A xuntanza que reuniu este mércores, 30 de setembro, ao grupo de goberno do Concello de Meis, coa propia alcaldesa Marta Giráldez á fronte, e á veciñanza de A Armenteira contou cunha ampla participación. Máis dun centenar de persoas ateigaron o Local Social de Vilar, a popularmente coñecida como Casa de Cultura, nun acto no que ademais da alcaldesa estiveron as concelleiras Araceli Maquieira e María Sancho e o concelleiro Martín Casais, veciño da parroquia. Excusou a súa ausencia o concelleiro José Ramón Vidal Juviño, que por motivos de traballo non puido asistir. Quen si estivo foi un técnico municipal que, ao igual que o fixera nas xuntanzas veciñais que tiveran lugar noutras parroquias do Concello, acudiu para resolver os asuntos de maior complexidade. Abriu o acto Marta Giráldez, facendo referencia ás actuacións que impulsou en A Armenteira o grupo de goberno dende que se produciu o cambio no bastón de mando municipal no pasado mes de xuño. A rexidora citou as melloras realizadas no colexio antes do inicio das clases, as reclamacións perante a Consellería de Sanidade polas deficiencias de asistencia médica e pediátrica, as tarefas de desbroce que se están levando a cabo nas marxes da rede viaria municipal ou as obras de alfaltado e adecentamento da superficie rodada que se vai acometer nalgúns viais que transcurren pola parroquia. A continuación viñeron ás demandas e propostas dos asistentes, as cales se centraron en cuestións como o aumento da seguridade viaria, reclamando a colocación de badéns ou a redución do límite de velocidade en certos puntos ou a solución ao problema da escasa limpeza dos colectores de lixo. Algún veciño propuxo neste senso unha aposta pola promoción da recollida selectiva. Un dos temas que ocupou varios minutos da reunión foi o relativo coa rede de saneamento, inexistente en boa parte da parroquia, e que funciona de forma deficiente nalgunhas zonas nas que foi instalada. Outros temas que se trataron por parte da veciñanza foi o estado no que se atopan algunhas fontes e lavadoiros, en situación de abandono e cuns accesos invadidos pola maleza, ou cuestións como as dificultades que existen na parroquia para conectarse a internet a unha velocidade aceptable ou para dispoñer dunha cobertura de telefonía móbil decente. Tamén se abordou o asunto da necesidade dun espazo de aparcadoiro nas proximidades do mosteiro cisterciense, onde ademais sería preciso habilitar un aseo público. É un entorno no que ademais se detecta con frecuencia un incumprimento das normas de circulación e estacionamento, polo que se demandan medidas neste sentido. Temas como o incremento do alumeado na zona na que se sitúan o colexio, o campo da festa ou a Casa de Cultura, a necesidade de obras de mellora no interior deste último edificio ou no propio colexio, ou a ampliación do cemiterio tiveron asimesmo un especial protagonismo. Non se esqueceron de asuntos como os danos causados polos cabalos mostrencos nas leiras de cultivo e o perigo que supón a súa presenza das vías de circulación, ou doutros aspectos como a concentración parcelaria, a colocación de forma equivocada de sinais de tráfico, ou a situación na que se atopan a nivel legal os terreos forestais que veñen explotando de forma comunal os veciños de lugares como Couso, Gondes e Cabeza de Boi, os cales ademais constitúen un serio risco en caso de incendio ou de caída de árbores nas vías de circulación pola gran cantidade de biomasa que conteñen. Obras de carácter máis particular que se demandaron foron o remate da ampliación de pistas en Gondes, Cabeza de Boi, Fofán, San Amedio ou Cuchín, así como tamén a finalización das tarefas de arranxo das arquetas da auga de Vilar. A idea de culminar un vial que unise o Concello de Poio con A Armenteira, que, aparte de ser de gran utilidade para a poboación da contorna, facilitaría o tránsito dos peregrinos e peregrinas que ascenden dende Combarro percorrendo a Variante Espiritual do Camiño Portugués a Santiago de Compostela, ou o proxecto para rematar outro vial que conectase o lugar de Gondes co mirador de San Cibrán, xa en territorio do Concello de Meaño, foron outras das propostas de interese que se realizaron. Para pechar o acto mencionouse a necesidade de dispoñer dun desfibrilador na parroquia, que daría servizo aos veciños e veciñas e ás numerosas persoas que se achegan ata este territorio camiñando pola Ruta da Pedra e da Auga, atravesando as rutas BTT, asistindo ás celebracións festivas ou relixiosas ou participando nos eventos deportivos que teñen lugar no campo de O Leixo. Todo un conxunto de ideas, propostas e demandas que foron recollidas polo técnico do Concello e polo grupo de goberno e que procurarán ter en conta, na medida do posible, á hora de confeccionar uns orzamentos que deberán ser refrendados pola Corporación Municipal no pleno ordinario que se celebrará a finais de ano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario