Buscar neste blog

sábado, 19 de outubro de 2019

O Armenteira Veteranos deixa escapar o triunfo en Bamio nun partido no que volveu xogar en inferioridade

FICHA TÉCNICA
A.F.-7 BAR MADIA LEVA - ARMENTEIRA VETERANOS - 5 - 3
ARMENTEIRA VETERANOS: Óscar Muñiz; Yumas, Óscar Barreiro, Castro, Jorge Dávila; Galiñanes, Charles, Javi, Richi; e Jorge Castro. Tamén xogou Marcial.
GOLES: 1-0. Minuto 6. Adrián Eiras. 1-1. Minuto 15. Jorge Castro. 1-2. Minuto 23. Jorge Castro. 2-2. Minuto 48. Pablo Nine. 3-2. Minuto 56. Adrián Oubiña. 4-2. Minuto 58. Adrián Eiras. 5-2. Minuto 77. Adrián Oubiña. 5-3. Minuto 83. Jorge Castro.
ÁRBITRO: Martínez Martínez. Mostrou cartóns amarelos a Pablo Nine e Jonathan Romero por parte do A.F.-7 Bar Madia Leva e a Óscar Barreiro por parte do Armenteira Veteranos.
INCIDENCIAS: Partido da quinta xornada da Terceira Galicia de Veteranos. Grupo 2, disputado no campo Municipal Mari Paz Vilas de Bamio, en Vilagarcía de Arousa, ante uns dez espectadores, nunha tarde anubrada, temperada e na que por momentos caiu unha choiva fina, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O Armenteira Veteranos deixou escapar de novo tres puntos e, unha vez máis, foi tras un partido no que xogou en inferioridade numérica. Con dez xogadores disputou practicamente toda a primeira metade, e con dez homes sobre o campo estivo case toda a segunda metade. Tendo clara a situación desfavorable de partida, o Armenteira Veteranos tratou de manter a orde e agardar agazapado atrás nos primeiros minutos, coa esperanza de armar algunha acción de contragolpe, aproveitando a volta de Jorge Castro á punta de ataque. O dianteiro de Vilar regresaba ao equipo tras superar uns problemas físicos e volvía coa intención de poñer de manifesto a condición de killer que foi sementando polos distintos campos da liga de veteranos ao longo das últimas temporadas. Pero axiña se adiantaría o A.F.-7 Bar Madia Leva. Adrián Eiras, entrando polo centro da defensa do conxunto visitante, lograba superar a saída de Óscar Muñiz. O de Fofán, improvisado gardamallas este sábado, que nin sequera puido dispoñer dunhas luvas coas que protexer as mans, desesperábase ante o primeiro tanto que lle endosaban os vilagarciáns. Todo facía prever que sería un triunfo cómodo e abultado para o equipo local. Pero non foi así. Unha recuperación na parte esquerda da zaga dos de A Armenteira, deu co coiro nos pés de Galiñanes, que asistiu en profundidade a Jorge Castro para que este arrincase en velocidade e se plantase só ante o meta Manuel Rodríguez. Non fallaría o killer do Armenteira Veteranos, como tampouco o faría pouco despois ao executar un lanzamento de falta, que se colou pegado ao pau dereito da portería dos de Vilagarcía. Con vantaxe no marcador a escadra verdinegra agardaba con impaciencia a chegada de Marcial, que viña de dirixir ao equipo sénior feminino do Armenteira C.F. en Mondariz, e se desprazaba cara a Bamio para reforzar aos seus compañeiros. Xa con Marcial incorporado e, polo tanto, con once futbolistas sobre o céspede, no tempo engadido da primeira metade, os locais eran quen de empatar tras un lanzamento de falta colgado á área que Pablo Nine mandaba á rede mediante un certeiro testarazo. Despois dun breve período de lecer, o Armenteira Veteranos tratou de comezar os segundos corenta e cinco minutos con orde e intensidade, para, como mínimo, evitar a derrota. Non foi posible. Dous tantos seguidos de Adrián Oubiña e de Adrián Eiras, que lograban romper a endeble defensa verdinegra desta segunda metade, parecían sentenciar o encontro para o A.F.-7 Bar Madia Leva. Por se isto fose pouco, aos visitantes acumulábanselle os problemas, pois Yumas tiña que abandonar o terreo de xogo aqueixado duns problemas nos adutores. En inferioridade e coa moral decaída, o Armenteira Veteranos concedía o quinto gol. O encargado de anotar sería novamente Adrián Oubiña, tras unha perda na saída do balón dos visitantes. Conseguiu maquillar o resultado o Armenteira Veteranos co terceiro tanto da tarde de Jorge Castro. O dianteiro verde e negro recollía na zona dereita da área un centro dende o lateral esquerdo e, despois de controlar e orientarse, colocaba o seu disparo no fondo da rede defendida por Manuel Rodríguez, completando deste xeito o seu particular hat-trick. Pouca historia tiveron os minutos finais dun partido no que o cadro de O Leixo viu pasar outra oportunidade de inaugurar o seu casilleiro de vitorias no que vai de temporada. A ocasión de logralo poderá ser o próximo sábado, cando os de A Armenteira reciban no seu feudo á E.F.B. Vilanova-Caleiro, un equipo que ocupa o décimo terceiro posto con catro puntos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario