Buscar neste blog

mércores, 1 de xuño de 2016

Bo partido do equipo infantil do Armenteira C.F. ante o Catoira S.D. en O Leixo

O equipo infantil disputou este mércores o seu primeiro e único partido desta temporada no campo de O Leixo. O conxunto que dirixen Martín Casais e Jonathan Crespo cambiou nesta ocasión o seu feudo habitual de O Pombal, en Cambados, polo campo de A Armenteira. A superficie de terra de O Leixo foi pisada por primeira vez por algúns dos xogadores do cadro infantil no encontro correspondente á vixésimo cuarta xornada que fora aprazado no seu día. O rival, o Catoira S.D., adiantouse no marcador no segundo minuto de partido. Foi por mediación do rianxeiro Daniel Vidal, o futbolista máis incisivo da escadra viquinga. Co resultado adverso o Armenteira C.F. tratou de manter o tipo e buscou con relativa insistencia a meta rival, pero a falta de claridade en ataque impediron que acadase a igualada. Na segunda metade o equipo verdinegro seguiu lanzando incursións cara a área viquinga, apoiado no bo traballo colectivo, no liderazgo no mediocentro de Jose Otero, no desequilibrio polo costado dereito dun inspirado Davide e na potencia na punta de ataque de Piñeiro. O esforzo dos locais tería o seu premio nun lanzamento de falta que Jose Otero colocou coa súa perna esquerda na escadra dereita dos de Catoira. Este gol reforzou a moral dos verdinegros, que comezaron a ter esperanzas de lograr a que sería a primeira vitoria da temporada. Pero de novo Daniel Vidal nun golpe franco que o meta Santi non foi quen de atallar poñía por diante aos franxivermellos. A pesares de que os de O Leixo dispuxeron dalgunha ocasión máis nos pés de xogadores como Álex Ruel, Piñeiro ou Álex González o marcador xa non se movería e os tres puntos acabarían voando do campo de A Armenteira. A desesperación dos futbolistas do cadro local contrastaba coa imaxe satisfactoria que se levou o numeroso público que acudiu ata O Leixo. A próxima fin de semana, o conxunto infantil do Armenteira C.F. terá a súa correspondente xornada de descanso, ao tratarse dun grupo con número impar de equipos, o que será aproveitado polo corpo técnico para planificar con maior tranquilidade o encontro da última xornada de liga ante o potente San Martín C.F. no campo Municipal de Vilaxoán.


Ningún comentario:

Publicar un comentario