Buscar neste blog

domingo, 5 de xuño de 2016

Escasa fortuna para o equipo alevín do Armenteira C.F. no II Torneo C.D. Ribadumia

O equipo alevín do Armenteira C.F. no tivo demasiada fortuna na participación no II Torneo C.D. Ribadumia que se disputou este sábado nas instalacións deportivas de A Senra. O cadro dirixido por Jonathan Crespo acusou a falta de acerto a nivel ofensivo e non foi quen de convertir en gol as numerosas ocasións das que dispuxo. Asimesmo pagou moi caros os erros defensivos, e acabou eliminado de forma prematura, lonxe duns obxectivos que a tenor do potencial e do xogo despregado, debería ter sido máis ambiciosos. No primeiro partido da fase de grupo o conxunto verdinegro levou o dominio do encontro ante un A.D. Arousa F-7 que non tivo nin un só achegamento á portería defendia por Sergio, pero o desacerto en ataque fixo que o resultado acabase sendo de cero a cero. No segundo encontro, ante o claro favorito do grupo, a E.F.B. Moañesa, os de A Armenteira non puideron facer nada ante a calidade e o ritmo dos de O Morrazo, que venceron por cinco goles a cero. As esperanzas estaban postas no terceiro encontro, ante o S.D. Valiño-Cabo de Cruz. O Armenteira C.F. levou de novo o dominio do xogo, dispoñendo de claras ocasións, pero de novo volveu acusar a falta de puntería, e os de Boiro introduciron o balón no fondo das mallas na única ocasión que se aproximaron á meta defendida por Sergio. Nin sequera na fase de consolación, na que lles correspondeu medirse coa U.S.D. de O Grove a sorte estivo do seu lado. Tras un tanto inicial de Íñigo, rematando coa cara un saque de curruncho, e despois de contar con algunha ocasións máis para sentenciar o partido nos pés de Mosteiro ou de Zubo, os da Península Meca igualaron o marcador mediante un potente lanzamento de falta dende loga distancia. E cando parecía que irremediablemente o partido se dirixía a unha quenda de penalties un desaxuste defensivo dos de O Leixo permitiu á U.S.D. de O Grove levarse a vitoria cun gol no que a fortuna xogou ao seu favor. A desesperación e os lamentos dos compoñentes do plantel alevín do Armenteira C.F. era evidente, pero dende o cadro técnico tratarán de manter a motivación do conxunto de cara ao encontro da promoción de ascenso que terá lugar este xoves a partires das 20 horas no campo de O Leixo ante a A.X.D. Verdugo e ao torneo no que van participar a próxima fin de semana no campo de As Cachizas, en Dena.


Ningún comentario:

Publicar un comentario