Buscar neste blog

domingo, 5 de xuño de 2016

Escasa fortuna para o equipo alevín do Armenteira C.F. no II Torneo C.D. Ribadumia

O equipo alevín do Armenteira C.F. no tivo demasiada fortuna na participación no II Torneo C.D. Ribadumia que se disputou este sábado nas instalacións deportivas de A Senra. O cadro dirixido por Jonathan Crespo acusou a falta de acerto a nivel ofensivo e non foi quen de convertir en gol as numerosas ocasións das que dispuxo. Asimesmo pagou moi caros os erros defensivos, e acabou eliminado de forma prematura, lonxe duns obxectivos que a tenor do potencial e do xogo despregado, debería ter sido máis ambiciosos. No primeiro partido da fase de grupo o conxunto verdinegro levou o dominio do encontro ante un A.D. Arousa F-7 que non tivo nin un só achegamento á portería defendia por Sergio, pero o desacerto en ataque fixo que o resultado acabase sendo de cero a cero. No segundo encontro, ante o claro favorito do grupo, a E.F.B. Moañesa, os de A Armenteira non puideron facer nada ante a calidade e o ritmo dos de O Morrazo, que venceron por cinco goles a cero. As esperanzas estaban postas no terceiro encontro, ante o S.D. Valiño-Cabo de Cruz. O Armenteira C.F. levou de novo o dominio do xogo, dispoñendo de claras ocasións, pero de novo volveu acusar a falta de puntería, e os de Boiro introduciron o balón no fondo das mallas na única ocasión que se aproximaron á meta defendida por Sergio. Nin sequera na fase de consolación, na que lles correspondeu medirse coa U.S.D. de O Grove a sorte estivo do seu lado. Tras un tanto inicial de Íñigo, rematando coa cara un saque de curruncho, e despois de contar con algunha ocasións máis para sentenciar o partido nos pés de Mosteiro ou de Zubo, os da Península Meca igualaron o marcador mediante un potente lanzamento de falta dende loga distancia. E cando parecía que irremediablemente o partido se dirixía a unha quenda de penalties un desaxuste defensivo dos de O Leixo permitiu á U.S.D. de O Grove levarse a vitoria cun gol no que a fortuna xogou ao seu favor. A desesperación e os lamentos dos compoñentes do plantel alevín do Armenteira C.F. era evidente, pero dende o cadro técnico tratarán de manter a motivación do conxunto de cara ao encontro da promoción de ascenso que terá lugar este xoves a partires das 20 horas no campo de O Leixo ante a A.X.D. Verdugo e ao torneo no que van participar a próxima fin de semana no campo de As Cachizas, en Dena.


Unha vitoira e unha derrota para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. na xornada de liga desta fin de semana

Os equipos cadete e benxamín do Armenteira C.F., os únicos que disputaron xornada de liga nesta fin de semana, a trixésimo terceira no que vai de liga, lograron dous resultados contrastados, pois mentres o conxunto cadete conseguía vencer ao C. Xuventú Sanxenxo, o equipo benxamín caía claramente derrotado ante o Meaño F.C.

O equipo benxamín recibía no campo de O Leixo ao Meaño F.C., o líder do grupo 63 da Segunda Autonómica Benxamín, Grupo 63, que se atopa en dura pugna co Céltiga F.C. por facerse co campionato de liga e acceder á única praza que da a posibilidade de ascender directamente de categoría. O cadro que adestran Valentín Estévez e José Ramón Dacosta contaba coas sensibles baixas de Brais Charlín e Brais Santamaría, polo que a cita se presentaba aínda máis compricada. A formación meañesa imprimiu unha alta intensidade ao encontro dende o inicio, e os goles entraban un tras outro na meta que defenderon Sergio Matilde na primeira metade e Sara Otero na segunda, ao ritmo que marcaban os gritos do adestrador visitante dende a banda. Esta clara diferenza de nivel quedou reflectida no resultado final de cero a dezaséis goles co que rematou o partido. O equipo verdinegro ten que afrontar aínda dúas xornadas antes de finalizar a liga. A primeira cita será este xoves a partires das 19 horas no campo de Berdón ante o C. Vilagarcía S.D., nun partido aprazado corresponde á trixésimo segunda xornada, e a seguinte será a próxima fin de semana no campo de Monte Redondo, en Corón, ante a S.D. Chispa.

A continuación, tamén no campo de O Leixo, era o turno para o equipo cadete. O cadro que dirixen Marcial Prado e Víctor Saborido afrontaba un duelo de rivalidade no que a vitoria se antollaba necesaria de cara a asegurar a sétima praza na clasificación final. O favoritismo co que partían os locais só se evidenciou nos primeiros minutos, nun iniciou fulgurante dos verdinegros, que dispuxeron de claras ocasións nos pés de xogadores como Alberto, Villa e Roberto, pero que non foron quen de materializar. A partires de entón o dominio equilibrouse, e os de A Armenteira non daban conseguido impoñer o seu maior potencial ante un C. Xuventú Sanxenxo que agardaba agazapado e que lanzaba algún tímido contragolpe que puxo o susto no corpo aos escasos afeccionados que acudiron ata O Leixo. Non foi ata o minuto 55 cando o Armenteira C.F. logrou derrubar a muralla amarela, e foi por mediación de Carlos Soto, que aproveitou no borde da área un rexeitamento tras un saque de córner e, mediante un potente zapatazo, o colocou no fondo das mallas defendidas por Manuel Radío. Dende ese momento a balanza do partido xa se puxo do lado dos locais, e Mathias cunha cabezada de novo tras un saque de curruncho, e o xogador de categoría infantil Piñeiro, recollendo unha pelota que o porteiro visitante saiu a despexar fóra da área, nada máis acceder ao campo, anotaban os tantos que conformarían o tres a cero co que finalizarían os noventa minutos. Esta vitoria coloca aos de Marcial Prado no sexto posto con corenta e un puntos, posición que será definitiva, dado que aínda que só dous puntos os separan do Moraña C.F., a este conxunto xa lle foron outorgados os tres puntos do partido que debería xogar a próxima fin de semana ante un C.D. Bamio que decidiu renunciar a competir na última xornada. Con todo, os de O Leixo, intentarán rematar a temporada con bo sabor de boca cunha vitoria no campo de O Terrón ante a E.F.B. Vilanova, quinto clasificado con corenta o oito puntos.









Esmagadora vitoria do Armenteira Veteranos ante o Peña Rácing

O Armenteira Veteranos conseguiu na tarde deste sábado, no campo de O Leixo, unha esmagadora vitoria ante o Peña Rácing por sete goles a cero. O cadro verdinegro impuxo dende o iniciou a súa clara superioridade e venceu sen grandes complicacións á escadra de Vilaboa. De novo cabe salientar o festival ofensivo do dúo atacante formado por Jorge Castro e Manueliño, autores de tres goles cada un deles, mentres que o outro tanto foi obra de Rafa. O centrocampista de A Escusa volveu dar mostra da súa calidade e foi autor dun deses goles de bela factura ao que nos ten acostumados. Con este triunfo o Armenteira Veteranos sitúase no sexto posto con sesenta e catro puntos. De vencer na próxima xornada, a última desta longa temporada, o conxunto verde e negro ascendería á quinta posición, xa que o Castrelo C.F., que ocupa actualmente esa praza, deberá cumprir coa obrigada xornada de descanso.


venres, 3 de xuño de 2016

O II Torneo C.D. Ribadumia agarda ao equipo alevín do Armenteira C.F.

O equipo alevín do Armenteira C.F. acude este sábado, en horario de mañá e tarde, ao II Torneo C.D. Ribadumia, que se celebrará nas remodeladas instalacións deportivas de A Senra. O cadro dirixido polo valgués Jonathan Crespo foi encadrado no grupo A, xunto a escadras de tanto potencial como a E.F.B. Moañesa, a S.D. Valiño-Cabo de Cruz, o Umia C.F. e a A.D. Arousa F-7. Será ante este último conxunto fronte ao que o conxunto verdinegro iniciará a competición a partires das 9:30 horas. A continuación, a partires das 10:50 horas, medirarase ao equipo que conta co cartel de favorito a alzarse con primeiro posto do grupo, a E.F.B. Moañesa. Ás 12:50 os de O Leixo vivirán un duelo de rivalidade ante o Umia C.F. e, xa pola tarde, a partires das 15:20 horas terán cita co S.D. Valiño-Cabo de Cruz. O sistema de competición establece que os dous primeiros clasificados de cada grupo xogará a fase de campións, mentres que os terceiros e cuartos terán acceso a unha fase de consolación. Os rapaces e rapazas que dirixe Jonathan Crespo tratarán de finalizar con éxito o primeiro torneo de fin de temporada, que ao mesmo tempo lles servirá de preparación para o partido da segunda eliminatoria da fase de ascenso que disputarán o próximo xoves 9 de xuño en O Leixo ante a A.X.D. Verdugo.


O Leixo volve a vivir un intenso sábado de fútbol

O campo de O Leixo volverá a vivir este sábado unha intensa xornada de fútbol. Os protagonistas serán os equipos benxamín e cadete do Armenteira C.F., que pola mañá disputarán os seus partidos correspondentes á trixésimo terceira xornada de liga, e xa pola tarde, será o turno do equipo do Armenteira Veteranos.

O equipo benxamín recibe a partires das 10:30 horas, coa arbitraxe de Piñeiro Docampo, ao líder do grupo, o potente Meaño F.C., que con oitenta e seis puntos mantense en dura pugna co Céltiga F.C. por proclamarse campión de liga e acadar a praza que da dereito ao ascenso á Primeira Categoría Benxamín. O cadro técnico formado por Valentín Estévez e José Ramón Dacosta contará coas baixas máis ca sensibles de Brais Santamaría e de Brais Charlín, pero os seus esforzos céntranse en manter a ilusión e en seguir aprendendo de citan tan esixentes como a deste sábado.

A continuación terá a súa oportunidade o equipo cadete. Os rapaces que adestran Marcial Prado e Víctor Saborido reciben a partires das 11:30 horas ao C. Xuventú Sanxenxo. O encontro, que será dirixido polo sempre estricto Leiros Brea, caracterizouse sempre pola rivalidade, debido ao coñecemento mutuo entre os compoñentes de ámbolos dous conxuntos, pero esta temporada cobrou unha dimensión especial. O cadro verdinegro parte en principio como favorito, xa que ocupa a sétima posición con trinta e oito puntos, mentres que o seu rival, sitúase no undécimo posto con vintetrés puntos, pero dada a igualdade que se está mostrando neste grupo calquera resultado é posible. De feito, o Armenteira C.F. caiu derrotado a pasada fin de semana en Burgáns ante o C. Xuventude Cambados, cando na xornada anterior lograra unha merecida vitoria fronte ao actual líder, o Vilalonga F.C. De lograr o triunfo os de O Leixo asegurarían o sétimo posto e poderían manter as remotas opcións de alcanzar a sexta posición.


Exitosa reapertura do Café Bar O Comercio

O Café Bar O Comercio, sen dúbida un dos locais máis emblemáticos do mundo de hostalaría na parroquia de A Armenteira, volveu abrir as súas portas este xoves. Apenas tres días despois dende que María Rodríguez e Diego Dadín decidiran deixar a xerencia a numerosa clientela deste establecemento pode voltar xa a disfrutar das copas, das tapas, dos bocatas ou do excelente ambiente que se soe respirar nun entorno tan privilexiado como no que se sitúa o Café Bar O Comercio. A nova xerencia quere manter o modelo que con tanto éxito levaron os anteriores responsables e tentará darlle aínda un maior pulo, potenciando servizos como a cociña, para que todas aquelas persoas que se acheguen ata alí poidan disfrutar dunhas xenerosas e deliciosas tapas e dunha variada carta de comidas. Na festa de reapertura non faltaron os habituais clientes, sempre fieis á súa cita, e de seguro que serán moitos máis os que se acheguen a partires desta fin de semana a gozar do estupendo servizo que sempre ofrece este establecemento situado no quilómetro cero de A Armenteira.


mércores, 1 de xuño de 2016

Bo partido do equipo infantil do Armenteira C.F. ante o Catoira S.D. en O Leixo

O equipo infantil disputou este mércores o seu primeiro e único partido desta temporada no campo de O Leixo. O conxunto que dirixen Martín Casais e Jonathan Crespo cambiou nesta ocasión o seu feudo habitual de O Pombal, en Cambados, polo campo de A Armenteira. A superficie de terra de O Leixo foi pisada por primeira vez por algúns dos xogadores do cadro infantil no encontro correspondente á vixésimo cuarta xornada que fora aprazado no seu día. O rival, o Catoira S.D., adiantouse no marcador no segundo minuto de partido. Foi por mediación do rianxeiro Daniel Vidal, o futbolista máis incisivo da escadra viquinga. Co resultado adverso o Armenteira C.F. tratou de manter o tipo e buscou con relativa insistencia a meta rival, pero a falta de claridade en ataque impediron que acadase a igualada. Na segunda metade o equipo verdinegro seguiu lanzando incursións cara a área viquinga, apoiado no bo traballo colectivo, no liderazgo no mediocentro de Jose Otero, no desequilibrio polo costado dereito dun inspirado Davide e na potencia na punta de ataque de Piñeiro. O esforzo dos locais tería o seu premio nun lanzamento de falta que Jose Otero colocou coa súa perna esquerda na escadra dereita dos de Catoira. Este gol reforzou a moral dos verdinegros, que comezaron a ter esperanzas de lograr a que sería a primeira vitoria da temporada. Pero de novo Daniel Vidal nun golpe franco que o meta Santi non foi quen de atallar poñía por diante aos franxivermellos. A pesares de que os de O Leixo dispuxeron dalgunha ocasión máis nos pés de xogadores como Álex Ruel, Piñeiro ou Álex González o marcador xa non se movería e os tres puntos acabarían voando do campo de A Armenteira. A desesperación dos futbolistas do cadro local contrastaba coa imaxe satisfactoria que se levou o numeroso público que acudiu ata O Leixo. A próxima fin de semana, o conxunto infantil do Armenteira C.F. terá a súa correspondente xornada de descanso, ao tratarse dun grupo con número impar de equipos, o que será aproveitado polo corpo técnico para planificar con maior tranquilidade o encontro da última xornada de liga ante o potente San Martín C.F. no campo Municipal de Vilaxoán.