Buscar neste blog

mércores, 30 de outubro de 2019

Ampla participación na xuntanza entre o grupo de goberno de Meis e a veciñanza de A Armenteira

A xuntanza que reuniu este mércores, 30 de setembro, ao grupo de goberno do Concello de Meis, coa propia alcaldesa Marta Giráldez á fronte, e á veciñanza de A Armenteira contou cunha ampla participación. Máis dun centenar de persoas ateigaron o Local Social de Vilar, a popularmente coñecida como Casa de Cultura, nun acto no que ademais da alcaldesa estiveron as concelleiras Araceli Maquieira e María Sancho e o concelleiro Martín Casais, veciño da parroquia. Excusou a súa ausencia o concelleiro José Ramón Vidal Juviño, que por motivos de traballo non puido asistir. Quen si estivo foi un técnico municipal que, ao igual que o fixera nas xuntanzas veciñais que tiveran lugar noutras parroquias do Concello, acudiu para resolver os asuntos de maior complexidade. Abriu o acto Marta Giráldez, facendo referencia ás actuacións que impulsou en A Armenteira o grupo de goberno dende que se produciu o cambio no bastón de mando municipal no pasado mes de xuño. A rexidora citou as melloras realizadas no colexio antes do inicio das clases, as reclamacións perante a Consellería de Sanidade polas deficiencias de asistencia médica e pediátrica, as tarefas de desbroce que se están levando a cabo nas marxes da rede viaria municipal ou as obras de alfaltado e adecentamento da superficie rodada que se vai acometer nalgúns viais que transcurren pola parroquia. A continuación viñeron ás demandas e propostas dos asistentes, as cales se centraron en cuestións como o aumento da seguridade viaria, reclamando a colocación de badéns ou a redución do límite de velocidade en certos puntos ou a solución ao problema da escasa limpeza dos colectores de lixo. Algún veciño propuxo neste senso unha aposta pola promoción da recollida selectiva. Un dos temas que ocupou varios minutos da reunión foi o relativo coa rede de saneamento, inexistente en boa parte da parroquia, e que funciona de forma deficiente nalgunhas zonas nas que foi instalada. Outros temas que se trataron por parte da veciñanza foi o estado no que se atopan algunhas fontes e lavadoiros, en situación de abandono e cuns accesos invadidos pola maleza, ou cuestións como as dificultades que existen na parroquia para conectarse a internet a unha velocidade aceptable ou para dispoñer dunha cobertura de telefonía móbil decente. Tamén se abordou o asunto da necesidade dun espazo de aparcadoiro nas proximidades do mosteiro cisterciense, onde ademais sería preciso habilitar un aseo público. É un entorno no que ademais se detecta con frecuencia un incumprimento das normas de circulación e estacionamento, polo que se demandan medidas neste sentido. Temas como o incremento do alumeado na zona na que se sitúan o colexio, o campo da festa ou a Casa de Cultura, a necesidade de obras de mellora no interior deste último edificio ou no propio colexio, ou a ampliación do cemiterio tiveron asimesmo un especial protagonismo. Non se esqueceron de asuntos como os danos causados polos cabalos mostrencos nas leiras de cultivo e o perigo que supón a súa presenza das vías de circulación, ou doutros aspectos como a concentración parcelaria, a colocación de forma equivocada de sinais de tráfico, ou a situación na que se atopan a nivel legal os terreos forestais que veñen explotando de forma comunal os veciños de lugares como Couso, Gondes e Cabeza de Boi, os cales ademais constitúen un serio risco en caso de incendio ou de caída de árbores nas vías de circulación pola gran cantidade de biomasa que conteñen. Obras de carácter máis particular que se demandaron foron o remate da ampliación de pistas en Gondes, Cabeza de Boi, Fofán, San Amedio ou Cuchín, así como tamén a finalización das tarefas de arranxo das arquetas da auga de Vilar. A idea de culminar un vial que unise o Concello de Poio con A Armenteira, que, aparte de ser de gran utilidade para a poboación da contorna, facilitaría o tránsito dos peregrinos e peregrinas que ascenden dende Combarro percorrendo a Variante Espiritual do Camiño Portugués a Santiago de Compostela, ou o proxecto para rematar outro vial que conectase o lugar de Gondes co mirador de San Cibrán, xa en territorio do Concello de Meaño, foron outras das propostas de interese que se realizaron. Para pechar o acto mencionouse a necesidade de dispoñer dun desfibrilador na parroquia, que daría servizo aos veciños e veciñas e ás numerosas persoas que se achegan ata este territorio camiñando pola Ruta da Pedra e da Auga, atravesando as rutas BTT, asistindo ás celebracións festivas ou relixiosas ou participando nos eventos deportivos que teñen lugar no campo de O Leixo. Todo un conxunto de ideas, propostas e demandas que foron recollidas polo técnico do Concello e polo grupo de goberno e que procurarán ter en conta, na medida do posible, á hora de confeccionar uns orzamentos que deberán ser refrendados pola Corporación Municipal no pleno ordinario que se celebrará a finais de ano.














martes, 29 de outubro de 2019

A Casa de Cultura de A Armenteira acolle este mércores a xuntanza entre a veciñanza de A Armenteira e o grupo de goberno de Meis

O local social de Vilar, tamén coñecido como Casa de Cultura, acolle este mércores, 30 de outubro, a partires das 20:00 horas, unha xuntanza á que están convocados todos os veciños e veciñas de A Armenteira. A través dun bando, que foi colocado nos distintos puntos da parroquia, a alcaldesa do Concello de Meis, Marta Giráldez, anunciou esta reunión na que como figura no documento informativo se tratará "a elaboración duns orzamentos municipais participativos e outros asuntos que poidan xurdir na propia xuntanza e que sexan de interese xeral". Dende a chegada ao poder o pasado mes de xuño do grupo de goberno que comanda o PSdeG-PSOE, Marta Giráldez e o seu equipo decidiron levar a cabo unha política máis achegada á veciñanza e que atenda ás preocupacións e as necesidades reais da poboación do municipio. Ao longo das últimas semanas, a alcaldesa, acompañada dos concelleiros e concelleiras Araceli Maquieira, José Ramón Vidal Juviño, Martín Casais e María Sancho, xunto cun técnico municipal, percorreron os locais públicos do Concello para desenvolver estas xuntanzas. Primeiro foi a quenda das parroquias de San Tomé de Nogueira e San Vicente de Nogueira, que se congregaron no auditorio do Centro Multiusos de O Mosteiro. A continuación tocoulle ás parroquias de San Martiño e San Salvador, que acudiron á reunión celebrada no local social desta última parroquia. O centro social do Campo da Boca, en Paradela, acolleu a reunión cos veciños e veciñas da parroquia natal e de residencia da alcaldesa. Tras este percorrido pola xeografía municipal o equipo de goberno desprazarase este mércores ata A Armenteira para abordar coas xentes de parroquia temas que de seguro serán de grande interese. A situación do proceso de concentración de parcelaria, o funcionamento e o progreso das obras de construción do saneamento, o desbroce das zonas de paso dos viais, a limpeza da maleza nas leiras e vivendas abandonadas, a ampliación do cemiterio, a falta de espazos de aparcadoiro nas proximidades do mosteiro cisterciense, os problemas causados polos cabalos mostrencos nas terras de cultivo, a necesidade de melloras nas instalacións do C.E.I.P. de Armenteira, o adecentamento e mellora no edificio da Casa de Cultura ou as actuacións que precisa o campo de fútbol de O Leixo posiblemente formen parte do contido dun acto que ao que se prevé que asista un amplo número de persoas. Marta Giráldez e os concelleiros e concelleiras do grupo de goberno tomarán nota destas e doutras demandas e tratarán de incluílas, na medida do posible, na elaboración dos orzamentos municipais, ao tempo que confían en que a cordialidade e o espíritu contrutivo que caracterizaron as reunións anteriores primen tamén en A Armenteira este mércores a partires das 20:00 horas.




luns, 28 de outubro de 2019

Xornada chea de desacertos para os equipos de fútbol de A Armenteira

A pasada fin de semana foi unha semana intensa de fútbol no campo de O Leixo. Para poder dispoñer dun número aceptable de efectivos para disputar os seus partidos, tanto o Armenteira Veteranos como o equipo sénior feminino do Armenteira C.F. decidiron fixar o horario dos encontros para a tarde do sábado. Este feito obrigou á Xunta Directiva da entidade verdinegra a realizar un esforzo extra de organización e planificación. A existencia de unicamente dous vestiarios nas instalacións deportivas do lugar de O Busto e a incompatibilidade de uso de forma simultánea dos mesmos por equipos femininos e masculinos fixo que houbese que habilitar dous vestiarios improvisados nos almacéns dos que dispón o clube baixo as bancadas de O Leixo. Ata o descanso do partido entre os conxuntos de categoría feminina do Armenteira C.F. e do Colegio Hogar as mozas destes equipos utilizaron os vestiarios improvisados e, nese momento, cando os xogadores do Armenteira Veteranos e da E.F.B. Vilanova abandonaran os vestiarios habituais, puideron trasladar as súas mochilas e os seus enseres persoais ao lugar que lles correspondía. Todo este traballo de organización e previsión resultou un éxito, pero non así os resultados deportivos para os equipos locais, xa que ambos os dous saíron derrotados, por un a tres no caso dos veteranos, e por un a dous no caso das féminas, despois de dous partidos nos que predominaron os erros, as imprecisións e os desacertos.

O primeiro en disputar o seu encontro foi o Armenteira Veteranos. Contrariamente ao que viña ocurrindo nas últimas xornadas o equipo verde e negro presentábase na tarde deste sábado cun plantel bastante amplo. Con quince futbolistas dispoñibles, coas ausencias de Avelino, Rafa, Martín, Marcial, Óscar Muñiz e Manolo, unha bagaxe de baixas considerable, aínda que notablemente inferior á que soe sufrir o Armenteira Veteranos, o cadro local parecía estar nunha posición aparentemente favorable para sumar os primeiros puntos da temporada. Pero iso non ocorreu. Foi un encontro tremendamente desacertado, no que dende o principio cedeu o control da zona de mediocampo, situación que nin sequera puido enmendar cando ao cuarto de hora Javi González se incorporou ao terreo de xogo. Un gol de Rubén Ozores tras un saque de córner raso ao primeiro pau, a apenas cinco minutos do descanso, puxo por diante á E.F.B. Vilanova-Caleiro. O cúmulo de erros, imprecisións e desacertos, xunto coa apatía xeral na que pouco a pouco se ía sumindo o equipo, continuou no segundo período. Alfonso López recollía unha asistencia, de novo no primeiro pau, para enviar o coiro ao fondo das mallas da meta defendida por Sirra. As perdas de balón e a falta de intensidade defensiva e ofensiva provocaron tamén que os de Vilanova de Arousa lograran o terceiro tanto por mediación de José Bóveda. Só un excepcional lanzamento de falta de Rubén, ante o que nada puido facer o gardamallas visitante Luis Suárez, serviu para maquillar o resultado. Sen lugar a dúbidas unha derrota merecida, que incluso puido ser máis abultada, ante un rival que non precisou estar moi inspirado para levarse os tres puntos de A Armenteira. Non foi a mellor ocasión para o debut de Javi Limeres coa camisola verdinegra, como tampouco o foi para o regreso ás canchas de fútbol de Víctor. Deberán agardar á próxima xornada, que terá lugar o sábado, 9 de novembro, no campo de A Lanzada, en Noalla, ante o conxunto de Os Raposos, para probar fortuna e tratar de lograr por fin os primeiros puntos da campaña

Se o partido do Armenteira Veteranos resultou decepcionante, non o foi menos o do Armenteira C.F. feminino. O equipo que dirixe Marcial Prado, ausente nesta xornada, recibía ao Colegio Apóstol, pechacancelas do grupo ata ese momento. Cun novisoso sistema 1-4-1, as viguesas tomaron o dominio do xogo dende os intres iniciais. Este temerario plantexamento nin tampouco a gran xuventude do plantel visitante non foi aproveitada polas futbolistas verdinegras. O toque e o intento de trenzar xogadas combinativas do Colegio Apóstol impúxose á contundencia e ao fútbol directo dun Armenteira C.F. que acusou a ausencia de Rocío, que cumpría un partido de sanción tras a expulsión no partido da pasada fin de semana ante o Mondariz F.C. Un gol Laura Santamarta, ao culminar dentro da área unha bonita acción colectiva, serviría para poñer por diante ás de Vigo. Na segunda metade, Júnior Tirado, no banco local este sábado, colocou a Anabel na punta de ataque para tratar de hostigar á liña defensiva adversario. Con todo, este cambio táctico non surtiu efecto, aínda que a sentenza do encontro viría tras unha polémica decisión do colexiado Padierna Quintero, ao decretar como infracción unha xogada na que unha futbolista visitante recibiu un potente pelotazo. Laura Santamarta enviaría á escadra da meta defendida por Lola o lanzamento de falta. Xa nos últimos minutos, Alba, tamén a balón parado lograría o único tanto do Armenteira C.F. feminino na tarde deste sábado. A futbolista de San Miguel de Deiro imprimiulle tanta forza ao balón que a meta Laura Eraso só se limitou a contemplar como entraba no interior da portería para rebotar e voltar de novo ao campo de xogo. Non se deterá a competición da Liga feminina de fútbol-7 durante a ponte festiva de Todos os Santos, e as mozas do cadro verdinegro deberán visitar o domingo, 3 de outubro, o campo de O Lourambal-2, para medirse, a partires das 12:00 horas á escadra local do Porriño Industrial F.C., que ocupa a novena posición, con nove puntos, dous máis cós que teñen as rapazas que dirixe Marcial Prado.




sábado, 19 de outubro de 2019

O Armenteira Veteranos deixa escapar o triunfo en Bamio nun partido no que volveu xogar en inferioridade

FICHA TÉCNICA
A.F.-7 BAR MADIA LEVA - ARMENTEIRA VETERANOS - 5 - 3
ARMENTEIRA VETERANOS: Óscar Muñiz; Yumas, Óscar Barreiro, Castro, Jorge Dávila; Galiñanes, Charles, Javi, Richi; e Jorge Castro. Tamén xogou Marcial.
GOLES: 1-0. Minuto 6. Adrián Eiras. 1-1. Minuto 15. Jorge Castro. 1-2. Minuto 23. Jorge Castro. 2-2. Minuto 48. Pablo Nine. 3-2. Minuto 56. Adrián Oubiña. 4-2. Minuto 58. Adrián Eiras. 5-2. Minuto 77. Adrián Oubiña. 5-3. Minuto 83. Jorge Castro.
ÁRBITRO: Martínez Martínez. Mostrou cartóns amarelos a Pablo Nine e Jonathan Romero por parte do A.F.-7 Bar Madia Leva e a Óscar Barreiro por parte do Armenteira Veteranos.
INCIDENCIAS: Partido da quinta xornada da Terceira Galicia de Veteranos. Grupo 2, disputado no campo Municipal Mari Paz Vilas de Bamio, en Vilagarcía de Arousa, ante uns dez espectadores, nunha tarde anubrada, temperada e na que por momentos caiu unha choiva fina, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O Armenteira Veteranos deixou escapar de novo tres puntos e, unha vez máis, foi tras un partido no que xogou en inferioridade numérica. Con dez xogadores disputou practicamente toda a primeira metade, e con dez homes sobre o campo estivo case toda a segunda metade. Tendo clara a situación desfavorable de partida, o Armenteira Veteranos tratou de manter a orde e agardar agazapado atrás nos primeiros minutos, coa esperanza de armar algunha acción de contragolpe, aproveitando a volta de Jorge Castro á punta de ataque. O dianteiro de Vilar regresaba ao equipo tras superar uns problemas físicos e volvía coa intención de poñer de manifesto a condición de killer que foi sementando polos distintos campos da liga de veteranos ao longo das últimas temporadas. Pero axiña se adiantaría o A.F.-7 Bar Madia Leva. Adrián Eiras, entrando polo centro da defensa do conxunto visitante, lograba superar a saída de Óscar Muñiz. O de Fofán, improvisado gardamallas este sábado, que nin sequera puido dispoñer dunhas luvas coas que protexer as mans, desesperábase ante o primeiro tanto que lle endosaban os vilagarciáns. Todo facía prever que sería un triunfo cómodo e abultado para o equipo local. Pero non foi así. Unha recuperación na parte esquerda da zaga dos de A Armenteira, deu co coiro nos pés de Galiñanes, que asistiu en profundidade a Jorge Castro para que este arrincase en velocidade e se plantase só ante o meta Manuel Rodríguez. Non fallaría o killer do Armenteira Veteranos, como tampouco o faría pouco despois ao executar un lanzamento de falta, que se colou pegado ao pau dereito da portería dos de Vilagarcía. Con vantaxe no marcador a escadra verdinegra agardaba con impaciencia a chegada de Marcial, que viña de dirixir ao equipo sénior feminino do Armenteira C.F. en Mondariz, e se desprazaba cara a Bamio para reforzar aos seus compañeiros. Xa con Marcial incorporado e, polo tanto, con once futbolistas sobre o céspede, no tempo engadido da primeira metade, os locais eran quen de empatar tras un lanzamento de falta colgado á área que Pablo Nine mandaba á rede mediante un certeiro testarazo. Despois dun breve período de lecer, o Armenteira Veteranos tratou de comezar os segundos corenta e cinco minutos con orde e intensidade, para, como mínimo, evitar a derrota. Non foi posible. Dous tantos seguidos de Adrián Oubiña e de Adrián Eiras, que lograban romper a endeble defensa verdinegra desta segunda metade, parecían sentenciar o encontro para o A.F.-7 Bar Madia Leva. Por se isto fose pouco, aos visitantes acumulábanselle os problemas, pois Yumas tiña que abandonar o terreo de xogo aqueixado duns problemas nos adutores. En inferioridade e coa moral decaída, o Armenteira Veteranos concedía o quinto gol. O encargado de anotar sería novamente Adrián Oubiña, tras unha perda na saída do balón dos visitantes. Conseguiu maquillar o resultado o Armenteira Veteranos co terceiro tanto da tarde de Jorge Castro. O dianteiro verde e negro recollía na zona dereita da área un centro dende o lateral esquerdo e, despois de controlar e orientarse, colocaba o seu disparo no fondo da rede defendida por Manuel Rodríguez, completando deste xeito o seu particular hat-trick. Pouca historia tiveron os minutos finais dun partido no que o cadro de O Leixo viu pasar outra oportunidade de inaugurar o seu casilleiro de vitorias no que vai de temporada. A ocasión de logralo poderá ser o próximo sábado, cando os de A Armenteira reciban no seu feudo á E.F.B. Vilanova-Caleiro, un equipo que ocupa o décimo terceiro posto con catro puntos.



domingo, 13 de outubro de 2019

Solvente triunfo do Armenteira C.F. feminino ante o San Roque Casablanca

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - SAN ROQUE CASABLANCA - 3 - 1
ARMENTEIRA C.F.:Lola; Alba, Rocío; Sara Rey, Sara Torres, Ana; e Anabel. 
ÁRBITRO: Covelo Bugallo. Non mostrou cartóns amarelos a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da quinta xornada da primeira fase da Liga Feminina de fútbol-7, que se  disputou no campo de O Leixo, ante uns vinte espectadores, nunha anubrada e temperada e sobre un terreo de xogo cunha superficie irregular, lisa e compacta por zonas, e branda e esvaradiza por outras.

CRÓNICA
O equipo feminino do Armenteira C.F. segue completando un máis ca aceptable inicio de temporada. Na mañá deste domingo logrou a segunda vitoria do que vai de liga, e foi un triunfo claro e solvente, no que o cadro que dirixe Marcial Prado se mostrou superior ao seu rival e no que apenas pasou por apuros en defensa. Con só sete xogadoras dispoñibles, e polo tanto de novo sen recambios no banco de suplentes, o Armenteira C.F. feminino afrontaba outra difícil cita en O Leixo. As intensas choivas caídas ao longo da noite deixaran o terreo de xogo nunhas condicións bastante impracticables nas zonas dos ángulos do saque de córner, polo que a situación non era a máis favorable para disputar un encontro no que a priori se medían dous conxuntos a loitar por ocupar a zona media da táboa. O equilibrio dos primeiros minutos, con alteranativas por ambos os dous bandos, foi roto por Anabel, ao culminar un contragolpe cruzando o coiro ante a saída da gardamallas Antía Rodríguez. A futbolista cambadesa, que aínda arrastraba molestias no seu pé dereito do partido do pasado xoves ante o Club Peñasco no campo Federativo de Coia, exerceu de principal referencia en ataque das verdinegras. Empregouse con contundencia Anabel nos balóns divididos, especialmente cando tivo que enfrontarse á gardamallas do San Roque Casablanca. Acadarías as viguesas a igualada tras un potente lanzamento de falta executado por Laura Vázquez que, tras golpear o pau longueiro, veu a dar contra as costas de Lola para introducirse nas redes locais. Axiña reaccionou o Armenteira C.F. e Sara Rey, sen apenas oposición, volvería poñer por diante ás súas. Nunha acción similar novamente a futbolista de San Martiño, rematando co xeonllo, colocaría o tres a un. A comodidade da vantaxe, unida á orde e á fortaleza defensiva das mozas que adestra Marcial Prado, fixeron inoperantes os escasos argumentos defensivos que exhibiu o San Roque Casablanca. Pouco tivo que intervir Lola, pero cando se viu a obrigada a facelo, a meta de Vilariño mostrouse con seguridade e confianza. Faltou pausa e calma á hora de combinar para que a escadra local puidese trenzar algunha acción de ataque que permitise ampliar o marcador, aínda que, o resultado final reflectiu con xustiza o observado durante os sesenta minutos de xogo. Con este triunfo o Armenteira C.F. sitúase na oitava posición, con sete puntos, a espera de rendir visita a próxima fin de semana ao Mondariz F.C., sexto clasificado con dous puntos máis cás rapazas da entidade verdinegra.





sábado, 5 de outubro de 2019

O Armenteira Veteranos remata con nove xogadores tras un partido moi pobre ante a Asoc. Dep. Vet. Fátima

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA VETERANOS - ASOCIACIÓN DEPORTIVA DE VETERANOS FÁTIMA- 3 - 2
ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Óscar Muñiz, Richi, Moncho; Manolo, Carlos Muniz, Martín, Rafa; Marcial e Galiñanes.
GOLES: 0-1. Minuto 15. Diego Nogueira. 0-2. Minuto 70. Javier Piñeiro. 
ÁRBITRO: Suárez Méndez. Mostrou cartóns amarelos a Óscar Muñiz e a Jorge Dávila por parte do Armenteira Veteranos.
INCIDENCIAS: Partido da cuarta xornada da Terceira Galicia de Veteranos. Grupo 2, disputado no campo de O Leixo, ante uns oito espectadores, nunha nublada e outonal, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables tras ser removida a superficie de terra cunha rede a tracción horas antes.

CRÓNICA
O Armenteira Veteranos deixou escapar tres novos puntos do seu feudo do campo de O Leixo. Foi nun partido pobre, no que os escasos espectadores que acudiron ás instalacións deportivas situadas no lugar de O Busto contemplaron un espectáculo moi pobre, correspondendo as únicas xogadas de relativo mérito ao conxunto visitante, o Asociación Deportiva de Veteranos Fátima. Con sensibles baixas, como as de Javi ou a do goleador Jorge Castro, o Armenteira Veteranos presentábase en O Leixo con cun plantel xusto. Só once xogadores cos que enfrontarse a un dos equipos con maior capacidade de xerar fútbol de todo o grupo. Dende o comezo os vilagarciáns asumiron o control do xogo. Mantendo a posesión e combinando mediante paredes, triangulacións ou desdobres por banda o cadro visitante trataba de exhibir unha superioridade que non se manifestaría no marcador ata o minuto 15, cando un erro na saída do balón dos verdinegros permitiu que a Asoc. Dep. Vet. Fátima armase unha rápida xogada de ataque que culminaría Diego Nogueira superando a Sirra. Os problemas ían acumulándoselle ao Armenteira Veteranos. Tras unha xogada por banda na que case acaba empotadro contra o banco visitante, Manolo tivo que abandonar o terreo de xogo aqueixado dunha forte dor no muslo dereito. En inferioridade numérica os argumentos futbolísticos da escadra local reducíronse notablemente. Simplemente agardaba atrás procurando manter a orde defensiva ante un rival con gran capacidade combinativa, pero que carecía de pegada e que pouco a pouco se deixou contaxiar polo fútbol ramplón dos locais. No segundo período a tónica foi a mesma. Dificilmente era capaz o equipo local de dar tres pases seguidos, ao tempo que o desgaste físico pola falta de recambios, xunto coa progresiva acumulación de homes nas zonas de ataque por parte da Asoc. Dep. Vet. Fátima, sumían nun continuo estrés a un mediocampo e a unha liña defensiva que se limitaban a perseguir o balón e a despexar cando fora posible. As acertadas intervencións do gardamallas Sirra, unha xornada máis o futbolista máis destacado do Armenteira Veteranos, salvaron aos seus dunha abultada derrota. Tamén contribuíu a elo a falta de puntería dos vilagarciáns nos metros finais. Por se tivera poucos problemas, o cadro local tivo que disputar a recta final do encontro unicamente con nove xogadores, ao retirarse Rafa do campo cunhas severas molestias na súa perna dereita. Sen dúbida unha vitoria merecida dos de Vilagarcía de Arousa ante un Armenteira Veteranos que apenas inquedou a meta defendida por Armando Trapote. Galiñanes e, sobre todo, Marcial, tiveron nos seus pés as contadas ocasións das que dispuxo o equipo verde e negro. Na próxima xornada, que terá lugar o 19 de outubro, o Armenteira Veteranos deberá rendir visita ao campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, para medirse ao AF-7 Bar Madia Leva, un conxunto que leva tres vitorias nos tres partidos que disputou no que vai de liga, e que ocupa o terceiro posto na táboa. Unha esixente cita para un conxunto verdinegro que tratará de recuperar forzas e efectivos ao longo das súas semanas que faltan para o partido.

venres, 4 de outubro de 2019

O Armenteira C.F. Feminino traslada ao próximo xoves o partido fronte ao Club Peñasco

As numerosas baixas que afectan ao equipo sénior feminino do Armenteira C.F. obrigaron a que o partido que tiña previsto disputarse esta fin de semana fronte ao Club Peñasco fora trasladado finalmente ao próximo xoves, día 10. Tras diversos contactos contacto co clube vigués e co seu presidente J.R. Perfecto, a Xunta Directiva da entidade de O Leixo logrou que as xestións frutificasen e conseguiu atopar unha data alternativa para o encontro. Incluso o propio delegado da Real Federación Galega de Fútbol na zona de Vigo, Delfín Alonso, chegou a poñerse en contacto co Armenteira C.F. para confirmar o acordo definitivo. Cun plantel bastante reducido esta temporada, o conxunto que adestra Marcial Prado afrontaba unha difícil situación ao converxer diversos factores que facían imposible que tanto este sábado como este domingo puideran reunir como mínimo sete xogadoras para acudir a Vigo a medirse a un dos principais favoritos a ocupar os postos altos da táboa da Liga Feminina de Fútbol-7 que organiza a delegación viguesa da Federación. Aínda que o xoves sexa dun día laborable e o desprazamento non resulte excesivamente cercano, o Armenteira C.F. confía en presentarse no Campo Federativo de Coia, na cidade olívica, cun equipo de garantías en canto a número de futbolistas se refire para tratar de asaltar o feudo do Club Peñasco a partires das 21:30 horas.


martes, 1 de outubro de 2019

Couso está convocado este xoves para tratar a xestión da biomasa

O incremento da masa forestal pode supoñer un problema en determinadas situacións. No Concello de Meis, na parroquia de A Armenteira ou en lugares como Couso podemos atopar exemplos que resultan bastante clarificadores neste sentido. Isto leva a que particulares ou incluso a propia administración alerten do risco ou incluso do perigo que supón a existencia de zonas nas que as especies vexetais alcanzaron un crecemento desmesurado. Segundo a lei aprobada polo Goberno da Xunta de Galicia o 28 de decembro do ano pasado as superficies forestais que se atopen a partires dos 50 metros de distancia respecto dos núcleos habitados deberán estar rozadas e non poden conter especies pirófitas, é dicir, piñeiros, eucaliptos ou acacias. Ademais dos 50 metros de faixa establecidos, as copas das árbores terán que distar como mínimo 10 metros das edificacións e nunca se poderán proxectar sobre os tellados. En caso de detectar un caso no que se incumpra esta lei os Concellos ou a Consellería de Medio Rural remitirán aos propietarios ou propietarias unha notificación cun requerimento onde se lle dá un prazo para levar a cabo estas tarefas. Cando se trate de de propiedades sen dono ou dona coñecida ou aos que resulta imposible enviar unha notificación por correo, o anuncio será publicado no DOG e no BOE coa identificación do polígono e da parcela. De non haber unha resposta positiva por parte dos propietarios a administración competente procederá á executar as tarefas de limpeza de parcela, imputándoselle os gastos á persoa interesada. No caso de que o importe destes traballos supere o valor catastral da parcela poderá iniciarse, se se estima conveniente, a expropiación forzosa. Estas tarefas de limpeza e xestión da biomasa deberán realizarse antes do 31 de maio de cada ano e o propietario, cando sexa requerido, disporá por lei dun prazo de 15 días prorrogable en situacións debidamente xustificadas. A obriga de rozar o terreo é da persoa que detenta a propiedade, podendo contratar estar tarefas ou elixir o sistema que considere oportuno. Se non se cumprise o establecido pola lei abrirase un expediente, que deberá resolver a Consellería de Medio Rural, que pode derivar nunhas multas que oscilan entre os 100 e os 1.000 euros cando se trate de infraccións leves, de 1.001 a 10.000 euros cando se trate de infraccións graves, e de 10.001 a 1.000.000 euros cando se trate de infraccións moi graves. En principio, este tipo de infraccións son leves, pero por acumulación ou reiteración poden chegar a ser graves. Sexa cal sexa a situación o primeiro paso por parte da Consellería de Medio Rural sempre será notificar aos propietarios ou propietarias das masas forestais que se consideren ilegais ou que precisen ser desbrozadas, dándolle un prazo prudente para que cumpra a lei antes de presentar a denuncia correspondente. Por todos estes motivos, e conscientes da problemática que se pode xerar en lugares como Couso, as autoridades do Concello de Meis decidiron actuar. Esta pequena aldea, situada ao norte da parroquia de A Armenteira, está rodeada dunha ampla área boscosa, de gran frondosidade, a escasos metros de boa parte das vivendas, na que predominan especies como os piñeiros e os eucaliptos. Ademais, como consecuencia do abandono ou da falta de limpeza, moitas destas parcelas están invadidas pola maleza. En moitos domicilios xa se recibiron notificacións advertindo da necesidade de levar a cabo tarefas de desbroce ou do corte de árbores. Son aqueles casos nos que a administración puido identificar aos propietarios ou propietarias. Pero existen parcelas nas que esta identificación non resulta doada. É o que ocorre coa zona forestal que é cruzada pola estrada que sube dende Cabeza de Boi cara o mosteiro cirterciense de A Armenteira e que dende fai aproximadamente un século vén sendo explotada de forma comunal polos veciños e veciñas de Couso. Aínda que algunhas familias dispoñen de documentos forais que autorizan o uso e posesión destas leiras, nos rexistros da Dirección Xeral do Catastro esta área figura como de propiedade descoñecida. Estas circunstancias fan que a administración municipal se atope con serias dificultades á hora de notificar ou instar a unha axeitada xestión da biomasa nas parcelas que compoñen esta área. Por elo, este xoves, 3 de outubro, a partires das 19:00 horas, as autoridades do Concello de Meis convocaron ás xentes de Couso ou con propiedades nesta zona comunal a unha xuntanza na que estará presente a propia alcaldesa Marta Giráldez e na que se tratarán todos estes asuntos. O lugar elixido é O Souto, nunha pequena explanada situada a carón dun garaxe, fronte á casa que no seu día pertenceu ao señor Raúl, a uns 50 metros da segunda das entradas a través das que se accede a Couso dende a estrada que conduce ao mosteiro de A Armenteira.