Buscar neste blog

venres, 19 de abril de 2019

Armenteira, en tempo de debate

Cando aínda veñen de confirmarse a data e os participantes nos debates entre os candidatos das principais formacións políticas ás eleccións xerais do próximo 28 de abril A Armenteira cobra protagonismo neste tempo de debate. Se Pedro Sánchez, actual presidente do goberno e candidato á presidencia polo PSOE, aceptou debater finalmente o luns na disputa dialéctica que organiza RTVE o luns, 22 de abril, e o martes na que organiza Atresmedia, e contrapoñer as súas posturas coas de Pablo Casado, Albert Rivera e Pablo Iglesias, as persoas que aspiran a presidir a alcaldía do concello de Meis veranse as súas caras diante da pequena pantalla este venres, 19 de abril. No programa Contrastes, de Canal Rías Baixas, a antiga Telesalnés, José Luis Pérez Estévez, rexidor durante os últimos vinte anos e candidato polo Partido Popular, Marta Giráldez, candidata polo PSdeG-PSOE, e Xoán Manuel Vázquez Sevillano, aspirante por parte do Bloque Nacionalista Galego, valorarán a xestión municipal durante os últimos anos e confrontarán as súas ideas e as súas propostas para mellorar a situación do Concello. A quenda de Meis chega despois de que ao longo da semana foran pasando polo plató instalado pola canle comarcal no Auditorio de Ribadumia os candidatos e candidaturas de municipios veciños como Catoira, Portas, Barro ou Moraña. Segundo establecen as normas do programa que presenta Dani García o espazo abrirase co saúdo aos candidatos e unha breve presentación do Concello que protagoniza o debate. A continuación, comezando polo aspirante da formación máis votada nas últimas eleccións municipais, os comparecentes dispoñerán dun minuto para expoñer o seu proxecto e facer balance do mandato que remata. Desenvolveranse entón os tres grandes bloques que ocuparán a maior parte da emisión: infraestruturas, urbanismo e dotación de servizos públicos; economía, emprego, sectores produtivos e turismo; e políticas sociais, demografía, atención ao rural, participación cidadá, transparencia e rexeneración democrática dende os Concellos. Para culminar a participación os distintos candidatos terán un minuto final para dirixirse aos espectadores e espectadoras, sen poder facer alusión ao resto dos candidatos nin réplicas de ningún tipo, seguindo sempre a orde de intervención dende a forza menos votada á máis votada. Cabe mencionar que neste caso non estará presente, porque as normas do programa así o indican, o aspirante á alcaldía por parte da agrupación política Independientes por Meis, Serafín Melón, que se estrea como candidato dunha formación que non concurriu aos comicios de 2015. Será por tanto unha oportunidade para que a veciñanza de Meis poida analizar os diferentes proxectos e as persoas que se poñen á fronte dunha institución na que están representados os intereses de todos e todas e que guiará os destinos do municipio e da parroquia de A Armenteira durante os próximos catro anos. A cita é este venres, 19 de abril, a partires das 22:15 horas, no espazo Contrastes de Canal Rías Baixas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario