Buscar neste blog

sábado, 7 de marzo de 2020

Recital goleador de Sara Rey na arrolladora vitoria do Armenteira C.F. ante o Colegio Apóstol

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - COLEGIO APÓSTOL - 4 - 1 
ARMENTEIRA C.F.:Lola; Fátima, Sara Torres, Ana; Alba, Rocío; e Anabel. Tamén xogou Sara Rey.
ÁRBITRO: Argibay Álvarez. Non mostrou cartóns amarelos a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da sétima xornada da segunda fase do grupo B da Liga Feminina de fútbol-7, que se disputou no campo de O Leixo, en A Armenteira, ante uns quince espectadores e sobre un terreo de xogo nunhas condicións medianamente aceptables.

CRÓNICA
O equipo feminino do Armenteira C.F. logrou reafirmarse na mañá deste sábado cunha vitoria clara e contundente ante o conxunto vigués do Colegio Apóstol. As mozas que dirixe Marcial Prado lograron superar a crise de resultados que viñan sufrindo nas últimas xornadas e fixérono de forma irreprochable. Foi cun triunfo con catro goles a un, en base a un gran traballo colectivo, pero cunha especial protagonista: Sara Rey. A futbolista de San Martiño, que curiosamente iniciou o partido dende o banco de suplentes, anotou os catro tantos locais e liderou dende a punta de ataque o camiño cara esta importante vitoria do seu equipo. Xa dende os primeiros minutos, o Armenteira C.F. prantouse sobre o terreo de xogo con orde e seriedade. Fronte ao fútbol pausado e combinativo que trataba de elaborar o Colegio Apóstol, as locais recurrían ás transicións rápidas. A intensidade, o vigor físico e a contundencia das verdinegras impoñíanse á xuventude e ás dúbidas das viguesas nas disputas dos balóns, aínda que non sería ata a entrada no campo de Sara Rey cando as de A Armenteira comezaran a desnivelar o encontro. En dúas accións consecutivas, nas que a atacante de San Martiño recibiu en profundidade ante as defensoras rivais, foi quen de regatear e culminar dun xeito tremendamente exquisito, fronte ao que nada puido facer a gardamallas Eva Puente. Axiña reaccionou o Colegio Apóstol, e Laura Santamarta enviaba ao fondo da rede un lanzamento que Lola, que se lanzou de xeonllos á terra, non puido deter. Pero non tardou Sara Rey, de novo desembarazándose das defensas adversarias, en marcar distancias para o Armenteira C.F. E, nada máis iniciarse a segunda metade, Sara Rey conseguía perforar novamente a meta de Eva Puente e, a partires de entón, as de O Leixo só tiveron que administrar a cómoda vantaxe que lles concedía o marcador. Sen pasar apenas apuros en defensa, incluso tiveron algunha oportunidade para acadar algún tanto máis. Alba ou a propia Sara Rey dispuxeron de ocasións de certa claridade, aínda que o resultado xa non se movería. Con este triunfo o equipo sénior feminino do Armenteira C.F. sitúase na quinta posición, con cinco puntos, á espera de recibir na próxima xornada á S.D. Juvenil Rodosa, que se atopa un posto por abaixo cos mesmos puntos cás verdinegras, nun encontro que previsiblemente se xogará o domingo, 15 de marzo, ás 19:00 horas.




Ningún comentario:

Publicar un comentario