FICHA TÉCNICA
BORA NAZARET C.F. - ARMENTEIRA VETERANOS - 4 - 2
ARMENTEIRA VETERANOS: Óscar Muñiz; Jorge Dávila, Carlos Castro, Óscar Barreiro, Richi; Charles, José Pérez, Javi González; Rubén, Víctor; e Jorge Castro. Tamén xogaron Moncho, Galiñanes e Marcial.
GOLES: 0-1. Minuto 4. Jorge Castro. 1-1. Minuto 14. David Rubio. 2-1. Minuto 29. David Pérez. 2-2. Minuto 56. Jorge Castro. 3-2. Minuto 70. Roberto Sobrado. 4-2. Minuto 88. César Pérez.
ÁRBITRO: Gómez Cerqueiro. Mostrou cartóns amarelos a Emilio Méndez, Roberto Sobrado, Borja Aldao, David Rubio e Enrique García por parte do Bora Nazaret C.F. e a Javi, Moncho, Galiñanes, José Pérez e Óscar Muñiz por parte do Armenteira Veteranos.
INCIDENCIAS: Partido da décima xornada da Terceira Galicia de Veteranos. Grupo 2, disputado no campo de O Cabalo, en Vilaboa, sen apenas espectadores, nunha tarde fría, anubrada e chuviosa por momentos, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións idóneas para a práctica do fútbol
.
.
CRÓNICA
O Armenteira Veteranos puxo en serios apretos ao líder do grupo 2 da Terceira Galicia de Veteranos. O Bora Nazaret C.F., un dos equipos con maior potencial do grupo e claro aspirante ao ascenso de categoría, partía como gran favorito no partido que se disputou este sábado no campo de O Cabalo, en Vilaboa. Xa na sesión de quecemento o rigor e a disciplina dos locais contrastaba coa que soen ter boa parte dos conxunto da liga de veteranos. Exercicios de carreira continua, de mobilidade das diversas partes do corpo, rondos, saídas en velocidade... demostraban que se trata dun clube moi pouco usual na competición á que pertence. Con todo, o inicio do encontro non resultou como cabía agardar, ou máis ben, como agardaba o Bora Nazaret C.F. No medio da chuvia que caía nos primeiros minutos Jorge Castro recibía entre os centrais e era quen de plantarse ante o hábil gardameta Óscar Lameiro. Parecía relativamente cómodo o Armenteira Veteranos o cal, en base á potente tripleta do mediocampo, formada por Charles, José Pérez e Javi, era quen de dominar o control do xogo por momentos. Aínda que pouco durou a alegría no bando visitante e, nun dos frecuentes balóns en profundidade que o Bora Nazaret C.F. enviaba buscando as costas dos laterais, César Pérez íase en velocidade para servir a pracer a David Rubio, que bateu a Óscar Muñiz dende a área pequena. Ía gañando metros a escadra local e, tras unha acción embarullada na área do Armenteira Veteranos, con varios despexes, incluso mans dentro da área que o colexiado Gómez Cerqueiro, moi despistado este sábado, non advertiu, César Pérez, empurrando a Óscar Barreiro sobre a liña de gol, colocaba o dous a un. Co paso dos minutos o partido, xa de por sí bastante tenso, foi incrementando o nivel de tensión. As primeiras protestas dos visitantes foron sucedidas polas dos locais, que non perdían a oportunidade de enzarzarse cos rivais ou mesmo de rodear ao árbitro cando non estaban de acordo con algunha das súas decisións. Tamén eran continuas as perdas de tempo por parte do equipo que se atopaba en vantaxe e que semellaba que se acabaría levando o encontro sen grandes dificultades. Pero, na reanudación, Jorge Castro volveu desfacerse dos centrais para quedarse só ante o gardamallas Óscar Lameiro e situar novamente a igualada. Incluso puido poñerse nunha situación maís favorable o Armenteira Veteranos se o colexiado decretase cartón vermello directo nunha xogada na que o propio Jorge Castro recibiu de costas no borde da área e se xirou rapidamente para tomar rumbo á portería, sendo derrubado por un defensa local. Gómez Cerqueiro sancionou a acción unicamente cun cartón amarelo, pese ás reclamacións dos de A Armenteira. Co nerviosismo local en aumento ante a posibilidade de non sumar os tres puntos ante un conxunto da zona baixa da táboa o encontro resolveuse nos últimos minutos. Unha triangulación do Bora Nazaret C.F. rematou co coiro nos pés de Roberto Sobrado que con leve toque entre os centrais enviou o balón ao fondo da rede. E xa co partido a piques de rematar, no minuto 88, César Pérez, recolleu un rexeitamento da defensa verdinegra e conectou unha precisa volea que sorprendeu a un adiantado Óscar Muñiz. Nada puido facer o unha vez máis improvisado gardamallas do Armenteira Veteranos, que a pesares dos tantos encaixados, tivo unha actuación máis ca aceptable. Esta derrota deixa ao equipo de O Leixo da décimo sexta posición, con sete puntos, á espera de recibir a visita, o sábado, 14 de decembro, da A.C.D. J.L. Sanmartín-Rubitel, que ocupa a décima praza con catorce puntos. O sabor agridoce que deixou o partido compensouse coa cea de Nadal que o Armenteira Veteranos celebrou a continuación nun local de hostalería do Concello de Meaño, unha celebración que nalgún caso se prolongaría ata altas horas da madrugada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario