Buscar neste blog

luns, 8 de abril de 2019

Duodécima vitoria consecutiva do Armenteira C.F. infantil tras superar con contundencia á A.D. Arousa F-7 en Berdón

A.D. AROUSA F-7 - ARMENTEIRA C.F. - 3 - 8
ARMENTEIRA C.F. Sergio; Víctor, Álex, Fran, Carlos; Andrés, Íñigo; David, Irene Varela, Irene Pesqueira; e Manu Meixús. Tamén xogaron Júnior, Javi, Ramón e Mateo.
GOLES:0-1. Minuto 2. Íñigo. 0-2. Minuto 25. Manu Meixús. 0-3. Minuto 26. Javi. 0-4. Minuto 28. Manu Meixús. 1-4. Minuto 37. Alejandro Suárez. 1-5. Minuto 43. Íñigo. 1-6. Minuto 46. Íñigo. 1-7. Minuto 54. Íñigo. 2-7. Minuto 64. Raúl Fachado. 2-8. Minuto 73. Íñigo. 3-8. Minuto 78. Raúl Fachado.
ÁRBITRO: Villa Salvador. Non mostrou cartóns a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da décima xornada da Segunda autonómica infantil. Grupo 62, disputado no campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, ante uns corenta espectadores, nunha mañá fresca e nublada, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O equipo infantil do Armenteira C.F. suma un novo triunfo á brillante traxectoria que iniciou a finais do pasado ano. Desta volta foi no campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, nunha localidade e nunha fin de semana especialmente tráxica para o clube de O Leixo. O falecemento de Lucas Pérez, ex-futbolista da entidade nas categorías infantil e cadete, provocou unha grande consternación nunha familia verdinegra que viviu nos últimos tempos varios acontecementos desgraciados. Curiosamente, o corpo de Lucas era velado e sería soterrado ese mesmo día a escasa distancia do lugar no que se disputou o encontro entre a A.D. Arousa F-7 e o Armenteira C.F. E nada mellor para homenanexear ao compañeiro desaparecido que lograr unha nova vitoria para continuar na loita polo título. O minuto de silenzo abriu paso a un partido no que o cadro visitante non quixo deixar lugar á emoción. Un zapatazo de Íñigo nun lanzamento de falta, ao máis puro estilo de Cristiano Ronaldo, serviu para inaugurar o marcador. Buscou reaccionar o equipo vilagarcián, tratando de elaborar un fútbol combinativo, aínda que con escaso éxito nos metros finais. A falta de puntería dos atacantes amarelos e a acertada actuación, unha vez máis, do gardamallas Sergio facían inútiles os esforzos locais. Unha xogada combinativa culminada por Íñigo, e dous acción similares finalizadas por Javi e Manu Meixús, sentenciaban practicamente o encontro cando aínda non dera rematado a primeira metade. O gol de Alejandro Suárez ao recoller un rexeitamento do longueiro tras a execución dunha falta, contribuía a facer xustiza ao esforzo da A.D. Arousa F-7. Na segunda metade mantívoso a tónica do período inicial. Trataba do dominar o conxunto de Toño Catoira, pero o Armenteira C.F., moito máis directo e contundente ante a meta rival, non perdoaba. A exhibición de fútbol e goles de Íñigo completouse con catro tantos máis do mediocampista de Couso. En contraataques, a través de xogadas elaboradas, de cabeza... o Armenteira C.F. infantil parece non ter límites nesta fase da competición. Só dous tantos de Raúl Fachado permitiron que o conxunto local maquillase algo o resultado. Con este triunfo o equipo que dirixen Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez continúa na segunda posición, con vintesete puntos, á espera de recibir o próximo sábado, no campo de O Leixo, a partires das 16:30 horas, ao C.D. Soutomaior, un esixente adversario que ocupa o sexto posto con catorce puntos.




Ningún comentario:

Publicar un comentario