Buscar neste blog

domingo, 30 de xaneiro de 2022

O Armenteira Veteranos cae pola mínima tras quedarse en inferioridade en Berdón

                                                                     FICHA TÉCNICA


AF7 BAR MADIA LEVA-ARMENTEIRA VETERANOS - 1-0
ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Moncho, Carlos Castro, Carlos Muniz, Óscar Barreiro; Rubén, José Pérez, Javi González, Martín, Júnior; e Jorge Castro. Tamén xogaron Jorge Dávila, Marcos, Marcial, Galiñanes e Rafa.

GOLES: 1-0. Minuto 70. Borja Doval. 

ÁRBITRO: Caeiro Abalo. Mostrou cartóns amarelos a Jorge Dávila, Galiñanes, Moncho, Javi González e, por partida dobre a Carlos Castro, por parte do Armenteira Veteranos, e a David Pérez e Pablo Nine por parte do AF7 Bar Madia Leva.

INCIDENCIAS: Partido da undécima xornada de liga do grupo A da Terceira Galicia de Veteranos, da zona de Pontevedra, disputado no campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, ante uns quince espectadores, nunha tarde-noite fresca e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos perdeu a oportunidade de auparse ao terceiro posto da táboa tras perder na tarde-noite deste sábado, 29 de xaneiro, ante o AF7 Bar Madia Leva no campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa. De vencer, o cadro verdinegro colocaríase nos postos de honra do grupo A da Terceira Galicia, e nunhas condicións inmellorable para manter esa posición privilexiada, xa que todos os seus potenciais rivais acudirán a O Leixo como visitantes na segunda volta da liga. Foi tras un partido entretido, igualado, no que calquera dos dous conxuntos puido levarse a vitoria e no que quizais o máis xusto fose que rematase cun reparto de puntos. Pero houbo un feito determinante que marcou o rumbo do encontro e ese foi a expulsíón de Carlos Castro por dobre cartón amarelo a vinte minutos para o final. De feito, nada máis quedarse en inferioridade numérica os de A Armenteira recibiron o primeiro e único tanto que Sirra encaixou este sábado en terras vilagarcianas. A tónica do partido foi case a mesma desde o inicio. O AF7 Bar Madia Leva, un equipo con bos peloteiros e que aposta polo fútbol combinativo e o bo trato do balón, trataba de construír as xogadas combinando desde a defensa e, despois de traspasar a segunda liña do Armenteira Veteranos, buscaba con envíos en diagonal as costas dos laterais verdineiros, unha arma que dominan perfectamente nun campo dunha anchura considerable como o de Berdón. Borja Doval, posiblemente o futbolista de maior calidade dos vilagarciáns, e que fai apenas tres anos formaba parte do plantel do C.D. Mosteiro na Segunda Autonómica de categoría de afeccionados, actuaba como arquitecto do xogo do cadro local. Por el pasaban practicamente todas as accións de ataque e era o que trazaba a maior parte dos envíos en longo en dirección a uns extremos que abrían o campo pegados á marca de banda. Con todo, o Armenteira Veteranos mostrábase sólido e ordenado e, de cando en vez, armaba perigosas ofensivas de contraataque. Foi así como Jorge Castro dispuxo da primeira gran ocasión do encontro, aínda que neste caso o artilleiro de Vilar non estivo atinado, como tampouco o estivo José Pérez escasos minutos despois, nunha ocasión aínda máis clara, na o balón bicou o lateral do poste dereito da meta do AF7 Bar Madia Leva. Pese a que o dominio do esférico correspondía aos locais o Armenteira Veteranos gozaba das oportunidades máis claras, e de novo Jorge Castro, Rubén ou Martín cun lanzamento de longa distancia, que repelou o porteiro José Luis Piñeiro, ben puideron adiantar aos de A Armenteira. Adoecía de falta de pegada o AF7 Bar Madia Leva, que non conseguía poñer en apuros a Sirra. A gran ocasión para os vilagarciáns neste primeiro período estivo nunha pena máxima decretada polo colexiado Caeiro Abalo tras deixarse caer ao chan un atacante local ao sentir o leve contacto sobre unha media por parte da bota dun defensor do Armenteira Veteranos. Desperdiou a ocasión Pablo Nine ao enviar o coiro contra o poste dereito da meta de Sirra. Coa igualada no marcador o rumbo do partido continou sendo similar no segundo período. O Armenteira Veteranos mantíñase ben plantado sobre o terreo de xogo intentando recuperar rápido o balón para sorprender nun contragolpe. As accións de perigo dos locais reducíanse a disparos desde fóra da área, ante os cales Sirra se mostraba moi seguro. Cando o partido parecía camiñar cara un empate, en dúas accións case seguidas nas que o sempre contundente Carlos Castro actuou con gran intensidade, e nas que cometeu falta, foron sancionadas con sendos cartóns amarelos por Caeiro Abalo. Cun futbolista menos sobre o terreo de xogo a misión de lograr os tres puntos complicábase para o Armenteira Veteranos. Apenas dous minutos despois da expulsión de Carlos Castro, unha gran xogada individual de Borja Doval, na que penetra polo centro da defensa ata a área tras irse de varios rivais e verse favorecido por unha serie de rexeitamentos, remate cun toque sutil do futbolista vilagarcián que finaliza no fondo das mallas de Sirra. Non fixo caso o colexiado ás protestar dos futbolistas do Armenteira Veteranos, que se queixaban de que o atacante local se levou o balón coa man nun deses rexeitamentos, e o tanto subiu ao marcador. Tratoron os verdinegros de alcanzar canto menos a igualada nos minutos finais e incluso dispuxeron dunha clara ocasión nos pés de Jorge Castro, na que o control se lle escapou ao dianteiro de Vilar, pero finalmente os tres puntos acabaron quedando en Berdón. Con esta derrota, o Armenteira Veteranos mantense na quinta posición, con catorce puntos. A próxima xornada será de descanso para os de O Leixo, o que aproveitarán para repoñer forzas antes de medirse ao Dorrón C.F. Veteranos no que será o primeiro partido da segunda volta para a formación verde e negra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario