Buscar neste blog

venres, 3 de xuño de 2016

O Leixo volve a vivir un intenso sábado de fútbol

O campo de O Leixo volverá a vivir este sábado unha intensa xornada de fútbol. Os protagonistas serán os equipos benxamín e cadete do Armenteira C.F., que pola mañá disputarán os seus partidos correspondentes á trixésimo terceira xornada de liga, e xa pola tarde, será o turno do equipo do Armenteira Veteranos.

O equipo benxamín recibe a partires das 10:30 horas, coa arbitraxe de Piñeiro Docampo, ao líder do grupo, o potente Meaño F.C., que con oitenta e seis puntos mantense en dura pugna co Céltiga F.C. por proclamarse campión de liga e acadar a praza que da dereito ao ascenso á Primeira Categoría Benxamín. O cadro técnico formado por Valentín Estévez e José Ramón Dacosta contará coas baixas máis ca sensibles de Brais Santamaría e de Brais Charlín, pero os seus esforzos céntranse en manter a ilusión e en seguir aprendendo de citan tan esixentes como a deste sábado.

A continuación terá a súa oportunidade o equipo cadete. Os rapaces que adestran Marcial Prado e Víctor Saborido reciben a partires das 11:30 horas ao C. Xuventú Sanxenxo. O encontro, que será dirixido polo sempre estricto Leiros Brea, caracterizouse sempre pola rivalidade, debido ao coñecemento mutuo entre os compoñentes de ámbolos dous conxuntos, pero esta temporada cobrou unha dimensión especial. O cadro verdinegro parte en principio como favorito, xa que ocupa a sétima posición con trinta e oito puntos, mentres que o seu rival, sitúase no undécimo posto con vintetrés puntos, pero dada a igualdade que se está mostrando neste grupo calquera resultado é posible. De feito, o Armenteira C.F. caiu derrotado a pasada fin de semana en Burgáns ante o C. Xuventude Cambados, cando na xornada anterior lograra unha merecida vitoria fronte ao actual líder, o Vilalonga F.C. De lograr o triunfo os de O Leixo asegurarían o sétimo posto e poderían manter as remotas opcións de alcanzar a sexta posición.


Ningún comentario:

Publicar un comentario