Buscar neste blog

martes, 31 de marzo de 2020

A escola nos tempos do confinamento

Coa incertidume de non saber cando se voltará as aulas nin cando rematará, se é que remata, o curso 2019/2000, a escola e as actividades escolares non se deteñen. Por orde da Consellería de Educación as aulas permanecen pechadas dende o pasado 12 de marzo, un peche que se veu prolongado pola posterior declaración e prorrogación do estado de alarma en todo o territorio español a causa da expansión da pandemia do coronavirus COVID-19. Nunhas circunstancias tan excepcionais, os centros docentes, o profesorado e os alumnos e as alumnas, e tamén as propias familias, tiveron que adaptarse a unha situación que en boa parte dos casos resulta novidosa. As páxinas web dos centros educativos, as aulas virtuais, os correos electrónicos, as videochamadas e moitas ferramentas que ofrecen a rede internet e as novas tecnoloxías convertéronse nun recurso imprescisdible en momentos nos que os pupitres, as pizarras ou as clases presenciais tiveron que ser reemplados de forza forzosa polos métodos de ensino dende a distancia. Ao igual que ocorre co resto dos centros docentes de Galicia e de España no CEIP de Armenteira o curso continúa e o contacto co alumnado e coas familias mantense activo. A páxina de Facebook do colexio serve de plataforma para anunciar as novidades, mentres que na páxina web o equipo docente coloca semanalmente as tarefas e as suxestións de traballo das distintas etapas e materias, establecendo ademais os medios de contacto, teléfonico ou por correo electrónico, a través dos cales o profesorado tratará de resolver as dúbidas que poidan xurdir. En condicións similares traballa o alumnado da parroquia que cursa os seus estudos noutros centros educativos, como no CPI de Mosteiro-Meis. No colexio da capital municipal, as ferramentas de Google, principalmente Google Classroom, que tanto os rapaces e rapazas como os profesores e profesoras están habituados a utilizar, constitúe o instrumento fundamental de traballo nas diversas materias ao longo destas semanas. Asimesmo, para facilitar o desenvolvemento destas actividades, o Concello de Meis vén de establecer un servizo gratuíto para descargar e imprimir as tarefas escolares. Con esta medida o executivo que preside Marta Giráldez pretende axudar a aquelas familias que non dispoñan de ordenador, impresora ou doutros medios informáticos e precisen que as tarefas e os traballos que este días se están remitindo dende os centros de ensino sexan descargados ou imprimidos. Así as persoas que desexen facer uso deste servizo  terán que mandar a documentación para imprimir ao enderezo electrónico correo@meis.gal, ou ao número de whatsapp 615522463, indicando o nome e o domicilio do alumno ou alumna, para que posteriormente persoal municipal lle traslade, sen coste algún, as tarefas e os traballos en formato papel aos seus fogares.

Todos estes instrumentos e iniciativas contribúen a paliar as deficiencias que se orixinan nun trance tan insólito que, entre outros aspectos, condicionará o proceso de avaliación. De feito, a interrupción das clases obriga ao profesorado a avaliar o segundo parcial da súa materia co realizado entre o 8 de xaneiro e o 12 de marzo. As calificacións daranse a coñecer por medios telemáticos, fundamentalmente a través da aplicación Abalar Móbil, o próximo venres, 3 de abril. Haberá casos nos que o alumnado non teña realizado probas escribas ou teña pendente a entrega dalgún traballo, ante o cal dende o centros educativos insisten en lembrar o carácter formativo, continuo e integrador do proceso de ensinanza-aprendizaxe, polo que, se as circunstancias o permiten, e as clases se poden reanudar, a evaluación do terceiro trimestre terá en conta as dificultades desta situación de excepcionalidade e debería realizarse cun maior grao de precisión. Ao tempo que unha terrible pandemia se extende por toda España e por boa parte do planeta, causando o contaxio e a morte de milleiros de persoas, a tecnoloxía vén a salvar unha función tan básica na nosa sociedade como é a educación. Ben é certo que non todas as familias poden acceder do mesmo xeito a estes avances, co que se abre unha fenda entre aquelas familias con maiores recursos e capacidades para dispoñer e utilizar estas ferramentas e aquelas que non teñen estas posibilidades. De todas maneiras, o papel que estes días están a desempeñar estes adiantos dos tempos modernos, demóstrannos que, no mundo do século XXI, no que whatsapp, as redes sociais ou internet forman parte das nosas vidas, as novas tecnoloxías non deben ser unicamente unha solución de emerxencia, senón que deben converterse nun elemento irrenunciable na formación da cidadadanía e da man de obra do futuro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario