FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA VETERANOS - ASOCIACIÓN DEPORTIVA DE VETERANOS FÁTIMA- 3 - 2
ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Óscar Muñiz, Richi, Moncho; Manolo, Carlos Muniz, Martín, Rafa; Marcial e Galiñanes.
GOLES: 0-1. Minuto 15. Diego Nogueira. 0-2. Minuto 70. Javier Piñeiro.
ÁRBITRO: Suárez Méndez. Mostrou cartóns amarelos a Óscar Muñiz e a Jorge Dávila por parte do Armenteira Veteranos.
INCIDENCIAS: Partido da cuarta xornada da Terceira Galicia de Veteranos. Grupo 2, disputado no campo de O Leixo, ante uns oito espectadores, nunha nublada e outonal, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables tras ser removida a superficie de terra cunha rede a tracción horas antes.
CRÓNICA
O Armenteira Veteranos deixou escapar tres novos puntos do seu feudo do campo de O Leixo. Foi nun partido pobre, no que os escasos espectadores que acudiron ás instalacións deportivas situadas no lugar de O Busto contemplaron un espectáculo moi pobre, correspondendo as únicas xogadas de relativo mérito ao conxunto visitante, o Asociación Deportiva de Veteranos Fátima. Con sensibles baixas, como as de Javi ou a do goleador Jorge Castro, o Armenteira Veteranos presentábase en O Leixo con cun plantel xusto. Só once xogadores cos que enfrontarse a un dos equipos con maior capacidade de xerar fútbol de todo o grupo. Dende o comezo os vilagarciáns asumiron o control do xogo. Mantendo a posesión e combinando mediante paredes, triangulacións ou desdobres por banda o cadro visitante trataba de exhibir unha superioridade que non se manifestaría no marcador ata o minuto 15, cando un erro na saída do balón dos verdinegros permitiu que a Asoc. Dep. Vet. Fátima armase unha rápida xogada de ataque que culminaría Diego Nogueira superando a Sirra. Os problemas ían acumulándoselle ao Armenteira Veteranos. Tras unha xogada por banda na que case acaba empotadro contra o banco visitante, Manolo tivo que abandonar o terreo de xogo aqueixado dunha forte dor no muslo dereito. En inferioridade numérica os argumentos futbolísticos da escadra local reducíronse notablemente. Simplemente agardaba atrás procurando manter a orde defensiva ante un rival con gran capacidade combinativa, pero que carecía de pegada e que pouco a pouco se deixou contaxiar polo fútbol ramplón dos locais. No segundo período a tónica foi a mesma. Dificilmente era capaz o equipo local de dar tres pases seguidos, ao tempo que o desgaste físico pola falta de recambios, xunto coa progresiva acumulación de homes nas zonas de ataque por parte da Asoc. Dep. Vet. Fátima, sumían nun continuo estrés a un mediocampo e a unha liña defensiva que se limitaban a perseguir o balón e a despexar cando fora posible. As acertadas intervencións do gardamallas Sirra, unha xornada máis o futbolista máis destacado do Armenteira Veteranos, salvaron aos seus dunha abultada derrota. Tamén contribuíu a elo a falta de puntería dos vilagarciáns nos metros finais. Por se tivera poucos problemas, o cadro local tivo que disputar a recta final do encontro unicamente con nove xogadores, ao retirarse Rafa do campo cunhas severas molestias na súa perna dereita. Sen dúbida unha vitoria merecida dos de Vilagarcía de Arousa ante un Armenteira Veteranos que apenas inquedou a meta defendida por Armando Trapote. Galiñanes e, sobre todo, Marcial, tiveron nos seus pés as contadas ocasións das que dispuxo o equipo verde e negro. Na próxima xornada, que terá lugar o 19 de outubro, o Armenteira Veteranos deberá rendir visita ao campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, para medirse ao AF-7 Bar Madia Leva, un conxunto que leva tres vitorias nos tres partidos que disputou no que vai de liga, e que ocupa o terceiro posto na táboa. Unha esixente cita para un conxunto verdinegro que tratará de recuperar forzas e efectivos ao longo das súas semanas que faltan para o partido.
Ningún comentario:
Publicar un comentario