O equipo alevín do Armenteira C.F. acude este sábado, en horario de mañá e tarde, ao II Torneo C.D. Ribadumia, que se celebrará nas remodeladas instalacións deportivas de A Senra. O cadro dirixido polo valgués Jonathan Crespo foi encadrado no grupo A, xunto a escadras de tanto potencial como a E.F.B. Moañesa, a S.D. Valiño-Cabo de Cruz, o Umia C.F. e a A.D. Arousa F-7. Será ante este último conxunto fronte ao que o conxunto verdinegro iniciará a competición a partires das 9:30 horas. A continuación, a partires das 10:50 horas, medirarase ao equipo que conta co cartel de favorito a alzarse con primeiro posto do grupo, a E.F.B. Moañesa. Ás 12:50 os de O Leixo vivirán un duelo de rivalidade ante o Umia C.F. e, xa pola tarde, a partires das 15:20 horas terán cita co S.D. Valiño-Cabo de Cruz. O sistema de competición establece que os dous primeiros clasificados de cada grupo xogará a fase de campións, mentres que os terceiros e cuartos terán acceso a unha fase de consolación. Os rapaces e rapazas que dirixe Jonathan Crespo tratarán de finalizar con éxito o primeiro torneo de fin de temporada, que ao mesmo tempo lles servirá de preparación para o partido da segunda eliminatoria da fase de ascenso que disputarán o próximo xoves 9 de xuño en O Leixo ante a A.X.D. Verdugo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario