O incremento da masa forestal pode supoñer un problema en determinadas situacións. No Concello de Meis, na parroquia de A Armenteira ou en lugares como Couso podemos atopar exemplos que resultan bastante clarificadores neste sentido. Isto leva a que particulares ou incluso a propia administración alerten do risco ou incluso do perigo que supón a existencia de zonas nas que as especies vexetais alcanzaron un crecemento desmesurado. Segundo a lei aprobada polo Goberno da Xunta de Galicia o 28 de decembro do ano pasado as superficies forestais que se atopen a partires dos 50 metros de distancia respecto dos núcleos habitados deberán estar rozadas e non poden conter especies pirófitas, é dicir, piñeiros, eucaliptos ou acacias. Ademais dos 50 metros de faixa establecidos, as copas das árbores terán que distar como mínimo 10 metros das edificacións e nunca se poderán proxectar sobre os tellados. En caso de detectar un caso no que se incumpra esta lei os Concellos ou a Consellería de Medio Rural remitirán aos propietarios ou propietarias unha notificación cun requerimento onde se lle dá un prazo para levar a cabo estas tarefas. Cando se trate de de propiedades sen dono ou dona coñecida ou aos que resulta imposible enviar unha notificación por correo, o anuncio será publicado no DOG e no BOE coa identificación do polígono e da parcela. De non haber unha resposta positiva por parte dos propietarios a administración competente procederá á executar as tarefas de limpeza de parcela, imputándoselle os gastos á persoa interesada. No caso de que o importe destes traballos supere o valor catastral da parcela poderá iniciarse, se se estima conveniente, a expropiación forzosa. Estas tarefas de limpeza e xestión da biomasa deberán realizarse antes do 31 de maio de cada ano e o propietario, cando sexa requerido, disporá por lei dun prazo de 15 días prorrogable en situacións debidamente xustificadas. A obriga de rozar o terreo é da persoa que detenta a propiedade, podendo contratar estar tarefas ou elixir o sistema que considere oportuno. Se non se cumprise o establecido pola lei abrirase un expediente, que deberá resolver a Consellería de Medio Rural, que pode derivar nunhas multas que oscilan entre os 100 e os 1.000 euros cando se trate de infraccións leves, de 1.001 a 10.000 euros cando se trate de infraccións graves, e de 10.001 a 1.000.000 euros cando se trate de infraccións moi graves. En principio, este tipo de infraccións son leves, pero por acumulación ou reiteración poden chegar a ser graves. Sexa cal sexa a situación o primeiro paso por parte da Consellería de Medio Rural sempre será notificar aos propietarios ou propietarias das masas forestais que se consideren ilegais ou que precisen ser desbrozadas, dándolle un prazo prudente para que cumpra a lei antes de presentar a denuncia correspondente. Por todos estes motivos, e conscientes da problemática que se pode xerar en lugares como Couso, as autoridades do Concello de Meis decidiron actuar. Esta pequena aldea, situada ao norte da parroquia de A Armenteira, está rodeada dunha ampla área boscosa, de gran frondosidade, a escasos metros de boa parte das vivendas, na que predominan especies como os piñeiros e os eucaliptos. Ademais, como consecuencia do abandono ou da falta de limpeza, moitas destas parcelas están invadidas pola maleza. En moitos domicilios xa se recibiron notificacións advertindo da necesidade de levar a cabo tarefas de desbroce ou do corte de árbores. Son aqueles casos nos que a administración puido identificar aos propietarios ou propietarias. Pero existen parcelas nas que esta identificación non resulta doada. É o que ocorre coa zona forestal que é cruzada pola estrada que sube dende Cabeza de Boi cara o mosteiro cirterciense de A Armenteira e que dende fai aproximadamente un século vén sendo explotada de forma comunal polos veciños e veciñas de Couso. Aínda que algunhas familias dispoñen de documentos forais que autorizan o uso e posesión destas leiras, nos rexistros da Dirección Xeral do Catastro esta área figura como de propiedade descoñecida. Estas circunstancias fan que a administración municipal se atope con serias dificultades á hora de notificar ou instar a unha axeitada xestión da biomasa nas parcelas que compoñen esta área. Por elo, este xoves, 3 de outubro, a partires das 19:00 horas, as autoridades do Concello de Meis convocaron ás xentes de Couso ou con propiedades nesta zona comunal a unha xuntanza na que estará presente a propia alcaldesa Marta Giráldez e na que se tratarán todos estes asuntos. O lugar elixido é O Souto, nunha pequena explanada situada a carón dun garaxe, fronte á casa que no seu día pertenceu ao señor Raúl, a uns 50 metros da segunda das entradas a través das que se accede a Couso dende a estrada que conduce ao mosteiro de A Armenteira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario