Cando transcurriron pouco máis de sete
días dende que remataron as festas de Semana Santa e aínda se conservan na retina de moitos
veciños e veciñas as imaxes da vistoso espectáculo que ofreceu a famosa
orquestra Panorama, A Armenteira volve estar en festas. Neste caso tócalle o
turno aos lugares de Gondes, As Pereiras e Cabeza de Boi, que como cada ano terán o 30 de abril e 1 de maio a súa particular celebración do San Xosé
Obreiro. Foi no ano 1955 cando o papa Pío XII instituíu esta celebración, coa intención de sumar o mundo cristián a unha conmemoración que o movemento obreiro, baixo a denominación do Día Internacional dos Traballadores e Traballadoras, convertera nunha tradición dende 1889, na época da Segunda Internacional. Tratábase en orixe dunha homenaxe aos denominados Mártires de Chicago, un grupo de sindicalistas
anarquistas executados tras unha serie de mobilizacións reclamando melloras
para a clase traballadora, principalmente a xornada laboral de oito horas.
Afortunadamente as condicións foron cambiando, pero o espíritu reivindicativo,
conmemorativo e mesmo festivo non se perdeu. E neste senso A Armenteira
tampouco se quere quedar atrás e festexará o seu San Xosé Obreiro a partires deste
martes, 30 de abril, cando teña lugar unha verbena con dúas das orquestras máis
coñecidas do panorama musical galego: Saudade e Chasleston Big Band. Os actos
continuarán o mércores cando, tras un pasarrúas á primera hora da mañá, se
celebrará unha misa cantada a partires das 13:00 horas. Seguidamente haberá unha
comida popular no campo da festa cun menú a base de callos, porco á brasa, pan,
viño, agua e café, que estará acompañada de varios concursos con agasallos
para as persoas vencedoras. O festexo culminará coa actuación esa mesma noite
do Dúo Arena, que traerá de novo os seus pegadizos ritmos a un recinto festivo que, ao
igual que o martes, estará cuberto por unha gran carpa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario