A declaración do estado de alarma decretado polo goberno central o sábado, 14 de marzo, así como o estado de emerxencia sanitaria que declarara a Xunta de Galicia o día anterior, ademais das normas e restricións impostas dende o Concello de Meis, variaron substancialmente as actividades e os modos de vida das xentes de A Armenteira. Se habitualmente se trata dun lugar tranquilo, especialmente axeitado para o repouso, no que os ruídos e a circulación de persoas e vehículos non soen ser excesivas, a extensión da pandemia COVID-19 convertiu á parroquia nun auténtico remanso de paz no que os viais públicos e as zonas de encontro apenas rexistran tránsito. Tampouco se observa movemento na Ruta da Auga e da Pedra e no entorno do mosteiro cisterciense, grandes atractivos turísticos, que normalmente rompen a monotonía e a tranquilidade do resto do territorio. Os locais de hostalería tamén pecharon as súas portas, incluso antes de que o estado de alarma obrigase a facelo. O mesmo ocorre coa igrexa e o resto de dependencias do mosteiro. A suspensión dos oficios relixiosos e as normas especiais para a celebración das exequias fúnebres, provocaron que actividade nos arredores do mosteiro de A Armenteira se paralizase ao longo dos últimos días. O C.E.I.P. de A Armenteira mantense tamén sen actividade lectiva dende o pasado venres, ao tempo que o transporte escolar cara este centro educativo como cara o C.P.I. de Mosteiro-Meis deixou de funcionar. Entidades sociais, recreativas, culturais e deportivas seguen asimesmo as normas desta situación excepcional. O Tecor Armenteira, que agrupa a cazadores da parroquia e dos arredores, viuse na obriga de suspender a comida que ía ter lugar no Local Social de Vilar o domingo, 15 de marzo. Coa competición de liga paralizada por orde da Real Federación Galega de Fútbol e coa prohibición de acceso ás instalacións deportivas por parte do Concello de Meis, o Armenteira C.F. decidira xa deter as sesións de adestramentos mentres a crise provocada pola expansión do Coronavirus non aconsellase retornar a unha situación de normalidade. Unha decisión acertada e prudente que se anticipou as imposicións que chegarían coa declaración do estado de alarma. Non terá tampouco competición o Armenteira Veteranos, que se dispoñía a iniciar a segunda fase da liga da Terceira Galicia de Veteranos, un campionato que, ao igual que sucede con outros moitos a nivel galego, español e mundial, se atopa agora ante un futuro incerto. O clube ciclista Armenteira e Punto, o Club de Golf Chan do Fento, o Campo de Golf de Meis, ubicado no lugar de Silván, a caza, as rutas cabalares e un sinfín de actividades lúdicas e deportivas permanecerán paralizadas como mínimo durante un período de dúas semanas. A todo isto únese a suspensión da Romaría das Cabezas, anunciada este luns polo Concello de Meis, de mutuo acordo coa comisión organizadora, tanto das actos de carácter relixiosos como dos festivos, nos que se estreaba o novo equipo directivo da Comisión de Festas Ó´Noso. No aire tamén queda a celebración das festas na honra de San Xosé Obreiro, o 30 de abril e o 1 de maio, que dende fai décadas enchen de festeiros e festeiras lugares como Gondes, As Pereiras e Cabeza de Boi. Caso aparte son as tarefas agrarias que, aínda que a menor ritmo, continúan. Veciños e veciñas preparan as hortas, as leiras, os viñedos ou os terreos forestais agardando polo tempo de primavera no que a vexetación se activa e que marca o inicio da plantación de numerosos cultivos. Repartidores, transportistas, empregados de correos ou funcionarios municipais seguen percorrendo os viais da parroquia, como tamén moitas persoas de A Armenteira deben continuar desprazándose aos seus postos de traballo nas localidades da contorna. A escasa cobertura da rede de internet non impide que o teletraballo, aínda escasamente implantado, poida ser unha alternativa para quen ten que permanecer no seu domicilio en tan insólitas circunstancias. Unha situación realmente extraordinaria, un reto e unha misión na que a poboación de A Armenteira, como a da maior parte de Galicia e de España, se está comportando con verdadeiro civismo, seguindo as recomendacións e obedecendo os ditados das autoridades, para deste xeito sumar esforzos cos que facer fronte á terrible ameaza que supón para o xénero humano expansión da pandemia COVID-19.
Ningún comentario:
Publicar un comentario