A pasada fin de semana foi unha semana intensa de fútbol no campo de O Leixo. Para poder dispoñer dun número aceptable de efectivos para disputar os seus partidos, tanto o Armenteira Veteranos como o equipo sénior feminino do Armenteira C.F. decidiron fixar o horario dos encontros para a tarde do sábado. Este feito obrigou á Xunta Directiva da entidade verdinegra a realizar un esforzo extra de organización e planificación. A existencia de unicamente dous vestiarios nas instalacións deportivas do lugar de O Busto e a incompatibilidade de uso de forma simultánea dos mesmos por equipos femininos e masculinos fixo que houbese que habilitar dous vestiarios improvisados nos almacéns dos que dispón o clube baixo as bancadas de O Leixo. Ata o descanso do partido entre os conxuntos de categoría feminina do Armenteira C.F. e do Colegio Hogar as mozas destes equipos utilizaron os vestiarios improvisados e, nese momento, cando os xogadores do Armenteira Veteranos e da E.F.B. Vilanova abandonaran os vestiarios habituais, puideron trasladar as súas mochilas e os seus enseres persoais ao lugar que lles correspondía. Todo este traballo de organización e previsión resultou un éxito, pero non así os resultados deportivos para os equipos locais, xa que ambos os dous saíron derrotados, por un a tres no caso dos veteranos, e por un a dous no caso das féminas, despois de dous partidos nos que predominaron os erros, as imprecisións e os desacertos.
O primeiro en disputar o seu encontro foi o Armenteira Veteranos. Contrariamente ao que viña ocurrindo nas últimas xornadas o equipo verde e negro presentábase na tarde deste sábado cun plantel bastante amplo. Con quince futbolistas dispoñibles, coas ausencias de Avelino, Rafa, Martín, Marcial, Óscar Muñiz e Manolo, unha bagaxe de baixas considerable, aínda que notablemente inferior á que soe sufrir o Armenteira Veteranos, o cadro local parecía estar nunha posición aparentemente favorable para sumar os primeiros puntos da temporada. Pero iso non ocorreu. Foi un encontro tremendamente desacertado, no que dende o principio cedeu o control da zona de mediocampo, situación que nin sequera puido enmendar cando ao cuarto de hora Javi González se incorporou ao terreo de xogo. Un gol de Rubén Ozores tras un saque de córner raso ao primeiro pau, a apenas cinco minutos do descanso, puxo por diante á E.F.B. Vilanova-Caleiro. O cúmulo de erros, imprecisións e desacertos, xunto coa apatía xeral na que pouco a pouco se ía sumindo o equipo, continuou no segundo período. Alfonso López recollía unha asistencia, de novo no primeiro pau, para enviar o coiro ao fondo das mallas da meta defendida por Sirra. As perdas de balón e a falta de intensidade defensiva e ofensiva provocaron tamén que os de Vilanova de Arousa lograran o terceiro tanto por mediación de José Bóveda. Só un excepcional lanzamento de falta de Rubén, ante o que nada puido facer o gardamallas visitante Luis Suárez, serviu para maquillar o resultado. Sen lugar a dúbidas unha derrota merecida, que incluso puido ser máis abultada, ante un rival que non precisou estar moi inspirado para levarse os tres puntos de A Armenteira. Non foi a mellor ocasión para o debut de Javi Limeres coa camisola verdinegra, como tampouco o foi para o regreso ás canchas de fútbol de Víctor. Deberán agardar á próxima xornada, que terá lugar o sábado, 9 de novembro, no campo de A Lanzada, en Noalla, ante o conxunto de Os Raposos, para probar fortuna e tratar de lograr por fin os primeiros puntos da campaña
Se o partido do Armenteira Veteranos resultou decepcionante, non o foi menos o do Armenteira C.F. feminino. O equipo que dirixe Marcial Prado, ausente nesta xornada, recibía ao Colegio Apóstol, pechacancelas do grupo ata ese momento. Cun novisoso sistema 1-4-1, as viguesas tomaron o dominio do xogo dende os intres iniciais. Este temerario plantexamento nin tampouco a gran xuventude do plantel visitante non foi aproveitada polas futbolistas verdinegras. O toque e o intento de trenzar xogadas combinativas do Colegio Apóstol impúxose á contundencia e ao fútbol directo dun Armenteira C.F. que acusou a ausencia de Rocío, que cumpría un partido de sanción tras a expulsión no partido da pasada fin de semana ante o Mondariz F.C. Un gol Laura Santamarta, ao culminar dentro da área unha bonita acción colectiva, serviría para poñer por diante ás de Vigo. Na segunda metade, Júnior Tirado, no banco local este sábado, colocou a Anabel na punta de ataque para tratar de hostigar á liña defensiva adversario. Con todo, este cambio táctico non surtiu efecto, aínda que a sentenza do encontro viría tras unha polémica decisión do colexiado Padierna Quintero, ao decretar como infracción unha xogada na que unha futbolista visitante recibiu un potente pelotazo. Laura Santamarta enviaría á escadra da meta defendida por Lola o lanzamento de falta. Xa nos últimos minutos, Alba, tamén a balón parado lograría o único tanto do Armenteira C.F. feminino na tarde deste sábado. A futbolista de San Miguel de Deiro imprimiulle tanta forza ao balón que a meta Laura Eraso só se limitou a contemplar como entraba no interior da portería para rebotar e voltar de novo ao campo de xogo. Non se deterá a competición da Liga feminina de fútbol-7 durante a ponte festiva de Todos os Santos, e as mozas do cadro verdinegro deberán visitar o domingo, 3 de outubro, o campo de O Lourambal-2, para medirse, a partires das 12:00 horas á escadra local do Porriño Industrial F.C., que ocupa a novena posición, con nove puntos, dous máis cós que teñen as rapazas que dirixe Marcial Prado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario