Buscar neste blog

venres, 12 de abril de 2019

Unha equipación que marca xeracións

Hai camisetas que fan historia, que quedan na memoria de xeracións que ano tras ano celebran algún acontecemento especial. É costume que en moitos festexos as xentes se vistan con camisetas especialmente confeccionadas para un evento e que, a modo de peña, saian a lucilas para exhibir espíritu de grupo e manifestar a súa identificación cunhas festas que para esas persoas evidentemente non son unhas festas calquera. Na Festa do Albariño de Cambados, na Festa da Auga de Vilagarcía de Arousa ou na celebración de Peñas en Pontevedra os mozos e mozas mostran este particular uniforme que os converte en auténticos entre a multitude. En A Armenteira non iamos ser menos e dende fai máis de dúas décadas, un grupo de mozos, que se acabou convertendo no xermolo da actual Comisión de Festas O´Noso, vén lucindo e renova cada ano unha equipación da que ademais fan partícipe a toda aquela xente que queira disfrutar das festas de Semana Santa da parroquia. Ao que comezaron sendo unhas camisetas engadíronse sudaderas para ir completando un armario que hai quen garda como lembranza dunhas festas que fan de A Armenteira un dos principais puntos de referencia de Galicia durante estas datas. Na popular Romaría da Virxe das Cabezas, pero tamén durante a Festa da Xuventude ou na verbena na honra da Virxe dos Dolores, que nesta edición contará coa actuación da famosa orquestra Panorama, a equipación elixida para 2019 pola Comisión de Festas O´Noso, nesta ocasión en tonos gris para as sudaderas e brancos para as camisetas, destacará de novo como un dos sinais de identidade dunha celebración que, se se mantén viva, é sobre todo grazas á implicación de persoas como as que forman parte desta asociación. Para adquirilas só hai que poñerse en contacto con algún dos seus representantes, aínda que, como en anos anteriores, convén darse présa, xa que as existencias non tardan en esgotarse.


Ningún comentario:

Publicar un comentario