Buscar neste blog

domingo, 5 de xuño de 2016

Unha vitoira e unha derrota para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. na xornada de liga desta fin de semana

Os equipos cadete e benxamín do Armenteira C.F., os únicos que disputaron xornada de liga nesta fin de semana, a trixésimo terceira no que vai de liga, lograron dous resultados contrastados, pois mentres o conxunto cadete conseguía vencer ao C. Xuventú Sanxenxo, o equipo benxamín caía claramente derrotado ante o Meaño F.C.

O equipo benxamín recibía no campo de O Leixo ao Meaño F.C., o líder do grupo 63 da Segunda Autonómica Benxamín, Grupo 63, que se atopa en dura pugna co Céltiga F.C. por facerse co campionato de liga e acceder á única praza que da a posibilidade de ascender directamente de categoría. O cadro que adestran Valentín Estévez e José Ramón Dacosta contaba coas sensibles baixas de Brais Charlín e Brais Santamaría, polo que a cita se presentaba aínda máis compricada. A formación meañesa imprimiu unha alta intensidade ao encontro dende o inicio, e os goles entraban un tras outro na meta que defenderon Sergio Matilde na primeira metade e Sara Otero na segunda, ao ritmo que marcaban os gritos do adestrador visitante dende a banda. Esta clara diferenza de nivel quedou reflectida no resultado final de cero a dezaséis goles co que rematou o partido. O equipo verdinegro ten que afrontar aínda dúas xornadas antes de finalizar a liga. A primeira cita será este xoves a partires das 19 horas no campo de Berdón ante o C. Vilagarcía S.D., nun partido aprazado corresponde á trixésimo segunda xornada, e a seguinte será a próxima fin de semana no campo de Monte Redondo, en Corón, ante a S.D. Chispa.

A continuación, tamén no campo de O Leixo, era o turno para o equipo cadete. O cadro que dirixen Marcial Prado e Víctor Saborido afrontaba un duelo de rivalidade no que a vitoria se antollaba necesaria de cara a asegurar a sétima praza na clasificación final. O favoritismo co que partían os locais só se evidenciou nos primeiros minutos, nun iniciou fulgurante dos verdinegros, que dispuxeron de claras ocasións nos pés de xogadores como Alberto, Villa e Roberto, pero que non foron quen de materializar. A partires de entón o dominio equilibrouse, e os de A Armenteira non daban conseguido impoñer o seu maior potencial ante un C. Xuventú Sanxenxo que agardaba agazapado e que lanzaba algún tímido contragolpe que puxo o susto no corpo aos escasos afeccionados que acudiron ata O Leixo. Non foi ata o minuto 55 cando o Armenteira C.F. logrou derrubar a muralla amarela, e foi por mediación de Carlos Soto, que aproveitou no borde da área un rexeitamento tras un saque de córner e, mediante un potente zapatazo, o colocou no fondo das mallas defendidas por Manuel Radío. Dende ese momento a balanza do partido xa se puxo do lado dos locais, e Mathias cunha cabezada de novo tras un saque de curruncho, e o xogador de categoría infantil Piñeiro, recollendo unha pelota que o porteiro visitante saiu a despexar fóra da área, nada máis acceder ao campo, anotaban os tantos que conformarían o tres a cero co que finalizarían os noventa minutos. Esta vitoria coloca aos de Marcial Prado no sexto posto con corenta e un puntos, posición que será definitiva, dado que aínda que só dous puntos os separan do Moraña C.F., a este conxunto xa lle foron outorgados os tres puntos do partido que debería xogar a próxima fin de semana ante un C.D. Bamio que decidiu renunciar a competir na última xornada. Con todo, os de O Leixo, intentarán rematar a temporada con bo sabor de boca cunha vitoria no campo de O Terrón ante a E.F.B. Vilanova, quinto clasificado con corenta o oito puntos.









Ningún comentario:

Publicar un comentario