Buscar neste blog

martes, 31 de marzo de 2020

A escola nos tempos do confinamento

Coa incertidume de non saber cando se voltará as aulas nin cando rematará, se é que remata, o curso 2019/2000, a escola e as actividades escolares non se deteñen. Por orde da Consellería de Educación as aulas permanecen pechadas dende o pasado 12 de marzo, un peche que se veu prolongado pola posterior declaración e prorrogación do estado de alarma en todo o territorio español a causa da expansión da pandemia do coronavirus COVID-19. Nunhas circunstancias tan excepcionais, os centros docentes, o profesorado e os alumnos e as alumnas, e tamén as propias familias, tiveron que adaptarse a unha situación que en boa parte dos casos resulta novidosa. As páxinas web dos centros educativos, as aulas virtuais, os correos electrónicos, as videochamadas e moitas ferramentas que ofrecen a rede internet e as novas tecnoloxías convertéronse nun recurso imprescisdible en momentos nos que os pupitres, as pizarras ou as clases presenciais tiveron que ser reemplados de forza forzosa polos métodos de ensino dende a distancia. Ao igual que ocorre co resto dos centros docentes de Galicia e de España no CEIP de Armenteira o curso continúa e o contacto co alumnado e coas familias mantense activo. A páxina de Facebook do colexio serve de plataforma para anunciar as novidades, mentres que na páxina web o equipo docente coloca semanalmente as tarefas e as suxestións de traballo das distintas etapas e materias, establecendo ademais os medios de contacto, teléfonico ou por correo electrónico, a través dos cales o profesorado tratará de resolver as dúbidas que poidan xurdir. En condicións similares traballa o alumnado da parroquia que cursa os seus estudos noutros centros educativos, como no CPI de Mosteiro-Meis. No colexio da capital municipal, as ferramentas de Google, principalmente Google Classroom, que tanto os rapaces e rapazas como os profesores e profesoras están habituados a utilizar, constitúe o instrumento fundamental de traballo nas diversas materias ao longo destas semanas. Asimesmo, para facilitar o desenvolvemento destas actividades, o Concello de Meis vén de establecer un servizo gratuíto para descargar e imprimir as tarefas escolares. Con esta medida o executivo que preside Marta Giráldez pretende axudar a aquelas familias que non dispoñan de ordenador, impresora ou doutros medios informáticos e precisen que as tarefas e os traballos que este días se están remitindo dende os centros de ensino sexan descargados ou imprimidos. Así as persoas que desexen facer uso deste servizo  terán que mandar a documentación para imprimir ao enderezo electrónico correo@meis.gal, ou ao número de whatsapp 615522463, indicando o nome e o domicilio do alumno ou alumna, para que posteriormente persoal municipal lle traslade, sen coste algún, as tarefas e os traballos en formato papel aos seus fogares.

Todos estes instrumentos e iniciativas contribúen a paliar as deficiencias que se orixinan nun trance tan insólito que, entre outros aspectos, condicionará o proceso de avaliación. De feito, a interrupción das clases obriga ao profesorado a avaliar o segundo parcial da súa materia co realizado entre o 8 de xaneiro e o 12 de marzo. As calificacións daranse a coñecer por medios telemáticos, fundamentalmente a través da aplicación Abalar Móbil, o próximo venres, 3 de abril. Haberá casos nos que o alumnado non teña realizado probas escribas ou teña pendente a entrega dalgún traballo, ante o cal dende o centros educativos insisten en lembrar o carácter formativo, continuo e integrador do proceso de ensinanza-aprendizaxe, polo que, se as circunstancias o permiten, e as clases se poden reanudar, a evaluación do terceiro trimestre terá en conta as dificultades desta situación de excepcionalidade e debería realizarse cun maior grao de precisión. Ao tempo que unha terrible pandemia se extende por toda España e por boa parte do planeta, causando o contaxio e a morte de milleiros de persoas, a tecnoloxía vén a salvar unha función tan básica na nosa sociedade como é a educación. Ben é certo que non todas as familias poden acceder do mesmo xeito a estes avances, co que se abre unha fenda entre aquelas familias con maiores recursos e capacidades para dispoñer e utilizar estas ferramentas e aquelas que non teñen estas posibilidades. De todas maneiras, o papel que estes días están a desempeñar estes adiantos dos tempos modernos, demóstrannos que, no mundo do século XXI, no que whatsapp, as redes sociais ou internet forman parte das nosas vidas, as novas tecnoloxías non deben ser unicamente unha solución de emerxencia, senón que deben converterse nun elemento irrenunciable na formación da cidadadanía e da man de obra do futuro. 

venres, 20 de marzo de 2020

Pola protección das persoas máis vulnerables

Con pouco máis de 700 habitantes A Armenteira é unha das parroquias cun maior nivel de poboación do Concello de Meis pero, ao mesmo tempo, tamén é un lugares cun maior nivel de envellecemento do municipio. A isto habería que engadir persoas enfermas ou con problemas de mobilidade que, unidas ás que forman parte da terceira idade, compoñen un amplo grupo, quizais o máis numeroso entre a poboación da parroquia, o cal podería recibir a denominación de poboación vulnerable. En momentos como o actual, cunha terrible pandemia extendéndose e contaxiando a unha gran cantidade de xente tanto en España como en moitos outros países do mundo, este grupo de persoas son consideradas persoas de risco e  terían máis posibilidades de sufrir os efectos da enfermidade COVID-19. Xente con enfermidades cardiovasculares, con hipertensión arterial, con diabetes, con enfermidades pulmonares crónicas, con cancro, con inmunodepresión ou en situación de embarazo conformarían tamén persoal de risco fronte a esta infección vírica. Por este motivo, A Armenteira, ao igual que moitos outros lugares da contorna e, en xeral, de Galicia, sería un dos territorios nos que os efectos desta pandemia poderían ser máis letais. O respecto ás medidas de confinamento impostas polo estado de alarma decretado polo goberno de España o pasado sábado, xunto coa salubridade e as escasas aglomeracións do mundo rural, poderían exercer de barreiras de contención fronte á ameaza de expansión desta espantosa pandemia. É preciso pois que as persoas permanezan nos seus domicilios mentres se manteña o estado de alarma, e que reducir ao mínimo imprescindible a circulación polas vías e espazos de uso público e que, no caso de ser necesario, o fagan de forma individual. Adquirir alimentos, produtos farmacéuticos ou de primeira necesidade ou acudir a centros e servizos sanitarios forman parte das poucas saídas autorizadas nunhas circunstancias tan críticas. No caso da asistencia a consultas médicas é obrigatorio dispoñer de cita previa, que se obtén facilmente a través do teléfono e de internet. A excepcionalidade da situación fixo que as distintas administracións habilitasen servizos para atender á poboación. No caso da administración local, a máis próxima e que trata de resolver os problemas aos que con maior frecuencia se enfrontan os veciños e veciñas, creáronse comisións de seguimento da pandemia COVID-19, e foron tomando medidas para afrontar unha situación tan compricada. No referente á parroquia de A Armenteira, o Concello de Meis puxo en marcha esta semana un servizo de axuda e asistencia para cuestións relacionadas co estado de alarma. Deste xeito, tanto os medios e o persoal do Concello como os de Protección Civil estarán a disposición das persoas da terceira idade, enfermas ou con mobilidade reducida para asistilas cando precisen mercar alimentos ou medicamentos e para trasladarllos aos domicilios. Para elo só teñen que solicitalo a través do número de teléfono das oficinas municipais, o 986712001, que está activo durante os días laborables de 9:00 a 14:00 horas, ou a través do número de teléfono de Protección Civil de Meis, o 986712211, activo ao longo das 24 horas do día. Trátase dunha das medidas máis relevantes que adoptou a institución que preside Marta Giráldez, mediante a que se pretende axudar á poboación máis vulnerable durante un período que agardademos que non alongue demasiado no tempo e que produza uns efectos da menor gravidade posible.

luns, 16 de marzo de 2020

Mínima actividade en A Armenteira tras a declaración do estado de alarma

A declaración do estado de alarma decretado polo goberno central o sábado, 14 de marzo, así como o estado de emerxencia sanitaria que declarara a Xunta de Galicia o día anterior, ademais das normas e restricións impostas dende o Concello de Meis, variaron substancialmente as actividades e os modos de vida das xentes de A Armenteira. Se habitualmente se trata dun lugar tranquilo, especialmente axeitado para o repouso, no que os ruídos e a circulación de persoas e vehículos non soen ser excesivas, a extensión da pandemia COVID-19 convertiu á parroquia nun auténtico remanso de paz no que os viais públicos e as zonas de encontro apenas rexistran tránsito. Tampouco se observa movemento na Ruta da Auga e da Pedra e no entorno do mosteiro cisterciense, grandes atractivos turísticos, que normalmente rompen a monotonía e a tranquilidade do resto do territorio. Os locais de hostalería tamén pecharon as súas portas, incluso antes de que o estado de alarma obrigase a facelo. O mesmo ocorre coa igrexa e o resto de dependencias do mosteiro. A suspensión dos oficios relixiosos e as normas especiais para a celebración das exequias fúnebres, provocaron que actividade nos arredores do mosteiro de A Armenteira se paralizase ao longo dos últimos días. O C.E.I.P. de A Armenteira mantense tamén sen actividade lectiva dende o pasado venres, ao tempo que o transporte escolar cara este centro educativo como cara o C.P.I. de Mosteiro-Meis deixou de funcionar. Entidades sociais, recreativas, culturais e deportivas seguen asimesmo as normas desta situación excepcional. O Tecor Armenteira, que agrupa a cazadores da parroquia e dos arredores, viuse na obriga de suspender a comida que ía ter lugar no Local Social de Vilar o domingo, 15 de marzo. Coa competición de liga paralizada por orde da Real Federación Galega de Fútbol e coa prohibición de acceso ás instalacións deportivas por parte do Concello de Meis, o Armenteira C.F. decidira xa deter as sesións de adestramentos mentres a crise provocada pola expansión do Coronavirus non aconsellase retornar a unha situación de normalidade. Unha decisión acertada e prudente que se anticipou as imposicións que chegarían coa declaración do estado de alarma. Non terá tampouco competición o Armenteira Veteranos, que se dispoñía a iniciar a segunda fase da liga da Terceira Galicia de Veteranos, un campionato que, ao igual que sucede con outros moitos a nivel galego, español e mundial, se atopa agora ante un futuro incerto. O clube ciclista Armenteira e Punto, o Club de Golf Chan do Fento, o Campo de Golf de Meis, ubicado no lugar de Silván, a caza, as rutas cabalares e un sinfín de actividades lúdicas e deportivas permanecerán paralizadas como mínimo durante un período de dúas semanas. A todo isto únese a suspensión da Romaría das Cabezas, anunciada este luns polo Concello de Meis, de mutuo acordo coa comisión organizadora, tanto das actos de carácter relixiosos como dos festivos, nos que se estreaba o novo equipo directivo da Comisión de Festas Ó´Noso. No aire tamén queda a celebración das festas na honra de San Xosé Obreiro, o 30 de abril e o 1 de maio, que dende fai décadas enchen de festeiros e festeiras lugares como Gondes, As Pereiras e Cabeza de Boi. Caso aparte son as tarefas agrarias que, aínda que a menor ritmo, continúan. Veciños e veciñas preparan as hortas, as leiras, os viñedos ou os terreos forestais agardando polo tempo de primavera no que a vexetación se activa e que marca o inicio da plantación de numerosos cultivos. Repartidores, transportistas, empregados de correos ou funcionarios municipais seguen percorrendo os viais da parroquia, como tamén moitas persoas de A Armenteira deben continuar desprazándose aos seus postos de traballo nas localidades da contorna. A escasa cobertura da rede de internet non impide que o teletraballo, aínda escasamente implantado, poida ser unha alternativa para quen ten que permanecer no seu domicilio en tan insólitas circunstancias. Unha situación realmente extraordinaria, un reto e unha misión na que a poboación de A Armenteira, como a da maior parte de Galicia e de España, se está comportando con verdadeiro civismo, seguindo as recomendacións e obedecendo os ditados das autoridades, para deste xeito sumar esforzos cos que facer fronte á terrible ameaza que supón para o xénero humano expansión da pandemia COVID-19.

sábado, 7 de marzo de 2020

Recital goleador de Sara Rey na arrolladora vitoria do Armenteira C.F. ante o Colegio Apóstol

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - COLEGIO APÓSTOL - 4 - 1 
ARMENTEIRA C.F.:Lola; Fátima, Sara Torres, Ana; Alba, Rocío; e Anabel. Tamén xogou Sara Rey.
ÁRBITRO: Argibay Álvarez. Non mostrou cartóns amarelos a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da sétima xornada da segunda fase do grupo B da Liga Feminina de fútbol-7, que se disputou no campo de O Leixo, en A Armenteira, ante uns quince espectadores e sobre un terreo de xogo nunhas condicións medianamente aceptables.

CRÓNICA
O equipo feminino do Armenteira C.F. logrou reafirmarse na mañá deste sábado cunha vitoria clara e contundente ante o conxunto vigués do Colegio Apóstol. As mozas que dirixe Marcial Prado lograron superar a crise de resultados que viñan sufrindo nas últimas xornadas e fixérono de forma irreprochable. Foi cun triunfo con catro goles a un, en base a un gran traballo colectivo, pero cunha especial protagonista: Sara Rey. A futbolista de San Martiño, que curiosamente iniciou o partido dende o banco de suplentes, anotou os catro tantos locais e liderou dende a punta de ataque o camiño cara esta importante vitoria do seu equipo. Xa dende os primeiros minutos, o Armenteira C.F. prantouse sobre o terreo de xogo con orde e seriedade. Fronte ao fútbol pausado e combinativo que trataba de elaborar o Colegio Apóstol, as locais recurrían ás transicións rápidas. A intensidade, o vigor físico e a contundencia das verdinegras impoñíanse á xuventude e ás dúbidas das viguesas nas disputas dos balóns, aínda que non sería ata a entrada no campo de Sara Rey cando as de A Armenteira comezaran a desnivelar o encontro. En dúas accións consecutivas, nas que a atacante de San Martiño recibiu en profundidade ante as defensoras rivais, foi quen de regatear e culminar dun xeito tremendamente exquisito, fronte ao que nada puido facer a gardamallas Eva Puente. Axiña reaccionou o Colegio Apóstol, e Laura Santamarta enviaba ao fondo da rede un lanzamento que Lola, que se lanzou de xeonllos á terra, non puido deter. Pero non tardou Sara Rey, de novo desembarazándose das defensas adversarias, en marcar distancias para o Armenteira C.F. E, nada máis iniciarse a segunda metade, Sara Rey conseguía perforar novamente a meta de Eva Puente e, a partires de entón, as de O Leixo só tiveron que administrar a cómoda vantaxe que lles concedía o marcador. Sen pasar apenas apuros en defensa, incluso tiveron algunha oportunidade para acadar algún tanto máis. Alba ou a propia Sara Rey dispuxeron de ocasións de certa claridade, aínda que o resultado xa non se movería. Con este triunfo o equipo sénior feminino do Armenteira C.F. sitúase na quinta posición, con cinco puntos, á espera de recibir na próxima xornada á S.D. Juvenil Rodosa, que se atopa un posto por abaixo cos mesmos puntos cás verdinegras, nun encontro que previsiblemente se xogará o domingo, 15 de marzo, ás 19:00 horas.




xoves, 5 de marzo de 2020

A Armenteira volve prantar cara á expansión da vespa velutina

A vespa asiática ou vespa velutina parece que se asentou definitivamente no territorio galego. Esta especie, orixinaria de Asia, chegou fai uns anos a Galicia, e dende entón a súa expansión semella case imparable. Cun tamaño ata tres veces superior ao da abella europea, establece normalmente os seus niños no alto das árbores, formando colonias que soen superar o millar de individuos. O seu establecemento e o crecemento da súa poboación constitúen unha das grandes ameazas que afectan ao ecosistema da nosa terra. Entre as principais vítimas da vespa velutina está a abella doméstica, da que se convertiu na principal depredadora, pero tamén outras especies, vexetais ou animais, e a biodiversidade en xeral corren perigo ante continua proliferación de niños deste insecto de orixe foránea. Por este motivo, persoas e colectivos concienciados co medio ambiente e preocupados polo patrimonio natural e agrario de Galicia levan anos estudando diversas estratexias para frear o avance da vespa velutina. Precisamente é esta época previa ao inicio da primavera a que se considera o momento máis idóneo para a colocación de trampas para capturar as raíñas deste especie. A saída destas da colmea na procura de alimento, principalmente azucre, co que comezar a contrución dos niños, fai que estean máis expostas a este tipo de estratexias. A Armenteira é un dos lugares especialmente sensibles en relación coa presenza de velutinas. Ao longo da parroquia, pero especialmente en torno ao río Armenteira, a carón do que discorre a famosa Ruta da Pedra e da Auga, tense detectado un considerable número de niños deste insecto. O servizo de loita contra esta praga co que conta a Mancomunidade de O Salnés, a quen corresponde a erradicación dos niños e a quen veciños e veciñas e representantes de Concellos de toda a comarca alertan e recurren cada vez que divisan unha destas chamativas construcións, desprauzose ata a distintos puntos da parroquia en innumerables ocasións. Incluso chegou a poñer en práctica un novidoso sistema que utiliza un dron para atacar as colmeas. Para continuar nesta loita, o venres, 6 de de marzo, a partires das 20:30 horas, no Centro Multiusos de O Mosteiro, e o sábado, 7 de marzo, a partires das 20:00 horas, no Local Social de Vilar, a popularmente coñecida como Casa de Cultura, desenvolveranse sendas charlas informativas sobre o trampeo de velutina. Serán actividades de carácter eminentemente práctico, de asistencia totalmente gratuíta, nas cales expertos na materia, instruirán ás persoas existentes nas técnicas de elaboración de todo tipo de trampas para capturar vespas velutinas, e ás que baixo o lema Vespa Velutina. Convives ou combates. Ti elixes, convidan a asistir a todos os veciños e veciñas, porque, dun xeito ou outro, vense ameazados pola grave ameaza que supón a expansión desta especie.


martes, 3 de marzo de 2020

A Real Federación Galega de Fútbol da a coñecer o calendario da segunda da liga fase para o Armenteira Veteranos

A delegación de Pontevedra da Real Federación Galega de Fútbol deu a coñecer ao longo deste martes, 3 de marzo, o calendario da segunda fase da liga  da Terceira Galicia de Veteranos da temporada 2019/2020. No caso do Armenteira Veteranos estará encadrado no grupo 62, xunto ao outros once conxuntos, tanto pertencentes á zona Arousa-Salnés como á zona Pontevedra-Morrazo. O criterio que seguiu a institución que preside Rafael Louzán para establecer esta composición de grupos foi a clasificación na primeira fase, na cal o cadro de O Leixo non estivo moi afortunado en canto a resultados, finalizando a competición na décimo sétima posición, con trece puntos. Por este motivo os verdinegros terán que enfrontarse aos outros equipos que lograron unha menor puntuación na primeira fase. A priori, e tendo en conta os resultados da parte inicial da liga, o Reboreda Veteranos, de Redondela, parte como máximo favorito para acadar o título de liga, e tamén se agarda que estean nesa loita conxuntos como o Campañó Veteranos, o Peña Veteranos Bora, Os Raposos, o Godos C.F. Veteranos, o Dorrón C.F. Veteranos ou o propio Armenteira Veteranos que, se as lesións e as frecuentes ausencias de xogadores o respectan, conta con potencial suficiente para rematar nos postos máis elevados da táboa. Para comezar a competición o clube de A Armenteira deberá desprazarse o sábado, 14 de marzo, á parroquia marinense de San Tomé de Piñeiro onde, no campo de Chan de Piñeiro, se medirá ao Santomé S.D. Curiosamente, estes dous equipos xa se viron as caras o pasado 1 de febreiro e naquela ocasión o Armenteira Veteranos, que aos tres minutos de xogo xa gañaba por cero goles a dous, permitiu que os locais remontasen o encontro, cunha actuación estelar do extremo Luis Manuel Renda, autor dos tres tantos, e unicamente foi quen de rescatar un punto grazas a un gol de Marcial nos últimos minutos. O desprazamento a San Tomé de Piñeiro será un dos máis longos que deberá realizar o equipo que preside José Luis Galiñanes nesta fase da liga, e terá que facelo por partida dobre, pois en Chan do Piñeiro tamén disputa os seus partidos como local o Ohana Ancorad´ouro F.S.