Buscar neste blog

xoves, 31 de decembro de 2020

Un ano marcado pola pandemia, tamén en A Armenteira

 O ano 2020 foi un ano no que en practicamente todos os recunchos do planeta se deixaron sentir os efectos da expansión da pandemia do coronavirus COVID-19. A parroquia de A Armenteira non foi allea tampouco a tan detestable fenómeno e no resumo que realizamos ao longo das seguintes liñas observamos como este feito condiciona boa parte dos acontecementos que tiveron lugar neste territorio durante 2020.

O mes de xaneiro comezaba coa presenza, como soe ser habitual en períodos vacacionais, do ex-presidente do goberno de España e ex-secretario xeral do Partido Popular Mariano Rajoy pola Ruta da Pedra e da Auga e polas inmediacións do mosteiro cisterciense. Días máis tarde eran noticia os problemas co alumeado público no lugar de Valboa, que tardaron uns días en solventarse. Tamén se incorporoban ao traballo os equipos de fútbol de A Armenteira, o Armenteira C.F. e o Armenteira Veteranos, tras o parón das vacacións de Nadal, inconscientes nese momento de que ese retorno ao traballo e á competición se vería interrompido de forma abrupta no mes de marzo. Por esa época tamén era noticia o comezo da campaña de adopcións de cans por parte do centro de acollida CAAN, o refuxio que a Deputación Provincial de Pontevedra xestiona en terreos da nosa parroquia. O 17 e 18 de xaneiro celebrábanse as festas na honra de San Antonio Abad. Nelas actuou a Banda de Vilanova de Arousa, dirixida por Jesús Nogueira, un personaxe de longa traxectoria no eido musical, que aparecería morto días despois no peirao da vila arousana. Finalizaba o mes coa apertura dunha exposición sobre o artista Leopoldo Nóvoa no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. O autor, que acabou convertendo  A Armenteira e o seu estudo situado no lugar de Vilar no seu núcleo de inspiración e creación, sería un dos grandes protagonistas do ano a nivel cultural, ao conmemorarse con diversos actos o ano do centenario do seu nacemento. A presentación duns plans de mellora e de novos proxectos por parte da Fundación Monte Castrove, a entidade que xestiona o campo de golf ubicado no lugar de Silván, daba por rematado o mes de xaneiro en canto a noticias de relevancia.

No mes de febreiro o avistamento de lobos nalgúns puntos de A Armenteira era recollido nas páxinas dos medios de comunicación. Pero o evento do mes na parroquia foi a xornada de competición da Liga Nacional de Billarda, que tiña previsto celebrarse no campo de O Leixo, pero que as condicións meteorolóxicas adversas obrigaron a trasladar ao Pavillón Municipal de Meis, na parroquia de Santo Tomé. Chamaba a atención por esa época, como por desgracia ocorre case ao longo de todo o ano, o abandono de cans nalgunhas zonas de A Armenteira.

O mes de marzo comezaba coa presentación dun torneo de golf feminino, organizado pola Fundación Monte Castrove. Unha charla sobre trampeo da vespa velutina, celebrada no Local Social de Vilar, a coñecida como Casa de Cultura, volvía a poñer de manifesto a necesidade de loitar contra un problema ecolóxico de primeira índole, como é o caso da expansión desta especie invasora. Convertíase tamén en noticia, unha das máis relevantes dos últimos anos, a decisión do grupo de goberno do Concello de Meis de rescindir o contrato de xestión do albergue de peregrinos que posuía a Fundación Amigos do Camiño Portugués. Mentres o Armenteira C.F. feminino disputaba a segunda fase da Liga Feminina de Fútbol-7, e Sara Rey nos agasallaba cun festival goleador fronte ao Colegio Apóstol, e o Armenteira Veteranos coñecía o calendario da segunda fase, os acontecementos precitábanse, e a extensión da pandemia da COVID-19 provocaba que a Real Federación Galega de Fútbol decidise suspender as actividades deportivas. A declaración do estado de emerxencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia e do estado de alarma en toda o estado español obrigou a ir cancelando en cadea todos os eventos programados. As actividades do campo de golf ou os actos festivos que ían ter lugar durante a Semana Santa sumábanse aos eventos cancelados. O mes de marzo remataba cun suceso desgraciado, o incendio dunha nave avícola no lugar de As Pereiras, no que perdían a vida máis de 10.000 polos.

No mes de abril era noticia o desenvolvemento das actividades educativas nunha situación de confinamento. Os rapaces e rapazas que cursaban estudos no CEIP de Armenteira e os e as escolares da parroquia matriculados noutros centros educativos tiñan que adaptarse a unhas novas circunstancias protagonizadas pola teledocencia. O Concello de Meis puxo á súa disposición un servizo de reparto de fotocopias para axudar a quen tiña máis dificultades para desenvolverse nunhas circunstancias que eran novidosas para boa parte deles. Chegaba a Semana Santa, unha Semana Santa especial, no que as lembranzas en forma de publicacións e reportaxes televisivos nos levaban a anos anteriores ante a suspensión dos actos previstos para a edición de 2020.  Unha nova situación, particularmente desfavorable para certos grupos de poboación, na que o Concello de Meis iniciaba a distribución a domicilio dun elemento que a partir de entón se facía imprescindible nas nosas vidas: as máscaras. As adversidades derivadas da pandemia tamén facían xurdir a solidariedade, coa creación do Banco Municipal de Alimentos, do que se vían beneficiadas algunhas familias de A  Armenteira.

O mes de maio comezaba co regreso da actividade ao campo de golf. Ao tempo, o Concello anunciaba a suspensión de todas as festas que ían celebrarse ata o 30 de xuño, incluíndo a tradicional fogueira do San Xoán, que nos últimos tempos se convertera nun evento multitudinario en A Armenteira. A parroquia preparábase para entrar na primeira fase da etapa de desconfinamento, ao tempo que Don Ramón Fernández Ramos, o cura párroco, celebraba o 10 de maio o seu 90 aniversario. O mes remataba coa reanudación da exposición sobre a obra de Leopoldo Nóvoa no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra ou cunha nova reunición cos veciños e veciñas de Couso para tratar de dar solución aos problemas relacionados coa biomasa próxima a algúns domicilios deste lugar.

No mes de xullo o campo de golf de Meis iniciaba os actos de conmemoración do 20 aniversario. Tamén remataban por eses días as tarefas de desbrozado das marxes das rutas e viais que transcorren pola parroquia. Estouraba por esa época unha agria polémica a causa dunhas declaracións de Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova de Arousa e predecesor de Marta Giráldez na presidencia da Mancomunidade de O Salnés, nas que afirmaba que o albergue de peregrinos de A Armenteira ía permanecer pechado durante o verán. A reacción do grupo de goberno do Concello de Meis non se fixo agardar e axiña desmentiron as declaracións do rexedor vilanovés. Un anuncio de Turismo de Galicia, organismo dependente da Xunta de Galicia, no que aparecía unha imaxe do arco de entrada ao arco do mosteiro cisterciense, poñía de manifesto o valor patrimonial e turístico de A Armenteira. A finais de mes o Concello de Meis daba a coñecer o Programa Cultural de Verán, no que a nosa parroquia tiña reservado un lugar destacado.

O mes de xullo, normalmente un dos meses máis festivos do ano, transcurriu durante 2020 con relativa tranquilidade. Si tiveron lugar algúns eventos, como o Tapacallo, unha iniciativa do Concello, na que participaron catro establecementos de hostalaría de A Armenteira: o Bar Restaurante A´Fonte, o Café Bar O´Comercio, a Taberna Carballo de Prado 1900 e Chan do Fento, o bar, restaurante e cafetaría ubicado nas instalacións do campo de golf. O 17, 18 e 19 de xullo celebrábase unha nova edición do Armenteira Jazz, que de novo trouxo a A Armenteira os ritmos e as melodías deste xénero musical, aínda que adaptándose ás medidas de seguridade e hixiene para frear a pandemia da COVID-19. O Armenteira C.F. celebraba por esas datas unha reunión trascendental para planificar o seu futuro inmediato e a longo prazo. O mes remataba cun atentado contra un dos principais referentes patrimoniais da nosa parroquia: os petróglifos do Outeiro do Cribo. O conxunto rupestre aparecía cunhas pintadas que supostamente pretendían resaltar os debuxos que describen os seus surcos, un acto que pode preduxicar gravemente a súa conservación. 

En agosto a actualidade estivo copada polos frecuentes accidentes de sendeiristas que percorrían a Ruta da Pedra e da Auga. Tamén foron noticia as bodas que se celebraban na igrexa do mosteiro cirtenciense, das que se facían eco algunhas revistas, dado o glamour e os círculos sociais elevados aos que adoitaban pertencer as persoas que contraían matrimonio. Por esa época presentábase o programa TIC Emprendes, un programa formativo deseñado pola Deputación de Pontevedra que pretendía fomentar a inserción laboral da mocidade e o desenvolvemento dos recursos propios da nosa terra. Nese mes dábase por finalizada a limpeza da parcela 219 do monte veciñal de Couso, a zona que o grupo de goberno do Concello e a veciñanza deste lugar acordaron limpar por considerala a de maior risco en caso de incendio pola proximidade desta aos núcleos de poboación. O aumento dos gromos da pandemia provocaban que a institución municipal tivese que cancelar os actos que quedaban por desenvolverse do Programa Cultural de Verán.

A segunda onda da pandemia fíxose máis evidente no mes de setembro. Nesas datas no Café Bar O´Comercio tiña lugar un concerto dos artistas Doro e Bruno Canario que viña a substituír as habituais festas de verán que neste ano non puideron celebrarse. Ao tempo iniciábase un novo curso escolar. As medidas fronte á pandemia, coa máscara, o xel hidroalcohólico ou o distanciamento, marcaban á volta ás aulas no CEIP de Armenteira e nos centros educativos nos que cursa estudos o alumnado de A Armenteira. Xa no mes de outubro os contaxios por coronavirus comezaban a producirse no colexio da parroquia, obrigando a confinar a algún neno e nena. No mes de novembro era noticia o aumento das adopcións de cans no centro de acollida CAAN, e xa no mes de decembro, o optimismo parecía renovarse co acendido das luces de Nadal, que este ano trataron de mimar especialmente a A Armenteira, destacando o colorido do arco de entrada ao adro do mosteiro cisterciense e o decorado luminoso deste enclave. Na prensa recollíanse noticias relacionadas con operacións contra o tráfico de drogas. As noticias publicacadas sobre a Operación Mito, un proceso xudicial contra a rede dirixida polo capo cambadés José Ramón Prado Bugallo "Sito Miñanco", facían referencia a A Armenteira, en concreto a unha nave ubicada no lugar de Couso, de propiedade atribuída a David Pérez Lago, fillastro de Laureano Oubiña, e que foi incendiada en abril de 2019. Remataba o ano coas celebracións propias de Nadal. O tren de Papá Noel co que a ANPA "O Loureiro" quixo extender a maxia e a ilusión entre a rapazada e que percorreu as aldeas da parroquia o 22 de decembro e o Buzón Real que os días 28 e 29 de decembro nos que a xente máis nova puido depositar as cartas ás Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente pecharon un ano non demasiado afortunado para as xentes de A Armenteira, de Galicia, de España e do mundo en xeral, que agardan que o 2021 poida devolverlles a esperanza e a alegría que o coronavirus COVID-19 lles arrebatou.





luns, 28 de decembro de 2020

O Buzón Real cumpre este martes o segundo e último día en A Armenteira

Son días de intenso traballo aló polas terras de Oriente. As Súas Maxestades os Reis Magos, xunto co seu estenso equipo de colaboradores e colaboradores soportan nestas datas longas xornadas laborais preparando o reparto que, como cada ano e desde fai séculos, realizan na noite do 5 ao 6 de xaneiro. Os labores de recompilación, catalogación e ordenación dos xoguetes e outros regalos, así como a preparación dos paquetes, mantéñenos ocupados durante horas e horas. Non menos tempo require a lectura da inxente cantidade de cartas que os e as carteiras reais fan chegar ás dependencias do palacio no que teñen establecida a súa sede. Por este motivo, a axuda da cidadanía e das administracións públicas resulta indispensable. No caso de A Armenteira e en xeral do concello de Meis a achega aos magos de Oriente levouse a cabo mediante a colocación dun Buzón Real que, de forma itinerante, irá percorrendo distintos lugares do municipio. O sábado, 26 de decembro, o buzón iniciou a súa singladura no porche exterior do multiusos do O Mosteiro, para trasladarse o domingo 27 ata A Armenteira. Nesta parroquia o lugar elixido para colocalo ía ser a denominada Praza de Vilar, a que se atopa á entrada do adro do mosteiro cisterciense, pero as malas condicións meteorolóxicas obrigaron a situalo no acceso ao Local Social de Vilar, a tamén coñecida como Casa de Cultura. Alí estará ata o martes 29, cando emprenda viaxe cara á parroquia de San Martiño, onde se situará xunto á porta de entrada á farmacia. Por este motivo, os nenos e nenas de A Armenteira e arredores que queiran depositar a carta aos Reis Magos deben darse présa para facelo, a non ser que queiran entregalo cando durante os próximos días cando o buzón se atope noutra das parroquias do termo municipal. Asimesmo, aqueles nenos e nenas que queiran establecer contacto con Melchor, Gaspar e Baltasar a través do servizo de videoconferencia que ofrece o concello teñen de prazo ata o martes, 29 de decembro, para facer a solicitude a través do número de teléfono 641585245. A maxia do Nadal que envolve un ano máis A Armenteira e que este ano se manifestou especialmente a través do alumeado navideño ou do tren de Papá Noel que percorreu a parroquia o día 22, continúa agora co Buzón Real e intensificarase co inicio do ano novo e cos regalos que nenos, nenas e, pero tamén as persoas adultas, agardar recibir nos seus fogares na mañá do 6 de xaneiro.


domingo, 27 de decembro de 2020

INOCENTADA 2020: A Armenteira contará con servizo regular de tren a partir de inicios do ano próximo

 A iniciativa levada a cabo pola ANPA "O Loureiro" que permitiu traer a A Armenteira o pasado 22 de decembro o tren turístico que percorre a vila de Cambados, e que ese día trasladou polos distintos lugares da parroquia a Papá Noel, xunto con cortexo de paxes e nenos e nenas, serviu de inspiración para que as autoridades municipais decidisen pór en marcha unha idea que vén a responder a unha demanda histórica da veciñanza da zona: a de establecer un servizo de transporte local. Grupos políticos con representación na Corporación Municipal do Concello de Meis levaron a pleno en numerosas ocasións a proposta de instaurar un sistema de transporte que vertebrase os núcleos de poboación do Concello e que facilitase o desprazamento dos veciñas e veciñas que non dispoñen de vehículo propio para desta maneira puidesen desenvolver actividades tan cotiás como ir a consulta médica, facer as compras, realizar trámites nas oficinas municipais ou simplemente tomar un café nas terrazas dos bares e cafetarías. As xestións ante a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia non deron os seus froitos e todo indicaba que habería que agardar ata a campaña das próximas eleccións municipais, previstas para 2023, para que as autoridades tomasen en serio a idea. Pero o éxito da iniciativa da ANPA "O Loureiro" deu un impulso inesperado ao proxecto. A comezos de 2021, nunha data aínda por determinar, un tren similar ao da vila de Cambados iniciará o seu percorrido polos distintos lugares de A Armenteira. Inicialmente durante as fins de semana, pero coa opción de incrementar a frecuencia das viaxes, o tren desprazarase polos viais da parroquia para levar ás xentes que o precisen a tomar o café, aos oficios relixiosos, aos partidos de fútbol ou a visitar a familiares e amigos e amigas. Incluso cabe a posibilidade, se acaba contando cos preceptivos permisos da Consellería de Educación, de o transporte escolar sexa realizado por este vehículo ao contar nun sistema de ventilación máis efectivo e ao adecuarse mellor aos protocolos de prevención de contaxios do coronavirus COVID-19. Deste xeito, os nenos e nenas de A Armenteira, que tanto disfrutaron na viaxe do día 22, poderán desprazarse diariamente ao colexio nun medio tan singular. Unha potente máquina, altamente contaminante, pero adaptada ás pendentes características dun territorio como A Armenteira, tirará do que sería un transporte que os e as escolares compartirán persoas adultas, veciños e veciñas ou turistas, e  que, para maior comodidade dos e das pasaxeiras contará cun servizo de cafetería, asitencia médica en caso de mareo ou, cando se trate de tarifas VIP, de actuacións musicais ou de números de humor a bordo da que se encargarían renomeados artistas locais. A modo experimental, o vehículo fará un traxecto os días 28 e 29 de decembro, en horario de mañá e tarde, para que os nenos e nenas poidan desprazarse a depositar as cartas ás Súas Maxestades de Oriente no Buzón Real que se ubicará na entrada do Local Social de Vilar, a coñecida como Casa de Cultura, e que en caso de mellorar o tempo se trasladará á Praza de Vilar, a que sea atopa á entrada do adro ao mosteiro cisterciense, un punto que se convertirá nunha parada obrigatoria, pois alí estarán agardando o concelleiro Martín Casais e outros representantes da política local, ataviados con vestimentas acordes coa época de Nadal, para repartir caramelos e chuches entre a rapazada.

INOCENTADA 2020: As tarefas de sementado do céspede de O Leixo inícianse a bo ritmo

O parón nas competicións de liga ou a redución do número de partidos e adestramentos fai que moitos clubes aproveiten para realizar reformas nas súas instalacións deportivas. Exemplos como o do Real Madrid C.F., que en pleno estado de alarma comezou unha ambiciosa reforma do Estadio Santiago Bernabeu, ou o do Levante U.D., que vén de retomar o uso do Estadio Ciudad de Valencia tras unha ampla renovación, foron seguidos por clubes de categorías máis modestas. É o caso do Armenteira C.F. que, farto de ter que xogar e adestrar nun terreo de xogo de superficie de terra, que habitualmente presenta unhas condicións pouco aptas para a práctica do fútbol, decidiu iniciar as tarefas de sementado e prantación de céspede no campo de O Leixo. Baseándose en precedentes como o do Beiramar C.F., que fai uns anos emprendeu unha acción similar, sementando herba e instalando un sistema de rego no campo Municipal de Castrelo, no concello de Cambados, a Xunta Directiva do Armenteira C.F. decidiu acometer este grandioso proxecto. O crecemento de forma natural de herba ao longo dos últimos meses, nos que a causa da pandemia apenas houbo actividade no campo de O Leixo, fixo xurdir a idea nas mentes dos dirixentes verdinegros. Coa axuda e co apoio económico tanto do Concello de Meis, como da Deputación de Pontevedra e da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, o clube adquiriu varios sacos dunha semente especialmente seleccionada para o solo e o clima característico da zona na que se atopa o campo. Trátase dun herbazo similar ao dos prados utilizados para o pasto do gando, moi pouco común en instalacións deportivas debido ao picor que adoita producirse no contacto coa pel, pero moi resistente ao uso e ao tipo de fútbol que practican os equipos de fútbol de A Armenteira. Ademais, as súas cualidades nutritivas permitirán alimentar aos animais que con frecuencia se adentran no terreo de xogo, ao non dispoñer este dun peche perimetral que impida a entrada de intrusos. Este feito facilitará o mantemento da superficie de herba e incluso levou a que Xunta Directiva se plantexase non mercar unha máquina cortacéspede, dado o alto custo que soen acadar estes aparellos no mercado. Botando man de ferramentas que atoparon nos seus fogares, como legóns, angazos, motocultores ou arados, os directivos verdinegros poñeranse mans á obra a partir do luns, 28 de decembro, coa colaboración de operarios municipais e de todas aquelas persoas que de xeito voluntario se ofrezan a colaborar, e agardan que no prazo dunha semana estas tarefas dean xa por rematadas. Uns chuvieiros situados á altura das bancadas axudarán a acelerar o crecemento da herba e mantela verde e vizosa nos meses de verán, nos que normalmente escasean as choivas sobre o lugar de O Busto. Co retraso no inicio das competicións, que previsiblemente se verá aumentado ante a postura contraria de moitos clubes a incribirse a causa da inseguridade que se presenta mentres non estea controlada a pandemia da COVID-19, os dirixentes do Armenteira C.F. amósanse esperanzados de que o céspede estea en perfectas condicións para o seu uso para o momento no que tanto o equipo feminino  como o Armenteira Veteranos se estreen na competición de liga. Mentres tanto, irán traballando na organización do acto de inauguración, unha cerimonia na que non faltará ningún detalle, e na que como soe ser habitual neste tipo de celebracións, serviranse abundantes pinchos e estará amenizada pola actuación dunha coñecida orquestra que aproveitará a ocasión para voltar aos escenarios tras varios meses de inactividade. A esta cita, que convertirá nun dos eventos festivos máis importantes da zona no próximo ano,  espérase que acudan destacados representantes do ámbito político, económico, relixioso ou social a nivel local e autonómico.



martes, 22 de decembro de 2020

O tren de Nadal da ANPA O Loureiro leva a ilusión polas aldeas de A Armenteira

 A rapazada de A Armenteira disfrutou este martes, 22 de decembro, da ilusión e da maxia das datas de Nadal grazas a unha excepcional idea da Xunta Directiva da ANPA "O Loureiro" do CEIP de Armenteira. As limitacións impostas polas medidas de contención da expansión da pandemia do COVID-19 obrigaron a que a asociación de pais e nais do centro educativo de A Armenteira renunciase á celebración do festival que tradicionalmente tiña lugar antes do comezo das vacacións de Nadal. Á decepción que este feito podía provocar entre os nenos e nenas, engadiuse que este ano tampouco puideron disfrutar do percorrido que realizaban polos diversos lugares da parroquia para entonar os Cantares de Reis, as tamén coñecidas como "xaneiras", unha costume que se foi perdendo co paso do tempo e que o equipo docente trata de ir recuperando nas novas xeracións, e que nesta situación tamén foi imposible levar a cabo. Para compensar a cancelación destas actividades as dirixentes da ANPA "O Loureiro" tiraron de imaxinación e botaron man dos seus contactos para traer A Armenteira o famoso tren turístico que percorre a vila de Cambados. Convenientemente adornado con globos, cintas, guirnaldas e outros enseres navideños, e escoltado por un vehículo do Concello de Meis, o convoi partiu do lugar de A Lomba, no límite coas parroquias de Barrantes e San Martiño, e foi pasando polos diversos lugares de A Armenteira e ou de parroquias próximas, como San Salvador. Cabeza de Boi, Couso, O Batán, Silván, Vilar, Valboa, O Busto, Vacariza, Castiñeira, San Amedio, ata rematar nas inmediacións do colexio, formaron parte da singladura do Pavitrén. Nel, unha comitiva formada polas representantes da ANPA, ataviadas co uniforme de paxes, e por un grupo de nenos e nenas, que aumentaba a medida que ían transitando polos núcleos de poboación, acompañaban a un Papá Noel que, micro en man, e sobre un fondo musical, animaba ás xentes que efusivamente saían a recibilos. O momento máis emocionante producíase cando o tren detiña a súa marcha e Santa Claus apeábase do vagón para dar un agasallo aos nenos e nenas que agardaban nas paradas ou se asomaban ás ventás. Para poñer o colofón ao traxecto, ao final do percorrido, a tripulación infantil que acompañou a Papá Noel ao longo do percorrido recibiu un obsequio que o propio mago de Laponia entregou a cada un e cada unha deles cando abandonaban os vagóns. O saco quedou baleiro, pero as facianas dos nenos e nenas quedou repleta de emoción e alegría tras comprobar que a maxia do Nadal, nin sequera en tempos de pandemia, se esqueceu de A Armenteira, e todo elo grazas ao extraordinario labor e ás dilixentes xestións das representantes da ANPA "O Loureiro".







sábado, 5 de decembro de 2020

A Armenteira acende as luces do Nadal´2020

 Nun ano marcado polas terribles consecuencias da pandemia da COVID-19 as institucións públicas, os centros educativos, os locais comerciais ou moitos dos fogares non queren perder a ilusión e esfórzanse por manter o espírito navideño. Os decorados de Nadal inundan non só os escaparates ou o interior dos locais, senón que prazas e rúas locen alumeados e creacións que nos lembran que nunha situación de grave crise sanitaria e económica tamén debe haber oco para a maxia desta época do ano. Foron moitos os Concellos que inauguraron ao longo destes días o seu alumeado de Nadal. Con maior ou menor publicidade, con maior ou menor creativididade ou con maior ou menor investimento os escenarios de Nadal ao aire libre están xa en marcha nada máis iniciarse decembro. Foi o caso do Concello de Meis, que este sábado, 5 de decembro, acendeu o seu alumeado de Nadal. Como non podería ser doutro xeito, a parroquia de A Armenteira é unha das que exhibe con máis esplendor as luces navideñas. O executivo que preside Marta Giráldez decidiu nesta ocasión facer un reparto equilibrado e ao mesmo tempo completo entre os distintos lugares da parroquia. Con arcos luminosos na entrada á parroquia a través das principais vías de comunicación, en Cabeza de Boi, Fofán, Silván e O Busto, e prestando especial atención ao entorno do mosteiro cisterciense, cun arco luminoso na Ponte Xoán e outro na estrada que baixa cara ao colexio, as luces abranguen as zonas de paso polas que habitualmente transitan os veciños e vecinas de A Armenteira. Pero se hai un lugar especialmente mimado, polo seu valor histórico, artístico e turístico, ese é a denominada Praza de Vilar, a que se atopa entre o Café Bar O´Comercio e o Bar Restaurante A´Fonte, e a entrada ao adro do mosteiro. Alí levouse á práctica unha idea que xa se propuxera en anos anteriores, a de situar unha árbore luminosa sobre a pasarela de madeira, acompañada por unha cinta de luces percorrendo os muros da praza e doutra cinta que enmarca o arco da entrada cara ao adro. Esta medida, coa que se pretende manter os ánimos e reforzar o espírito navideño nunhas circunstancias tan difíciles como as que vivimos, súmase á campaña de promoción do comercio local que repartirá vales entre as persoas que consuman nos establecementos comerciais, de servizos e de hostalaría, que deu comezo tamén este 5 de decembro e que se estenderá ata o 10 de xaneiro, e na que participarán varias empresas e establecementos de A Armenteira, como asimesmo o farán no concurso de escaparates de Nadal, que tamén vén de iniciarse. Deste xeito, e a pesar das restricións para frear a expansión da pandemia, que previsiblemente serán aliviadas nos próximos días, trátase de contribuír a paliar os efectos que a COVID está provocando tanto entre os negocios como entre a poboación local.




xoves, 20 de agosto de 2020

A limpeza da parcela 219 do monte veciñal de Couso avanza cara á súa fin

O crecemento da biomasa forestal nas proximidades dos núcleos de poboación supón en serio perigo en caso de incendio. A causa dos terribles episodios ocorridos no verán de 2006 ou no outono de 2017, no que o lume cercou ou incluso chegou a queimar algunha vivenda, causando ademais algunha vítima mortal entre os membros das brigadas de extinción, as administracións competentes decidiron tomar mans no asunto para abordar un tema de tanta gravidade. Xeralmente, son os concellos os encargados de enviar unha notificación aos propietarios e propietarias das parcelas que constitúen un risco por estares a escasa distancias das zonas habitadas. Segundo a lei aprobada polo goberno da Xunta de Galicia o 28 de decembro de 2018, as superficies forestais que se atopen a menos de 50 metros de distancia dos núcleos habitados deberán estar rozadas e non poden conter especies pirófitas, é dicir, piñeiros, eucaliptos e acacias. No caso de detectares un caso no que se incumpra esta lei os concellos ou a Consellería de Medio Rural remitirán aos propietarios e propietarias unha notificación cun requerimento onde se lle dá un prazo para acometer estas tarefas. De non haber resposta por parte das persoas propietarias, a administración competente procederá a executar as tarefas de limpeza da parcela, imputándolle os gastos á persoa interesada. E no caso de que o importe destes traballos supere o valor catastral da parcela, poderá iniciarse, se se estima conveniente, a expropiación forzosa. Normalmente a institución municipal actúa de oficio, pero noutras ocasión son os veciños e veciñas que habitan no entorno das parcelas que precisan unha limpeza de biomasa as que avisan ao concello para que envíe as notificacións e inicie o procedemento correspondente. 

A parroquia de A Armenteira non é unha excepción neste sentido. En lugares como o de Couso existe unha problemática particular. Trátase do monte de propiedade veciñal, que ata 1924 pertencía á Dolores Carballa, unha veciña da parroquia de Bordóns, no concello de Sanxenxo, e que ata ese momento obrigaba ás xente de Couso a un pagamento periódico á propietaria polo uso deses terreos. E foi precisamente o 4 de novembro de 1924 cando unha representación veciñal se reuniu con Dolores Carballa para abonarlle a cantidade de 250 pesetas, co cal quedaban liberados das obrigas forais e convertíanse en posuidores de pleno dereito. Curiosamente a persoa que actuou como notario deste acordo, como figura nun documento custodiado en varios domicilios do lugar, foi o que por aquel entón exercía como sacerdote de A Armenteira, Don Antonio Buceta Güimil. Estes terreos, ocupados na súa totalidade por superficie forestal, viñeran sendo explotados polas xentes de Couso durante varios séculos. A historia e o dominio útil exercido ao longo de tanto tempo outorgan a titularidade destas propiedades á comunidade de veciños e veciñas, os cales, como indica a tradición deben ter "casa aberta e con fume" no lugar. Na práctica isto supón que a comunidade veciñal titular do monte pode variar se se incrementa o número de fogares ou se algunhas casas pechan ou quedan abandonadas. Polo tanto, a titularidade destas propiedades é colectiva, non particular, e vai ligada irremisiblemente á condición de veciño ou veciña de Couso. No pasado estas masas forestais foron fundamentais para a subsistencia das familias, pois alí recollían leña, cortaban toxo e estrume, pastoreaban o gando ou incluso sementaban centeo, trigo ou outros produtos. Segundo lles conviña ou segundo precisaban, acudían ao monte veciñal a traballar ou a buscar os recursos básicos para unhas economías baseadas na agricultura e na gandaría de subsistencia en épocas nas que a miseria e a fame eran as notas predominantes. No caso de Couso, ao igual que ocorre en lugares próximos como Gondes, As Pereiras e Cabeza de Boi, o monte veciñal dividiuse en "sortes" ou "quiñóns", pequenas porcións de terreo explotadas cada unha delas por unha familia con casa habitada na aldea, unha división que tamén recolle unha documentación catastral elaborada tras os voos que a aviación militar estadounidense realizou sobre o territorio español durante a época franquista. En concreto, o que maior información nos proporciona é o coñecido como "Vuelo Americano Serie B", que tivo lugar entre 1956 e 1957, e que nos ofrece unha imaxe da superficie da parroquia de A Armenteira e de lugares como o de Couso bastante precisa para os medios existentes naquel momento, pero moi distinta da que podemos observar na actualidade. De feito, moitas das edificacións ou das vías de comunicación non existían ou tiñan un trazado moi distinto ao que teñen nos nosos días.

Para abordar a limpeza desta masa forestal de titularidade veciñal, e atendendo as demandas particulares das xentes de Couso, unha representación do equipo de goberno do Concello de Meis, acompañado de persoal técnico municipal, desprazouse ata o lugar a inicios de setembro de 2019, coa intención de valorar a situación da biomasa destes terreos comunais nas proximidades das vivendas e estudar as posibilidades de actuación. O 3 de outubro dese mesmo ano, na zona de O Souto, tivo lugar unha xuntanza, á que acudiu a propia alcaldesa Marta Giráldez. Na mesma escoitouse aos veciños e veciñas, que formularon as súas propostas, e puideron resolver algunhas dúbidas, e acordouse que cada familia posuidora dun dos quiñóns do monte veciñal que se atopasen a metros de 50 metros dos núcleos habitados comezase coas tarefas de limpeza. A dureza do inverno, no que as choivas foron frecuentes, así como a deixadez de boa parte das persoas posuidoras destas parcelas, fixo que estas tarefas se postergasen, e ante a inminente chegada do verán, o equipo de goberno do Concello volveu convocar unha nova reunión. Esta tivo lugar o 22 de maio, tamén na zona de O Souto, e cunha presenza máis numerosa de veciñas e veciñas ca na anterior ocasión. Alí a alcaldesa deu o coñecer o plan definitivo de actuación. Este consistía en delimitar unha área forestal concreta para limpar, ao ser considerada tanto polos técnicos municipais como por algúns veciños e veciñas próximos a ela como a de maior risco en caso de incendio. Trátase da parcela que na Dirección General de Catastro aparece catalogada co número 219, no polígono 223, e que neste mesmo rexistro é nomeada como Carrasqueira. Como prazo para acometer as tarefas de corta e desbroce púxose un mes, durante o cal as xentes de Couso comezaron a actuar sobre estes terreos. Houbo quen decidiu actuar pola súa propia conta, encargándose personalmente dos traballos, e desenvolveu un desbroce da maleza e unha corta máis ou menos exhaustiva da madeira, e houbo quen decidiu recurrir a unha empresa madeireira para que se encargase destes labores. Foi este o caso da maior parte dos veciños e veciñas que, pasado o período fixado dun mes, xa tiñan acordado con maior ou menor detalle o trato con estas empresas. A delimitación dos marcos que separan os quiñóns, a fixación do prezo da compravenda da madeira, as dificultades de contactar e poñer de acordo a tantos posuidores ou a apretada axenda destes profesionais forestais fixeron que o inicio dos labores de corta e limpeza se retrasasen. Entrementres, o 4 de agosto, un incendio forestal nunhas leiras de propiedade particular situadas na zona da Revolta poñía en vilo á veciñanza de Couso e ás autoridades municipais. Por sorte, a rápida intervención dos medios de extinción aéreos e terrestres, xunto coa existencia nesa zona de especies menos propicias para a propagación do lume, como os carballos, impediron que o suceso tivese maiores consecuencias. Apenas uns días despois, dúas empresas madeireiras, Maderas Villanueva e Hijos e Maderas Castro, ambas as dúas con sede ou raíces na parroquia de A Armenteira, iniciaban as tarefas de corta e limpeza do monte. A profesionalidade e a excelente dotación a nivel de medios cos que contan estas dúas empresas contribuiron a acelerar o desenvolvemento destes traballos, e cando non se cumpren aínda dúas semanas do comezo destas tarefas, practicamente xa deron talado toda a madeira que trataran cos veciños e veciñas posuidoras desas porcións de terreo. Simplemente falta por rematar a tala no curruncho situado máis cara o norte da parcela e por moer as ramas e os restos das cortas de leña, uns traballos de menor duración en comparación cos que se teñen realizado ata o de agora. Como poden comprobar as xentes de Couso e todas aquelas persoas que transitan polo lugar ou pola estrada que conduce de Barrantes ao mosteiro cirterciense de A Armenteira, a limpeza levada a cabo nesa superficie forestal permite divisar tanto a estrada como algunhas zonas do lugar de Couso cunha claridade que non se lembra desde fai décadas. Ademais o risco de incendio nesta parcela diminuíu notablemente e, como moito este podería limitarse á parcelas colindantes, de propiedade particular, poboadas de eucaliptos, acacias ou piñeiros, e que, nalgún caso, poderían aproximarse aos 50 metros de distancia respecto dos núcleos habitados. Pero do que non cabe dúbida é de que a parcela 219, a que se acordou limpar nas sucesivas xuntanzas veciñais, polo menos durante un tempo, vai lucir máis limpa e cun menor risco de incendio do que quizais nunca o estivo.




domingo, 16 de agosto de 2020

O programa TIC Emprendes, unha oportunidade para a mocidade de A Armenteira

Presentado o venres, 14 de agosto, no salón de actos da Casa Consistorial do Concello de Meis, coa presenza da alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, xunto coas e cos representantes do equipo de goberno, ademais do deputado provincial Manuel González, xunto co persoal técnico encargado de dirixir as actividades formativas, o programa TIC Emprendes, promovido pola Deputación Provincial de Pontevedra e financiado polo Fondo Social Europeo, está orientado a ofrecer novas alternativas laborais para a mocidade que reside no rural, ao tempo que contribúe a asentar poboación nestas áreas. Destinadas a mozas e mozos de entre 16 e 30 anos, as accións formativas que comprende o programa TIC Emprendes centraranse basicamente en dous ámbitos, o sector turístico e as tecnoloxías da información e da comunicación. Sen esixir uns estudos previos, as accións formativas terán lugar no Concello de Meis, así como noutros da contorna como Meaño, Portas, Barro ou A Illa de Arousa, recibindo as persoas participantes unha bolsa de desprazamento para custear a asistencia ás clases. No caso de Meis as actividades de formación versarán sobre Aplicacións Móbiles, en concreto sobre o manexo de estratexias de programación e creación de aplicacións para dispositivos Android e IOS, e tamén sobre Operacións Básicas de pisos en aloxamentos turísticos, na que se formarán en tarefas de limpeza, posta a puntos dos cuartos, zonas nobres e áreas comúns, así como no arranxo da roupa do establecemento e das persoas usuarias. Estas actividades de formación desenvolveranse entre setembro de 2020 e abril de 2021, tendo como obxectivo a inserción laboral das persoas participantes ao remate dos cursos. Aquelas mozas e mozos que teñan interese en anotarse, sempre que cumpran os requisitos, é dicir, ter entre 16 e 30 anos, estar desempregadas e estar inscritas como demandantes de emprego no Servizo Galego de Colocación, poderán inscribirse nun prazo de quince días hábiles dende o comezo das actividades formativas. 

Nunha parroquia como A Armenteira e nun Concello como o de Meis, o turismo e as novas tecnoloxías e a comunicación son dúas actividades básicas e con enormes posibilidades de futuro, tanto no propio territorio como nos concellos dos arredores, polo que a formación das mozas e mozos nestes ámbitos resulta primordial para favorecer o desenvolvemento económico, e máis en momentos como o que vivimos, nos que os efectos da pandemia global do coronavirus COVID-19 esixen un maior grado de preparación e previsión ante os retos do futuro. Ademais de poder poñer valor os grandes recursos que neste sentido posúen territorios como A Armenteira, o desenvolvemento do sector turístico e das novas tecnoloxías e da comunicación, xunto con outras actividades complementarias e asociadas, como as relacionadas coa agricultura, a gandaría, a industria e outros servizos, permitirán facer fronte a outro dos grandes desafíos de moitos dos concellos de Galicia, como é o do despoboamento. Para elo, a institución que preside Carmela Silva, en colaboración cos concellos de provincia, decidiu pór en marcha proxectos como o TIC Emprendes, no cal as mozas e mozos interesados poderán preinscribirse na páxina web www.depo.gal e no número de teléfono 886217320.





domingo, 2 de agosto de 2020

Ana de Castro, muller, feiticeira e de A Armenteira

Estes días asistimos á exhibición e á proxección por distintos puntos de Galicia de "María Solinha", unha película rodada en Cangas do Morrazo, Redondela, a illa de Toralla e San Martiño de Moaña, que estaba previsto estrear o venres, 15 de maio, no Auditorio Municipal de Cangas, e que, finalmente, a causa da crise provocada pola pandemia do COVID-19 foi estreada o 19 de xuño en Redondela, nun espazo ao aire libre, e ao día seguinte, en Cangas. Dirixida polo ourensano Ignacio Vilar, a película reconstrúe a historia de María Soliña, unha muller canguesa, viúva, que como moitos veciños e veciñas fixo fronte ao ataque dunha escadra de piratas turcos que o 9 de decembro de 1617 atacou a vila, provocando máis dun centenar de mortos, numerosas violacións, incendiando máis de 150 casas e facendo que boa parte da xente do pobo, a que non puido fuxir aos montes próximos, fose capturada para ser vendida nos mercados de escravos. Neste ataque faleceron o marido de María Soliña, o mariñeiro Pedro Barba, e algúns membros máis da súa familia. Como moitas outras persoas de Cangas, este feito  fixo que María tolease, e que cada noite baixase á praia, a escoitar as ondas e pasear  pola area lembrando aos familiares mortos. Por este motivo o Tribunal da Inquisición acusouna de practicar a bruxería, polo que foi capturada e torturada ata que confesou ser bruxa, requisándoselle os seus bens e dereitos, e sendo condenada a levar o hábito penitente, o sambenito, durante seis meses, morrendo pouco despois pobre e soa. A tradición e a lenda converteron a este personaxe nun mito, ao que contribuíu a reforzar Celso Emilio Ferreiro nun dos seus poemas, no que canta á heroína canguesa:

"Polos camiños de Cangas a voz do veto xemía:
ai, que soliña quedache, María Soliña.
Nos areales de Cangas, muros de noite se erguían: 
ai que soliña quedache, María Soliña.
As ondas do mar de Cangas acedos ecos traguían:
ai, que soliña quedache, María Soliña.
As gaivotas sobre Cangas, soños de medo tecían:
ai, que soliña quedache, María Soliña.
Baixo os tellados de Cangas anda un terror de auga fría:
ai, que soliña quedache, María Soliña".


A actuación do Tribunal do Santo Oficio da Inquisición en Galicia foi tardía, case corenta anos despois da súa bula fundacional. Con todo, a súa actividade está documentada en todo o territorio galego, especialmente na zona sur, posiblemente pola proximidade de Portugal e a facilidade de paso dun lado a outro da fronteira. Aínda que este tribunal ten a súa orixe en Francia a finais do século XII en terras hispanas foi instaurado na época de acceso ao trono dos Reis Católicos. Nese momento existían tres grupos relixiosos diferentes, xudeus, musulmáns e cristiáns, rexidos polas súas propias leis, coas súas propias institucións e que pagaban impostos diferentes. Pero todos estes grupos étnicos e relixiosos eran considerados súbditos dos reis e, polo tanto, tiñan dereito á protección. Nunha das primeiras viaxes de Isabel e Fernando polas terras de Estremadura e Andalucía, atopáronse con que moitas persoas que se converteran ao cristianismo seguían practicando o xudaísmo e que, ademais, trataban de xustificar a súa conduta. Entón os reis, petiron ao arcebispo de Sevilla e ao clero que levasen a cabo un intenso labor de evanxelización para tratar de convencer aos conversos para que renunciasen aos ritos xudaicos. Esta campaña, baseada principalmente en predicacións, non tivo efecto e, en 1480, os Reis Católicos nomearon a dos freires dominicos como inquisidores da diocese de Sevilla. Nos anos posteriores este tribunal foise extendendo por todo o territorio español, coa excepción de Navarra e Galicia. Coa intención principal de loitar contra calquera herexía, xulgaba asimesmo cuestións morais, temas relacionados coa bruxería ou calquera outra actuación que, a xuízo da Igrexa, constituíse un mal comportamento. A primeira referencia que se ten do Tribunal da Inquisición en terras galegas data de 1520, cando comezaron a actuar os inquisidores, aínda que de forma pouco constante e escamente continuada, exercendo de xeito ambulante e só ocasionalmente. As súas accións dirixíanse contra os conversos ou cristiáns novos que retornaban aos ritos xudaicos, o que constituía un pecado de herexía, e non así contra os xudeus, que nunca pertenceran ao cristianismo e, polo tanto, quedaban fóra do control do Tribunal da Inquisición e non podían ser procesados nin condenados. Para elo valíanse de acusacións baseadas en indicios relixiosos e culturais, que servían para culpabilizar aos xudaizantes, aínda que en boa parte dos casos estas acusacións eran dificilmente demostrables.

Como indicamos, a Inquisición non se ensañou tan masivamente en Galicia como o fixo noutras partes de Europa entre os séculos XIII e XIX. Un número importante dos procesos foron contra persoas, principalmente mulleres, acusadas de practicar a bruxería. Moitas delas sufriron un duro castigo que incluía crueis torturas e, incluso, a morte na fogueira. A mencionada María Soliño, Lucía Fidalgo, María Rodrigues ou Ana de Castro tiveron que cumprir condenas, sen probas que o demostrasen, por supostamente ter realizado pactos co demo. A comarca de O Salnés non foi allea a estes procesos, sendo Cambados a localidade na que máis actuou o Tribunal da Inquisición. Pero nesta zona hai unha figura que destaca especialmente, Ana de Castro, unha muller que foi obxecto de dous procesos inquisitoriais. O primeiro deles tivo lugar en 1626, cando esta veciña de A Armenteira aínda era unha moza solteira. Iniciado o 1 de xullo de 1626, neste proceso declararon vinteseis testemuñas na súa contra, que aseguraron que esta muller tiña trato co demo e que dixera diante de moitas persoas "que ben podía un que vai confesar, calar calquera pecado e despois confesalo ao pé dun carballo". Unha testemuña declara que fora consultarlle a Ana de Castro o paradoiro de dous leitóns que lle roubaran e que ela tomara un vaso de viño de vidro con viño e auga e, dándolle a volta ao vaso, chamou á persoa que consultaba e mostroulle dentro do vaso un dos leitóns, asegurándolle que aínda estaría vivo. As testemuñas tamén confesaron outros delitos que a presa non chegou a confesar, nin sequera baixo tortura. Do que Ana si se autoinculpou foi de ter curado algunhas persoas invocando a Xesucristo con estas palabras: "Jesucristo fue bautizado en el río Jordán, San Pedro y San Juan lo tuvieron pola man; ansi destos males se jafan pola gracia de Deus e de la Virgen María, Pater noster y Ave María". Declarada "hechicera, embustera y adivinadora", foi condenada o 14 de outubro de 1626 a saír vestida con hábito de penitente de media aspa, a un auto de fe onde se lle leu a sentenza que consistiu en douscentos azotes e ao desterro do couto de A Armenteira e de Santiago de Compostela durante seis anos. A execución da sentenza tivo lugar o 6 de decembro dese mesmo ano nunha misa maior no convento de San Paio de Antealtares, na cidade compostelá. Ana de Castro foi botada ás rúas, media núa e montada nun burro, sendo azoutada mentres percorría as rúas de Santiago de Compostela. 25 anos despois, en 1651, o inquisidor Juan Rojo de Mendiola, cóengo de Tui, de visita en Pontevedra, cidade na que por aquel entón residía Ana, que casara cun home chamado Benito de Graña, ordenou reabrir o caso, devolvendo a esta muller ás temibles prisións dos Tribunais da Inquisición, séndolle ademais expropiadas todas as súas propiedades, condenándoa a recibir outros douscentos azoutes e obrigándoa a un desterro de Galicia durante dez anos. Como base da acusación utilizaron as declaracións de vinte veciños, que volveron acusala de ter tratos co demo, os cales, coma no primeiro proceso, xamais foron comprobados. Esta foi a única noticia que ten de Ana de Castro, unha muller que tivo que andar fuxida toda a súa vida, unicamente por ser o que realmente quería ser, por querer desempeñar o seu oficio, por vivir a súa propia realidade.

Na obra "Meigas: as antigas custodias da menciña popular", a escritora e documentalista catoirense Anxos Sumai cóntanos a historia de Ana de Castro e de outras mulleres vítimas da Inquisición, que sen saber exactamente se eran meigas ou non, caeron nas redes deste cruel tribunal e sufriron vexacións, torturas e que, nalgúns casos, acabaron entre as lapas da fogueira. Detrás das acusacións que as levaron cara esta infame condena estaban a pobreza, a envexa ou a vinganza dos veciños e veciñas. Uns simples indicios servían de fundamento para iniciar uns procesos dos que apenas se teñen testemuñas históricas, máis aló do que nos relata a tradición popular, pois moitas das actas da Inquisición desapareceron, e nas se conservan non figuran todos os detalles que nos poderían axudar a desentrañar a raíz destas condenas. A figura de Ana de Castro, lamentablemente descoñecida por boa parte da poboación da parroquia que a viu nacer, é a dunha muller valente, atrevida, loitadora, que sufriu nas súas carnes a inxustiza dunha época e dun tribunal que, carecendo de garantías legais, se amparaba no fanatismo e na intolerancia para impor unha unidade relixiosa que naquel momento estaba estreitamente vencellada ao reforzamento da unidade e da autoridade política dos monarcas. Unha figura que sería preciso que as institucións e as entidades culturais e sociais lembrasen na súa xusta medida, sobre todo nunha época como a actual na que se reivindica a igualdade de xénero e na que se trata de dar relevancia figuras femininas que o discurrir da historia, sempre baixo o xugo do machismo predominante, acabou silenciando. Unha homenaxe simbólica, unha placa, unha estatua, o bautizo dun espazo público co seu nome ou calquera outro acto contribuirían a lembrar e a honrar a  Ana de Castro, unha das mulleres máis senlleiras e ilustres que deu a parroquia de A Armenteira.






sábado, 18 de xullo de 2020

A Street Band pecha este domingo o Armenteira Jazz´2020

O Armenteira Jazz`2020 chega á súa fin este domingo, 19 de xullo. Despois de dous días de intensa afluencia de público, o entorno do mosteiro de A Armenteira volverá a acoller unha nova actuación. Neste caso será a Street Band, con Miguel Ponce ao saxo alto, David Lojo á trompeta, Sarunas Pupelis ao saxo tenor, Noli Torres á batería e Lolo Martínez á tuba, a partir das 12:30 amenazarán unha velada que tamén se agarda bastante concurrida. O bo tempo, o atractivo do programa deste festival de carácter internacional e a beleza do entorno convertirán de novo os arredores do mosteiro de A Armenteira nun fervedoiro de xente disfrutando da música e das copas e os pinchos das terrazas dos locais de hostalaría da zona. Para garantir a seguridade e a hixiene e para previr posibles contaxios do coronavirus SARS-Cov-2, a organización e o Concello de Meis porán a disposición das persoas asistentes máscaras para quen acuda sen elas e dispensadores de xel hidroalcohólico, ademais de lembrar que se deben manter as normas de distanciamento social.






Dinis Costa Quartet e Adrián Solla Project amenizarán o sábado do Armenteira Jazz`2020

Tras o éxito de público do primeiro día de concertos, o Armenteira Jazz`2020 continúa este sábado, 18 de xullo, con novas actuacións. A beleza do entorno, o fantástico ambiente e a agradable temperatura da noite deste venres fixeron que se completase o aforo do escenario instalado na denominada Praza de Vilar e que as terrazas dos locais de hostalaría que se sitúan á entrada do mosteiro cisterciense de A Armenteira estivesen ateigadas. Para a noite do sábado, as condicións preséntase dunha forma similar, co engadido de tratarse de véspera de día non laborable para boa parte da poboación, polo que se agarda unha afluencia aínda maior.

Abrirá a noite a banda portuguesa Dinis Costa Quartet. Liderada polo pianista Dinis Costa esta agrupación musical presentará no Armenteira Jazz´2020 as súas novas composicións. Trátase dunha banda que destaca pola adaptación das propostas do compositor e polo compromiso coa improvisación, sempre coa vontade de usar a súa música como vehículo de sons para o disfrute estético. Con Diego Alonso, como saxo tenor, Dinis Costa ao Piano, Pablo Patiño ao contrabaixo, e Diego Alexandre á batería actuarán o sábado, 18 de xullo, a partir das 21:30 horas.

A continuación será o turno de Adrián Solla Project, unha banda encabezada por Adrián Solla, un músico nado en Pontevedra en 1988, e que actualmente reside en Madrid, onde se está graduando no Centro de Música Creativa, na especialidade superior de jazz e músicas actuais. Solla traballa como compositor, produtor, arreglista e músico de sesión con diferentes artistas tanto en España como no estranxeiro, e formou parte de musicais, ademais de realizar producións no sector audiovisual para anuncios, teatro, radio, TV e selos discográficos. Con Adrián Solla  ao piano, Pablo Pérez ao contrabaixo, e Chucho González á batería, sairán ao escenario no Armenteira Jazz a partir das 23:00 horas. 

Nunha situación tan compricada como a provocada pola extensión da pandemia do COVID-19 as medidas de seguridade establecidas pola organización do festival e polo Concello de Meis teñen que ser necesariamente estrictas. A alta afluencia de persoas e o carácter festivo do evento provocan que haxa xente que relaxe o seguimento destas medidas, polo que as entidades organizadoras instan a un máximo respecto das normas de seguridade, hixiene e distanciamento social. De feito, á entrada do recinto existe unha provisión de máscaras para que non dispoña das mesmas e un dispensador de xel hidroalcohólico, e tanto Paco Charlín, principal cabeza visible da organización, como o equipo de goberno do Concello, coa propia alcaldesa Marta Giráldez á fronte, estarán presentes para controlar todos os detalles, en especial os relacionados coas medidas de prevención de contaxios do coronavirus SARS-CoV-2.


venres, 17 de xullo de 2020

New Ensemble Trío, para pechar o venres do Armenteira Jazz´2020


New Ensemble Trío é unha banda de jazz pontevedresa, composta por artistas formados no Seminario Permanente de Jazz (SPJ), onde levan tocando xuntos dende novembro de 2019. O repertorio deste trío basase nos chamados “standards de jazz” (The Great American Songbook), temas orixinais e versións doutros estilos musicais, que se basean no xogo coas dinámicas e na interactuación entre os músicos sobre o escenario.

Con Manu Díaz á guitarra, Alberto Rial, ao contrabaixo, e Rubén Iglesias á batería, actuarán o venres, 17 de xullo, a partir das 23:00 horas, pechando a primeira xornada do Festival Internacional Armenteira Jazz´2020, que continuará o sábado, 18 de xullo, neste caso coas actuacións de Dinis Costa Quartet e de Adrián Solla Project.


Miguel Lamas Quartet, para abrir o Armenteira Jazz´2020



Miguel Lamas é un músico galego nado en Fene en 1993. A súa traxectoria musical está avalada polo traballo xunto a artistas como Raimundo Amador, Miguel Ríos, Tomasito, O´Funkl´illo, Abraham Mateo, e actualmente con Miriam Rodríguez e Dani Martín. Tamén traballou como músico de estudo gravando baterías on-line para todo o mundo nos Studios PKO de Madrid. Endorser ou probador de marcas como Pearl, Meinl, Promark, Evans, Shure ou Eartprotech, o traballo deste batería materializouse grazas á aportación de Iago Mouriño (piano), Pablo Añón (saxo) e Octavio Vargas (baixo), que o acompañarán no directo do Armenteira Jazz, e que son músicos cos que medrou desde os comezos da súa carreira artística.

O cuarteto Miguel Lamas Quartet ofreceranos unha regresión ao seu primeiro disco, Meltes Lives, unha fusión de música jazz con funk dos anos 70 e coa improvisación como fío condutor. Con Pablo Añón ao saxo alto, Iago Mouriño ao piano, Octavio Vargas ao baixo eléctrico e Miguel Lamas á batería, encargaranse de abrir o Armenteira Jazz`2020 o venres, 17 de xullo, a partir das 21:30 horas. 


xoves, 16 de xullo de 2020

O Armenteira C.F. afronta unha semana trascendental para o seu futuro

A presente semana será trascendental para o futuro do Armenteira. Tras pasar por diversas visicitudes ao longo das dúas temporadas, algunhas provocadas por problemas de índole interno e outras inducidas por factores externos e movidas por intereses particulares, o clube de O Leixo logrou sobrevivir, aínda que seriamente mermado en relación co volume que chegou a acadar a entidade ata a temporada 2017/2018, anos que foron de continuo crecemento. A crise sufrida fixo que o clube vise reducido o seu plantel a unicamente dous equipos na temporada 2018/2019, un de categoría infantil e outro de categoría sénior feminina, e a un único conxunto na temporada 2019/2020. O equipo sénior feminino, o supervivinte neste tempos difíciles para a entidade, atopábase disputando a segunda fase da Liga Feminina de fútbol-7 cando, a competición foi suspendida en virtude da declaración do estado de alarma o pasado 14 de marzo a causa da pandemia global do coronavirus COVID-19. Agás as categorías do fútbol profesional masculino, a maior parte das competicións quedaron sen finalizar, como lle ocorreu a liga na que participaba o Armenteira C.F. feminino. Sen información nin orientacións respecto da próxima temporada por parte da Real Federación Galega de Fútbol, a Xunta Directiva da entidade verdinegra comeza xa a perfilar o que será o futuro do clube na temporada 2020/2021. Deste xeito, tras unhas semanas de reflexión e posta en común de ideas e de estudo de propostas, a presente semana será clave de cara a tomar unha decisión definitiva que determine o futuro do clube na campaña que vai comezar e nas seguintes. A reunión e a rolda os contactos cos distintas persoas que compoñen a estrutura de clube, dende adestradores, a xogadores a colaboradores, marcará a folla de ruta a seguir por un clube que este ano cumpre un cuarto de século e que se atopa nun dos momentos máis delicados da súa historia.

mércores, 15 de xullo de 2020

A Armenteira prepárase para celebrar a próxima fin de semana a quinta edición do Armenteira Jazz

O venres 17, o sábado 18 e o domingo 19 de xullo celebrarase a quinta edición do Festival Internacional Armenteira Jazz. Este festival, que botou a andar no verán de 2016, traerá de novo a A Armenteira a destacadas figuras deste xénero musical. A Asociación Terras Altas do Salnés encárgase de organizar un ano máis un festival que trata de conxugar as melodías dun estilo musical nacido nos Estados Unidos a finais do século XIX cun entorno privilexiado, rodeado de natureza, historia, arte e cultura. Na denominada Praza de Vilar, un espazo situado entre os dous famosos establecementos de hostalería da zona, e a escasos metros do mosteiro de A Armenteira,  un conxunto arquitectónico construído entre o séculos XII e o XII, e no punto no que conflúen a Ruta da Pedra e da Auga e a Variante Espiritual do Camiño Portugués a Santiago de Compostela, o jazz soará da man de artistas como Miguel Lamas, Dinis Costa ou Adrián Solla.

Os concertos comezarán o venres, 17 de xullo, a partir das 21:30 horas, coa actuación de Miguel Lamas Quartet, seguido a partir das 23:00 horas de New Ensemble Trío. O sábado será o turno de Dinis Costa Quartet, de novo a partir das 21:30 horas, pechando a noite Adrián Solla Project. O festival rematará o domingo, 19 de xullo, coa sesión amenizada pola Street Band a partir das 12:30 horas. 

Será unha oportunidade de disfrutar da música, da gastronomía local e do excepcional ambiente de verán, sobre as terrazas dos locais de hostalaría, nun dos lugares de maior atracción turística da comarca de O Salnés. Sen dúbida, a música e o entorno ideal para desconectar da rutina diaria dun ano marcado polos efectos da pandemia do COVID-19. O respecto ás medidas hixiénicas e de distanciamento social están garantidas. Así, teranse en conta especialmente as medidas de prevención estipuladas polas autoridades, como a creación dunha zona acotada, cunha saída e unha entrada diferenciadas, o control do aforo, establecendo unha limitando de entre 60 e 70 persoas, que se cubrirá por orde de chegada, a separación entre cadeiras ou a posta a disposición de hidroxel para o público. Neste senso, destaca a implicación, un ano máis, do Concello de Meis, que aparte de dotar á organización dos medios necesarios para desenvolver o festival decidiu incrementar a achega económica, nunha clara aposta pola cultura e o turismo nun enclave tan emblemático como o entorno do mosteiro de A Armenteira.



luns, 6 de xullo de 2020

A Armenteira inicia o Programa Cultural de Verán

O Programa Cultural de Verán, o conxunto de actividades que o Concello de Meis promove, organiza e apoio ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro de 2020 acaba de iniciarse. A actuación da Banda Cultural de Meis no adro da parroquia veciña de San Salvador de Meis o sábado, 4 de xullo, abriu o plan co que dende a Concellería de Cultura que dirixe a propia alcaldesa Marta Giráldez se pretende facer difundir a cultura e o ocio ao longo das sete parroquias que compoñen os 52 quilómetros cadrados do territorio municipal. No caso de A Armenteira estes eventos xa se iniciaron oficialmente este sábado coa participación catro establecementos de hostalaría da parroquia en Callotapa, unha iniciativa na que participan catorce locais do Concello de Meis, que os días 4, 5, 11 e 12 de xullo ofrecen tapas de callos para acompañar ás consumicións. O Bar Restaurante A Fonte, o Café Bar O Comercio, a Taberna Carballo de Prado 1900 e o Chan do Fento, o establecemento que se sitúa nas instalacións do campo de golf de Meis, no lugar de Silván, son os catro participantes na primeira edición dun evento que substitúe á tradicional Festa do Callos, que este ano, a causa dos efectos da crise sanitaria provocada pola pandemia global do COVID-19 non puido celebrarse e que nace coa intención de perpetuarse, ao tempo que promociona o turismo, o comercio e a economía local. 

Pero, sen dúbida, o evento de maior renove dos que figuran no Plan Cultural e teñen lugar en A Armenteira é o Armenteira Jazz. A quinta edición do festival internacional organizado pola Asociación Terras Altas do Salnés, e que ten como alma matter ao músico local Paco Charlín desenvolverase entre o 17 e o 19 de xullo. Nun entorno inmellorable como o entorno do mosteiro cisterciense actuarán Miguel Lamas Quartet e New Ensemble Trío o venres, 17 de xullo, Dinis Costa Quartet e Adrián Solla Project, o sábado, 18 de xullo, e Street Band o domingo, 19 de xullo. 

Para rematar o verán, coincidindo co día da celebración da festividade na honra de San Ero, terá lugar unha sesión de cine na rúa na denominada Praza de Vilar, a que se sitúa entre os locais de hostalería que se atopan á entrada do adro do mosteiro. O filme elixido é o premiado "O que Arde", unha película dirixida por Óliver Laxe e que conta entre o seu reparto con figuras como Amador Arias ou Benedicta Sánchez. Galardonada co Premio do Xurado no Festival de Cannes, cos premios Goya á mellor fotografía e á actriz revelación para Benedicta Sánchez, co premio á mellor película e ao mellor guion no Festival de Mar del Plata, co premio ao mellor filme europeo e á mellor fotografía nos Premios Gaudí, e que obtivo cinco nominacións aos Premios Feroz e a nominación á mellor película nos Premios Forqué. Ambientado na comarca dos Ancares lucenses, "O que arde" é a película en galego con maior recadación e a máis vista de todos os tempos, e  conta a historia de Amador Coro, interpretado por Amador Arias, un veciño pirómano que sae do cárcere e regresa á súa casa, onde convive coa súa nai Benedicta, interpretada por Benedicta Sánchez, a súa cadela Luna e as súas vacas, que levan unha vida tranquila na aldea no medio da natureza ata que un día o lume arrasa a zona. 

A cultura, nas súas diversas formas, gastronómica, musical e cinematográfica, combinadas co ocio, o esparcimento e a diversión, atoparán en A Armenteira un enclave privilexiado, idóneo para este tipo de manifestacións, entre as pedras, o son da auga e do vento, e co excepcional ambiente que, especialmente na temporada estival, caracteriza o punto no que converxen a Ruta da Pedra e da Auga e a Variante Espiritual do Camiño Portugués a Santiago de Compostela, e no que se ubica un dos monumentos de maior atractivo turístico de Galicia, o mosteiro cisterciense de A Armenteira, un conxunto arquitectónico iniciado na segunda metade do século XII e ao que as xentes da contorna e as que visitan o lugar outorgaron o calificativo, comunmente aceptado, de a "Catedral de O Salnés".




sábado, 20 de xuño de 2020

Armenteira, protagonista da campaña Galicia volve

"Galicia volve" é o título da campaña coa que a Xunta de Galicia quere atraer o maior número de turistas posible e mostrar unha imaxe de Galicia como unha terra acolledora, na que ninguén se sente forasteiro. Presentada este sábado, 20 de xuño, coa presenza do propio presidente do goberno autonómico, Alberto Núñez Feijóo, a campaña ten como protagonista a unha das galegas máis coñecidas e recoñecidas do último ano, Benedicta Sánchez, gañadora do premio Goya á actriz revelación pola súa interpretación no filme "O que arde", pola que foi agasallada na gala que este ano celebrou a Academia das Artes e Ciencias Cinematográficas de España. Con 986 praias, dous millóns de hectáreas de bosques, unha oferta termal sen parangón e un patrimonio secular rico, diverso é accesible, Galicia pretende mostrarse como un destino de turismo seguro, en tempos nos que, por fortuna, os efectos da pandemia global do COVID-19 comezan a remitir, pero nos que a falta dunha vacina e dun tratamento efectivo, fan que a ameaza do virus permaneza activa. Cun crecemento constante ao longo dos últimos anos, o turismo converteuse nun dos principais baluartes da economía galega, representando o 10,5% do PIB autonómico e o 11% do emprego, e ocupando aproximadamente a unas 130.000 persoas. Axencias de viaxe, balnearios, hoteis, restaurantes, bares e outros moitos establecementos dependen directamente dunha actividade básica para o desenvolvemento económico dunha terra que ofrece atractivos tan interesantes para a xente que nos visita como a gastronomía, a paisaxe, a costa, o patrimonio cultural ou as rutas xacobeas.

Difundido a través da rede internet ou das cadeas de televisión, o vídeo promocional da campaña "Galicia volve" contén imaxes de diversas paraxes do territorio galego, cos que se expoñe a variada oferta que a nivel turístico posúe a Comunidade Autónoma. Entre elas aparece tamén unha imaxe relativa a A Armenteira, en concreto o arco que entrada ao adro do mosteiro cisterciense, unha xoia arquitéctonia construída entre a segunda metade do século XII e o século XVIII, e que aúna estilos que van desde o románico tardío ata o barroco. A presenza de A Armenteira no spot demostra a importancia que ten esta parroquia no conxunto global do turismo de Galicia, como o constata o alto número de visitas que ano tras ano vén rexistrando a oficina que o organismo Turismo Rías Baixas, dependente da Deputación de Pontevedra, ten no interior do mosteiro. A arquitectura, a historia, as lendas, a beleza da paisaxe, unidas ao paso da Variante Espiritual do Camiño Portugués a Santiago de Compostela ou á confluencia da Ruta da Pedra e da Auga, converten a A Armenteira nun centro turístico de primeira orde, e especialmente nun ano e nunhas circunstancias nas que se prevé un incremento do turismo entre os distintos lugares de España. Precisamente esta semana, a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, desprazouse ata A Armenteira, para dar unha rolda de prensa para anunciar a inminente reapertura do albergue de peregrinos que existe na parroquia que, xunto co resto de establecementos, prepáranse para un verán no que nin a pandemia nin o coronavirus van impedir que Galicia volva e que A Armenteira volva, nunhas condicións distintas, pero con máis forza, con máis servizos e con máis seguridade ca nunca.