O Armenteira C.F. está preparando estes días a súa participación na Santomé Playsport Solidaria, un torneo que se celebrará esta semana no campo de Chan de Piñeiro, na localidade de San Tomé de Piñeiro, no concello de Marín. Da man de David Recondo, experto en xestión deportiva, este ano iníciase un proxecto que nace coa pretensión de converterse nun clásico. Trátase dun evento deportivo e social, de carácter fundamentalmente solidario, no que ademais se buscará a integración e a convivencia entre os nenos e nenas dos clubes participantes. Para elo deseñouse un completo programa de actividades lúdico-deportivas, que se compaxinarán coa competición propiamente dita. Durante a semana, dende o martes ata o venres, iranse disputando os partidos, sendo reservado cada día a unha categoría diferente. O martes será o turno da categoría cadete, o mércores da infantil, o xoves da benxamín, o venres da prebenxamín e da alevín. Como sinalan dende a organización "xunto aos valores humanos e educativos, tales como a amizade, o respecto, o compromiso, o compañeirismo, o esforzo e o traballo en equipo", que os nenos e nenas reciben nos centros educativos e nos seus fogares e nos seus clubes, o que se pretende é que "tamén demostren un dos valores máis necesitados hoxe en día, como é o da solidariedade, aportando desta maneira coa súa participación o seu gran de area para axudar a quen máis o necesita". Deste xeito, realizarase unha recollida de alimentos, que irán dirixidas ás asociacións do concello de Marín, mentras que as achegas económicas que se entreguen irán destinadas a Cáritas Santomé, de Marín, a Aldeas Infantiles SOS Galicia, de Redondela, e a INGADA, o Instituto Galego do TDAH e Trastornos Asociados. Todas estas asociacións estarán presentes no torneo e faráselle entrega destas aportacións no acto de clausura que terá lugar o venres, 20 de abril. Entre as actividades das que poderán disfrutar os participantes estarán inchables, diversos xogos e obradoiros de comunicación sobre distintos aspectos que vivan diariamente e sexan de interese para os nenos e nenas. No caso do Armenteira C.F. a data fixada para a participación será o mércores, 17 de abril, en concreto a través do equipo de categoría infantil. O cadro que adestran Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez está encadrado nun grupo con equipos como o Playsport, o C.D. Moaña "A", o C.D. Moaña "B", a A.X.D. Verdugo, a U.D. Santa Marina e o San Roque Casablanca, que competirán, en horario de mañá e tarde mediante sistema de liguiña. Tratarase, sen dúbida, dunha experiencia inesquecible para o clube de O Leixo, que desta maneira quere mostrar ademais o seu compromismo cos valores que forman para da súa identidade, entre eles o carácter solidario. Por este motivo, e segundo se recomenda dende a organización, cada futbolista e cada acompañante aportará un euro en metálico ou ben un quilogramo de alimentos non perecedoiros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario