Con pouco máis de 700 habitantes A Armenteira é unha das parroquias cun maior nivel de poboación do Concello de Meis pero, ao mesmo tempo, tamén é un lugares cun maior nivel de envellecemento do municipio. A isto habería que engadir persoas enfermas ou con problemas de mobilidade que, unidas ás que forman parte da terceira idade, compoñen un amplo grupo, quizais o máis numeroso entre a poboación da parroquia, o cal podería recibir a denominación de poboación vulnerable. En momentos como o actual, cunha terrible pandemia extendéndose e contaxiando a unha gran cantidade de xente tanto en España como en moitos outros países do mundo, este grupo de persoas son consideradas persoas de risco e terían máis posibilidades de sufrir os efectos da enfermidade COVID-19. Xente con enfermidades cardiovasculares, con hipertensión arterial, con diabetes, con enfermidades pulmonares crónicas, con cancro, con inmunodepresión ou en situación de embarazo conformarían tamén persoal de risco fronte a esta infección vírica. Por este motivo, A Armenteira, ao igual que moitos outros lugares da contorna e, en xeral, de Galicia, sería un dos territorios nos que os efectos desta pandemia poderían ser máis letais. O respecto ás medidas de confinamento impostas polo estado de alarma decretado polo goberno de España o pasado sábado, xunto coa salubridade e as escasas aglomeracións do mundo rural, poderían exercer de barreiras de contención fronte á ameaza de expansión desta espantosa pandemia. É preciso pois que as persoas permanezan nos seus domicilios mentres se manteña o estado de alarma, e que reducir ao mínimo imprescindible a circulación polas vías e espazos de uso público e que, no caso de ser necesario, o fagan de forma individual. Adquirir alimentos, produtos farmacéuticos ou de primeira necesidade ou acudir a centros e servizos sanitarios forman parte das poucas saídas autorizadas nunhas circunstancias tan críticas. No caso da asistencia a consultas médicas é obrigatorio dispoñer de cita previa, que se obtén facilmente a través do teléfono e de internet. A excepcionalidade da situación fixo que as distintas administracións habilitasen servizos para atender á poboación. No caso da administración local, a máis próxima e que trata de resolver os problemas aos que con maior frecuencia se enfrontan os veciños e veciñas, creáronse comisións de seguimento da pandemia COVID-19, e foron tomando medidas para afrontar unha situación tan compricada. No referente á parroquia de A Armenteira, o Concello de Meis puxo en marcha esta semana un servizo de axuda e asistencia para cuestións relacionadas co estado de alarma. Deste xeito, tanto os medios e o persoal do Concello como os de Protección Civil estarán a disposición das persoas da terceira idade, enfermas ou con mobilidade reducida para asistilas cando precisen mercar alimentos ou medicamentos e para trasladarllos aos domicilios. Para elo só teñen que solicitalo a través do número de teléfono das oficinas municipais, o 986712001, que está activo durante os días laborables de 9:00 a 14:00 horas, ou a través do número de teléfono de Protección Civil de Meis, o 986712211, activo ao longo das 24 horas do día. Trátase dunha das medidas máis relevantes que adoptou a institución que preside Marta Giráldez, mediante a que se pretende axudar á poboación máis vulnerable durante un período que agardademos que non alongue demasiado no tempo e que produza uns efectos da menor gravidade posible.
Ningún comentario:
Publicar un comentario