A vespa asiática ou vespa velutina parece que se asentou definitivamente no territorio galego. Esta especie, orixinaria de Asia, chegou fai uns anos a Galicia, e dende entón a súa expansión semella case imparable. Cun tamaño ata tres veces superior ao da abella europea, establece normalmente os seus niños no alto das árbores, formando colonias que soen superar o millar de individuos. O seu establecemento e o crecemento da súa poboación constitúen unha das grandes ameazas que afectan ao ecosistema da nosa terra. Entre as principais vítimas da vespa velutina está a abella doméstica, da que se convertiu na principal depredadora, pero tamén outras especies, vexetais ou animais, e a biodiversidade en xeral corren perigo ante continua proliferación de niños deste insecto de orixe foránea. Por este motivo, persoas e colectivos concienciados co medio ambiente e preocupados polo patrimonio natural e agrario de Galicia levan anos estudando diversas estratexias para frear o avance da vespa velutina. Precisamente é esta época previa ao inicio da primavera a que se considera o momento máis idóneo para a colocación de trampas para capturar as raíñas deste especie. A saída destas da colmea na procura de alimento, principalmente azucre, co que comezar a contrución dos niños, fai que estean máis expostas a este tipo de estratexias. A Armenteira é un dos lugares especialmente sensibles en relación coa presenza de velutinas. Ao longo da parroquia, pero especialmente en torno ao río Armenteira, a carón do que discorre a famosa Ruta da Pedra e da Auga, tense detectado un considerable número de niños deste insecto. O servizo de loita contra esta praga co que conta a Mancomunidade de O Salnés, a quen corresponde a erradicación dos niños e a quen veciños e veciñas e representantes de Concellos de toda a comarca alertan e recurren cada vez que divisan unha destas chamativas construcións, desprauzose ata a distintos puntos da parroquia en innumerables ocasións. Incluso chegou a poñer en práctica un novidoso sistema que utiliza un dron para atacar as colmeas. Para continuar nesta loita, o venres, 6 de de marzo, a partires das 20:30 horas, no Centro Multiusos de O Mosteiro, e o sábado, 7 de marzo, a partires das 20:00 horas, no Local Social de Vilar, a popularmente coñecida como Casa de Cultura, desenvolveranse sendas charlas informativas sobre o trampeo de velutina. Serán actividades de carácter eminentemente práctico, de asistencia totalmente gratuíta, nas cales expertos na materia, instruirán ás persoas existentes nas técnicas de elaboración de todo tipo de trampas para capturar vespas velutinas, e ás que baixo o lema Vespa Velutina. Convives ou combates. Ti elixes, convidan a asistir a todos os veciños e veciñas, porque, dun xeito ou outro, vense ameazados pola grave ameaza que supón a expansión desta especie.
Ningún comentario:
Publicar un comentario