicativo,
conmemorativo e mesmo festivo non se perdeu. E neste senso A Armenteira
tampouco se quere quedar atrás e festexará o seu San Xosé Obreiro a partires deste
martes, 30 de abril, cando teña lugar unha verbena con dúas das orquestras máis
coñecidas do panorama musical galego: Saudade e Chasleston Big Band. Os actos
continuarán o mércores cando, tras un pasarrúas á primera hora da mañá, se
celebrará unha misa cantada a partires das 13:00 horas. Seguidamente haberá unha
comida popular no campo da festa cun menú a base de callos, porco á brasa, pan,
viño, agua e café, que estará acompañada de varios concursos con agasallos
para as persoas vencedoras. O festexo culminará coa actuación esa mesma noite
do Dúo Arena, que traerá de novo os seus pegadizos ritmos a un recinto festivo que, ao
igual que o martes, estará cuberto por unha gran carpa.
Buscar neste blog
martes, 30 de abril de 2019
venres, 19 de abril de 2019
Armenteira, en tempo de debate
Cando aínda veñen de confirmarse a data e os participantes nos debates entre os candidatos das principais formacións políticas ás eleccións xerais do próximo 28 de abril A Armenteira cobra protagonismo neste tempo de debate. Se Pedro Sánchez, actual presidente do goberno e candidato á presidencia polo PSOE, aceptou debater finalmente o luns na disputa dialéctica que organiza RTVE o luns, 22 de abril, e o martes na que organiza Atresmedia, e contrapoñer as súas posturas coas de Pablo Casado, Albert Rivera e Pablo Iglesias, as persoas que aspiran a presidir a alcaldía do concello de Meis veranse as súas caras diante da pequena pantalla este venres, 19 de abril. No programa Contrastes, de Canal Rías Baixas, a antiga Telesalnés, José Luis Pérez Estévez, rexidor durante os últimos vinte anos e candidato polo Partido Popular, Marta Giráldez, candidata polo PSdeG-PSOE, e Xoán Manuel Vázquez Sevillano, aspirante por parte do Bloque Nacionalista Galego, valorarán a xestión municipal durante os últimos anos e confrontarán as súas ideas e as súas propostas para mellorar a situación do Concello. A quenda de Meis chega despois de que ao longo da semana foran pasando polo plató instalado pola canle comarcal no Auditorio de Ribadumia os candidatos e candidaturas de municipios veciños como Catoira, Portas, Barro ou Moraña. Segundo establecen as normas do programa que presenta Dani García o espazo abrirase co saúdo aos candidatos e unha breve presentación do Concello que protagoniza o debate. A continuación, comezando polo aspirante da formación máis votada nas últimas eleccións municipais, os comparecentes dispoñerán dun minuto para expoñer o seu proxecto e facer balance do mandato que remata. Desenvolveranse entón os tres grandes bloques que ocuparán a maior parte da emisión: infraestruturas, urbanismo e dotación de servizos públicos; economía, emprego, sectores produtivos e turismo; e políticas sociais, demografía, atención ao rural, participación cidadá, transparencia e rexeneración democrática dende os Concellos. Para culminar a participación os distintos candidatos terán un minuto final para dirixirse aos espectadores e espectadoras, sen poder facer alusión ao resto dos candidatos nin réplicas de ningún tipo, seguindo sempre a orde de intervención dende a forza menos votada á máis votada. Cabe mencionar que neste caso non estará presente, porque as normas do programa así o indican, o aspirante á alcaldía por parte da agrupación política Independientes por Meis, Serafín Melón, que se estrea como candidato dunha formación que non concurriu aos comicios de 2015. Será por tanto unha oportunidade para que a veciñanza de Meis poida analizar os diferentes proxectos e as persoas que se poñen á fronte dunha institución na que están representados os intereses de todos e todas e que guiará os destinos do municipio e da parroquia de A Armenteira durante os próximos catro anos. A cita é este venres, 19 de abril, a partires das 22:15 horas, no espazo Contrastes de Canal Rías Baixas.
xoves, 18 de abril de 2019
Pasarón agarda unha nova expedición do Armenteira C.F.
O estadio municipal de Pasarón recibirá este xoves, 18 de abril, unha expedición do Armenteira. O motivo da visita é a invitación que o Pontevedra C.F. cursou ao clube de O Leixo para asistir ao partido que disputarán o conxunto local fronte ao C. Rápido de Bouzas. Será un encontro de enorme interese, dado os obxectivos en xogo por parte de ambos os dous equipos. O Pontevedra C.F. ocupa actualmente a cuarta posición, un cinco puntos do líder, o C.F. Fuenlabrada, e cun punto por enriba do Real Madrid C.F-Castilla, co que o cadro que dirixe Luismi Areda depende de si mesmo para entrar na fase de ascenso á Segunda División do fútbol español. Pola súa contra, a escadra viguesa atópase en plena loita por eludir o descenso, aínda que só a tres puntos da salvación. Tratarase, por tanto, dun duelo de rivalidade, para o que se prevé un grande espectáculo e unha enorme intensidade no xogo. Por esta razón e cumprindo co seu compromiso co clube da capital da provincia o Armenteira C.F. non quixo faltar á cita, como tampouco o fixo fai dúas semanas cando o conxunto da cidade do Lérez se mediu á U.D. San Sebastián de los Reyes. Xestionada pola Xunta Directiva a entidade verdinegra enviará unha expedición que a partires das 17:00 horas deixarase notar nas bancadas do estadio de Pasarón. Unha vez máis, como vén ocorrendo durante as últimas temporadas o Armenteira C.F. responde positivamente ás invitación que Lupe Murillo, en nome do Pontevedra C.F., envía na recta final do campionato. Como ocorreu noutros momentos, apoiando o ascenso á Segunda División B na campaña 2015/2016, a clasificación para a promoción de ascenso na campaña 2016/2017 ou a consecución da permanencia na 2017/2018 A Armenteira e o fútbol que a representan volverá estar onde realmente cre que debe estar.
domingo, 14 de abril de 2019
O Armenteira C.F. prepara a súa participación na Santomé Playsport Cup Solidaria
O Armenteira C.F. está preparando estes días a súa participación na Santomé Playsport Solidaria, un torneo que se celebrará esta semana no campo de Chan de Piñeiro, na localidade de San Tomé de Piñeiro, no concello de Marín. Da man de David Recondo, experto en xestión deportiva, este ano iníciase un proxecto que nace coa pretensión de converterse nun clásico. Trátase dun evento deportivo e social, de carácter fundamentalmente solidario, no que ademais se buscará a integración e a convivencia entre os nenos e nenas dos clubes participantes. Para elo deseñouse un completo programa de actividades lúdico-deportivas, que se compaxinarán coa competición propiamente dita. Durante a semana, dende o martes ata o venres, iranse disputando os partidos, sendo reservado cada día a unha categoría diferente. O martes será o turno da categoría cadete, o mércores da infantil, o xoves da benxamín, o venres da prebenxamín e da alevín. Como sinalan dende a organización "xunto aos valores humanos e educativos, tales como a amizade, o respecto, o compromiso, o compañeirismo, o esforzo e o traballo en equipo", que os nenos e nenas reciben nos centros educativos e nos seus fogares e nos seus clubes, o que se pretende é que "tamén demostren un dos valores máis necesitados hoxe en día, como é o da solidariedade, aportando desta maneira coa súa participación o seu gran de area para axudar a quen máis o necesita". Deste xeito, realizarase unha recollida de alimentos, que irán dirixidas ás asociacións do concello de Marín, mentras que as achegas económicas que se entreguen irán destinadas a Cáritas Santomé, de Marín, a Aldeas Infantiles SOS Galicia, de Redondela, e a INGADA, o Instituto Galego do TDAH e Trastornos Asociados. Todas estas asociacións estarán presentes no torneo e faráselle entrega destas aportacións no acto de clausura que terá lugar o venres, 20 de abril. Entre as actividades das que poderán disfrutar os participantes estarán inchables, diversos xogos e obradoiros de comunicación sobre distintos aspectos que vivan diariamente e sexan de interese para os nenos e nenas. No caso do Armenteira C.F. a data fixada para a participación será o mércores, 17 de abril, en concreto a través do equipo de categoría infantil. O cadro que adestran Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez está encadrado nun grupo con equipos como o Playsport, o C.D. Moaña "A", o C.D. Moaña "B", a A.X.D. Verdugo, a U.D. Santa Marina e o San Roque Casablanca, que competirán, en horario de mañá e tarde mediante sistema de liguiña. Tratarase, sen dúbida, dunha experiencia inesquecible para o clube de O Leixo, que desta maneira quere mostrar ademais o seu compromismo cos valores que forman para da súa identidade, entre eles o carácter solidario. Por este motivo, e segundo se recomenda dende a organización, cada futbolista e cada acompañante aportará un euro en metálico ou ben un quilogramo de alimentos non perecedoiros.
venres, 12 de abril de 2019
Unha equipación que marca xeracións
Hai camisetas que fan historia, que quedan na memoria de xeracións que ano tras ano celebran algún acontecemento especial. É costume que en moitos festexos as xentes se vistan con camisetas especialmente confeccionadas para un evento e que, a modo de peña, saian a lucilas para exhibir espíritu de grupo e manifestar a súa identificación cunhas festas que para esas persoas evidentemente non son unhas festas calquera. Na Festa do Albariño de Cambados, na Festa da Auga de Vilagarcía de Arousa ou na celebración de Peñas en Pontevedra os mozos e mozas mostran este particular uniforme que os converte en auténticos entre a multitude. En A Armenteira non iamos ser menos e dende fai máis de dúas décadas, un grupo de mozos, que se acabou convertendo no xermolo da actual Comisión de Festas O´Noso, vén lucindo e renova cada ano unha equipación da que ademais fan partícipe a toda aquela xente que queira disfrutar das festas de Semana Santa da parroquia. Ao que comezaron sendo unhas camisetas engadíronse sudaderas para ir completando un armario que hai quen garda como lembranza dunhas festas que fan de A Armenteira un dos principais puntos de referencia de Galicia durante estas datas. Na popular Romaría da Virxe das Cabezas, pero tamén durante a Festa da Xuventude ou na verbena na honra da Virxe dos Dolores, que nesta edición contará coa actuación da famosa orquestra Panorama, a equipación elixida para 2019 pola Comisión de Festas O´Noso, nesta ocasión en tonos gris para as sudaderas e brancos para as camisetas, destacará de novo como un dos sinais de identidade dunha celebración que, se se mantén viva, é sobre todo grazas á implicación de persoas como as que forman parte desta asociación. Para adquirilas só hai que poñerse en contacto con algún dos seus representantes, aínda que, como en anos anteriores, convén darse présa, xa que as existencias non tardan en esgotarse.
luns, 8 de abril de 2019
Duodécima vitoria consecutiva do Armenteira C.F. infantil tras superar con contundencia á A.D. Arousa F-7 en Berdón
A.D. AROUSA F-7 - ARMENTEIRA C.F. - 3 - 8
ARMENTEIRA C.F. Sergio; Víctor, Álex, Fran, Carlos; Andrés, Íñigo; David, Irene Varela, Irene Pesqueira; e Manu Meixús. Tamén xogaron Júnior, Javi, Ramón e Mateo.
ARMENTEIRA C.F. Sergio; Víctor, Álex, Fran, Carlos; Andrés, Íñigo; David, Irene Varela, Irene Pesqueira; e Manu Meixús. Tamén xogaron Júnior, Javi, Ramón e Mateo.
GOLES:0-1. Minuto 2. Íñigo. 0-2. Minuto 25. Manu Meixús. 0-3. Minuto 26. Javi. 0-4. Minuto 28. Manu Meixús. 1-4. Minuto 37. Alejandro Suárez. 1-5. Minuto 43. Íñigo. 1-6. Minuto 46. Íñigo. 1-7. Minuto 54. Íñigo. 2-7. Minuto 64. Raúl Fachado. 2-8. Minuto 73. Íñigo. 3-8. Minuto 78. Raúl Fachado.
ÁRBITRO: Villa Salvador. Non mostrou cartóns a ningún dos dous equipos.
ÁRBITRO: Villa Salvador. Non mostrou cartóns a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da décima xornada da Segunda autonómica infantil. Grupo 62, disputado no campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, ante uns corenta espectadores, nunha mañá fresca e nublada, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.
CRÓNICA
O equipo infantil do Armenteira C.F. suma un novo triunfo á brillante traxectoria que iniciou a finais do pasado ano. Desta volta foi no campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, nunha localidade e nunha fin de semana especialmente tráxica para o clube de O Leixo. O falecemento de Lucas Pérez, ex-futbolista da entidade nas categorías infantil e cadete, provocou unha grande consternación nunha familia verdinegra que viviu nos últimos tempos varios acontecementos desgraciados. Curiosamente, o corpo de Lucas era velado e sería soterrado ese mesmo día a escasa distancia do lugar no que se disputou o encontro entre a A.D. Arousa F-7 e o Armenteira C.F. E nada mellor para homenanexear ao compañeiro desaparecido que lograr unha nova vitoria para continuar na loita polo título. O minuto de silenzo abriu paso a un partido no que o cadro visitante non quixo deixar lugar á emoción. Un zapatazo de Íñigo nun lanzamento de falta, ao máis puro estilo de Cristiano Ronaldo, serviu para inaugurar o marcador. Buscou reaccionar o equipo vilagarcián, tratando de elaborar un fútbol combinativo, aínda que con escaso éxito nos metros finais. A falta de puntería dos atacantes amarelos e a acertada actuación, unha vez máis, do gardamallas Sergio facían inútiles os esforzos locais. Unha xogada combinativa culminada por Íñigo, e dous acción similares finalizadas por Javi e Manu Meixús, sentenciaban practicamente o encontro cando aínda non dera rematado a primeira metade. O gol de Alejandro Suárez ao recoller un rexeitamento do longueiro tras a execución dunha falta, contribuía a facer xustiza ao esforzo da A.D. Arousa F-7. Na segunda metade mantívoso a tónica do período inicial. Trataba do dominar o conxunto de Toño Catoira, pero o Armenteira C.F., moito máis directo e contundente ante a meta rival, non perdoaba. A exhibición de fútbol e goles de Íñigo completouse con catro tantos máis do mediocampista de Couso. En contraataques, a través de xogadas elaboradas, de cabeza... o Armenteira C.F. infantil parece non ter límites nesta fase da competición. Só dous tantos de Raúl Fachado permitiron que o conxunto local maquillase algo o resultado. Con este triunfo o equipo que dirixen Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez continúa na segunda posición, con vintesete puntos, á espera de recibir o próximo sábado, no campo de O Leixo, a partires das 16:30 horas, ao C.D. Soutomaior, un esixente adversario que ocupa o sexto posto con catorce puntos.
mércores, 3 de abril de 2019
Mechóns por unha boa causa
Algo tan cotiá e aparentemente irrelevante como curtar o pelo pode converterse nun acto de carácter solidario do que moita xente pode verse beneficiada. Dende fai uns meses unha empresa de A Armenteira, Marta Martínez Peluquería y Estética ven colaborando coa ONG Mechones Solidarios recollendo o cabelo que dona a clientela para elaborar perrucas destinadas a persoas que, por determinados motivos, as precisan. Os agresivos tratamentos contra o cancro ou outras enfermidades graves provocan a perda de pelo e, nestes casos, unha perruca axuda a recuperar o ánimo e a autoestima nunha loita tan dura, tan constante e que requiere tanto esforzo e valentía coma esa. Por esta razón este establecemento, situado no lugar de Cabeza de Boi, e a súa xerente, Marta Martínez, son un dos principais patrocinadores da I Gala Solidaria a prol de Mechones Solidarios, que se celebrará este domingo, 7 de abril, a partires das 17:00 horas, no Auditorio de Ribadumia. As entradas para o evento pódense adquirir en Peluquería Sandra Domínguez, contactando coa Agrupación Musico-Cultural de Ribadumia, coa Academia de Baile Millennium, ou no propio local de Marta Martínez Peluquería y Estética. Polo módico prezo de tres euros terán a posibilidade de disfrutar dun espectáculo presentado pola animadora Susana Álvarez, artísticamente coñecida como Susi Baker, e que contará coa actuación da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia, da Academia de Baile Millennium, de grupos como Añoranza e M80 ou dunha escola de judo. Ademais, haberá diversos sorteos de agasallos donados polas empresas patrocinadoras, que permitirán que as persoas asistentes, ao tempo que colaboran por unha boa causa, poidan levarse a mellor lembranza dun acto que, sen lugar a dúbidas, paga a pena.
luns, 1 de abril de 2019
España Directo, este martes dende A Armenteira
España Directo o programa de RTVE que se emite de luns a venres en a partires das 19:30 horas terá este martes, 2 de abril, un espazo para A Armenteira. O popular e xa veterano magacín informativo da primeira canle da cadea pública estatal, que se centra fundamentalmente na crónica social de España e realiza conexións en directo con distintos recunchos da xeografía do país, desprazará á nosa parroquia a un equipo de reporteiros para grabar unha reportaxe sobre un dos temas que máis expectación está levantando nos últimos días: a problemática relacionada coa presenza de cabalos mostrencos nas leiras de cultivo e nas vías de circulación. Fai uns días que dende Televisión Española se contactou coa Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira para preparar os detalles da grabación. Será unha reportaxe breve, na que non só se tratará a polémica dos cabalos, senón que tamén darán a coñecer a España e ao mundo outros aspectos característicos da parroquia. Para elo unha representación da sociedade veciñal acompañará aos profesionais do ente público para guialos e asesoralos en todo o que precisen para realizar a súa labor. Aberto o camiño para acadar unha solución ao problema dos cabalos mostrencos, tras as negociacións iniciadas coa Asociación Cabalar Monte Castrove, chega o momento de darlle repercusión ao asunto mediante unha reportaxe que fará que A Armenteira, as súas xentes, o seu patrimonio e a súa paisaxe se convirtan este martes durante uns minutos a través de La 1 e da web de RTVE nun dos principais centros de atención de España.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)