Buscar neste blog

luns, 25 de decembro de 2017

Unha xuntanza cun aire innovador

A xuntanza deste ano do Armenteira C.F. destacou sobre todo polo seu aire innovador. Innovador pero respectuoso cunha tradición que se remonta aos inicios da andadura do clube, cando Julio Serén e o mítico Barreiras estaban á fronte dun ilusionado grupo de rapaces da parroquia e dos arredores. Entre as innovacións que decidiu poñer en práctica a Xunta Directiva que encabeza Martín Casais estivo a ubicación do acto: as instalacións do campo de O Leixo. Como sinala o propio Martín Casais "dispoñemos dun espazo amplo e moi axeitado para estas actividades no campo de O Leixo. Como xa se demostrou coa celebración da I COPA ARMENTEIRA se o bo tempo acompaña estas instalacións reúnen as condicións idóneas para eventos tanto deportivos como sociais. Temos o problema da falta de medios, aínda que o suplimos con moito traballo e imaxinación. Pouco a pouco imos collendo experiencia na realización deste tipo de actos, e considero, sen lugar a dúbidas, que nesta ocasión, ao igual ca nas anteriores, o solventamos con éxito". Outro representante da Xunta Directiva, Jorge Dávila, fixo mención a outra das novidades deste ano, o novo formato da sesión fotográfica oficial. "Este ano decidimos fusionar a sesión que fotografías oficiais coa xuntanza de Nadal. Son xa dúas tradicións moi arraigadas na historia do noso clube, e o feito de celebrarlas conxuntamente permítennos unificar esforzos, reducir gastos e darlle un impulso tanto a un como ao outro evento. Este ano tivemos de novo o placer de contar coa colaboración de Zainat Fotografía, o que lle da un carácter máis profesional a este apartado. O que foi unha mágoa é que non todos puidesen asistir", laiándose da ausencia dalgún dos compoñentes do plantel de xogadores e de Valentín Estévez "Tilín", adestrador do equipo xuvenil, que non puido acudir por un problema de índole familiar. Ademais quixo facer referencia ao lugar escollido para a realización das instantáneas. "Escollemos área traseira das bancadas, a carón da zona de aparcamento, para aproveitar a magnífica panorámica coa ría de Arousa ao fondo, unhas vistas e un marco do que poucos poden presumir". Tino Melón, outro representante da Xunta Directiva detívose noutro dos aspectos máis relevantes deste tipo de xuntanzas. "Sempre prestamos moita atención ao apartado gastronómico. Neste caso apostamos por un picoteo con produtos da terra. Houbo mexillóns, callos, paella, tortilla, canapés e doces e aperitivos. A xulgar polos comentarios dos asistentes eu creo que a xente marchou contenta e con bo sabor de boca". Jonathan Crespo, adestrador do equipo benxamín, e responsable técnico de trazar as liñas de formación no fútbol base da entidade fixo fincapé no aspecto deportivo. "Foi unha oportunidade para que os nosos xogadores e xogadoras se xuntasen e compartisen uns momentos en común, algo que non sempre é fácil, porque aínda que militan no mesmo clube non sempre se da a ocasión para que coincidan. Ademais puideron lucir a equipación oficial, como se dun partido se tratase, e disputar unha pachanga na que benxamíns, alevíns, infantís, xuvenís ou xogadoras do equipo feminino participaron". Por último, Miro Guzmán, afeccionado fiel e un dos principais patrocinadores cos que conta o clube, resaltou o carácter familiar e o ambiente que se viviu no acto. "É moi importante realizar este tipo de actos. Ver como os xogadores e xogadoras dos distintos equipos e as xentes do Armenteira C.F. se xuntan nunha ocasión deste tipo faime sentir moi orgulloso de pertencer a esta entidade. Antes de estar aquí estiven noutros clubes e podo asegurar que o ambiente, a forma de ver o fútbol e, sobre todo, o trato que se da no Armenteira C.F. é especial e único".

















sábado, 23 de decembro de 2017

O Armenteira C.F. prevé reunir a máis dun centenar de persoas na súa xuntanza de Nadal

O Armenteira C.F. prevé reunir a máis dun centenar de persoas na xuntanza de Nadal que celebra este domingo 24 de decembro nas instalacións do campo de O Leixo. O acto, que se desenvolverá a partires das 11:00 horas constará de varias partes, entre as que destacan a realización da sesión fotográfica oficial para a temporada 2017/2018, unha serie de partidiños entre representantes do corpo técnico, da Xunta Directiva e do plantel de xogadores e xogadoras e un picoteo no que non faltarán as coñecidas delicias gastronómicas que en forma de pinchos e aperitivos se soen servir nun campo de O Leixo ao que a maior parte dos afeccionados e afeccionadas ao fútbol comezan a valorar non só como un escenario deportivo senón tamén como un templo do bon comer. Por segundo ano consecutivo Zainat Fotografía encargarase de dirixir a sesión fotográfica, pola que desfilarán os máis de oitenta xogadores e xogadoras cos que conta a entidade de O Leixo. O equipo benxamín, o equipo alevín, o equipo infantil, o equipo xuvenil, o equipo sénior feminino, a Xunta Directiva e unha fotografía conxunta posarán ante a camára deste profesional da fotografía. E todo ela estará amenizado por unha ambientación musical a ritmo de panxoliñas e dos éxitos do momento. Por este motivo dende a Xunta Directiva convidan a todas aquelas personas vinculadas dunha ou doutra maneira co Armenteira C.F. a asistir a unha xuntanza coa que pretenden conservar unha tradición que se remonta aos inicios da andadura do clube. Entre os asistentes prevese que estean representantes das principais organizacións sociais da parroquia, dos partidos políticos e das institucións do concello de Meis e do Umia C.F., clube co que a entidade que preside Martín Casais estableceu un importante acordo de colaboración na presente campaña.


Triunfo do Armenteira C.F. xuvenil para romper case dous meses de mala racha

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - MORAÑA C.F. - 4 - 1
ARMENTEIRA C.F.: Marin; Gabriel, André, Fari, Diego Berreco, Valo; Dimitar, Jona, Mathias, Adrián Castro; Alberto. Tamén xogaron Sergio García, Hilias, Roberto Torres e David Piñeiro.
GOLES: 1-0. Minuto 3. Mathias. 2-0- Minuto 9. Adrián Castro. 3-0. Minuto 20. Dimitar. 4-0. Minuto 75. Alberto. 4-1. Minuto 87. Marcos Vega.
ÁRBITRO: Santiago Blanco. Mostrou cartóns amarelos a Mathias por parte do Armenteira C.F. e a Marcos Vega por parte do Moraña C.F.
INCENDENCIAS: Partido da décimo cuarta xornada da Segunda Xuvenil, Grupo 9, disputado no campo de A Bouza, en Barrantes, ante preto de corenta espectadores, nunha tarde fresca e soleada e sobre un céspede artificial en óptimas condicións.

CRÓNICA
O equipo xuvenil do Armenteira C.F. volveu atoparse co triunfo no partido disputado na tarde deste sábado ante o Moraña C.F. Poucos lembraban a última vitoria, que databa do 29 de outubro, e fora tras un memorable encontro en Pombal ante o C. Juventud Cambados "B". Dende entón o cadro que adestra Valentín Estévez "Tilín" encadeou unha racha negativa na que só conseguiu puntuar ante o Meaño F.C. nun intenso e polémico partido que rematou con empate a tres goles. No caso deste sábado tratouse dunha vitoria cómoda, sustentada na efectivade ante a portería contraria non primeiros minutos e na superioridade que mostrou o conxunto verdinegro á hora de resolver nunha e noutra área. O encargado de inaugurar o marcador sería Mathias, ao conectar unha espléndida cabezada dentro da área rival. Escasos minutos despois un disparo raso de Adrián Castro dende o borde da área colaríase á esquerda do meta visitante José Senín. O propio Adrián protagonizaría o terceiro tanto, ao realizar unha xogada individual polo costado esquerdo e e dar unha magnífica asistencia a Dimitar, que só tivo que empurrar o balón ao fondo das mallas morañesas. No segundo período a situación case non variou. O Armenteira C.F. era superior, pero seguía movéndose no medio dunha relativa desorde e abusaba excesivamente do fútbol directo e dos balóns aéreos. A calidade de Mathias na zona de creación e a omnipresenza de Adrián Castro, bullicioso e loitador como de costume, guiaban a un conxunto verdinegro que apenas pasaba apuros ante un rival que trataba de combinar e xogar o coiro con criterio, pero ao que non lle quedaba máis remedio que irse resignando a medida que transcurrían os minutos. Poucos apuros pasaría a meta que nesa parte do encontro defenderon de forma sucesiva Marin e Roberto Torres. Un contragolpe que rematou cun balón en profundidade cara a Alberto, e no que o atacante de Vilariño non fallou no man a man ante o gardamallas adversario poría o catro a cero. Coa relaxación que permitía a vantaxe no electrónico de A Bouza o Moraña C.F. aproveitou para poñer a proba o sistema defensivo do cadro que dirixe Valentín Estévez "Tilín". Un lanzamento dende o borde da área de Marcos Vega sorprendía a Roberto Torres e colábase pegado ao pau esquerda da súa portería para outorgar o gol da honra aos das terras altas do Umia. Con este triunfo o Armenteira C.F. sitúase na décima posición con dezasete puntos. A próxima cita será xa no 2018, o 13 ou 14 de xaneiro ante no campo de O Revel ante un dos equipos máis potentes do grupo, o Vilalonga F.C., quinto clasificado con vintecatro puntos.




venres, 22 de decembro de 2017

O Café Bar O´Comercio reúne á súa clientela para celebrar o Nadal

O Café Bar O´Comercio reuniu este venres 22 de decembro a boa parte da súa clientela habitual nunha cea de Nadal que contou coa presenza de máis de 50 comensais. A iniciativa partiu de Javier, que dende o pasado mes de xuño rexenta este establecemento, un dos máis emblemáticos e coñecidos da parroquia de A Armenteira e da contorna. Tras varios anos no mundo da hostalalaría este veciño de Saiar, en Caldas de Reis, decidiu tomar o relevo de Serafín Melón e porse á fronte deste negocio. A súa profesionalidade, así como a súa calidade humana e o seu carácter afable axiña calaron e se gañaron o aprezo da clientela. Como agasallo a esta fidelidade a xerencia do local organizou este ano un banquete que conseguiu xuntar en torno a unha mesa a todas aquelas persoas que acuden ao Café Bar O´Comercio con relativa frecuencia, pero que na maior parte dos casos e por diversos motivos non acaban coincidindo e compartindo os momentos dos cafés, das copas ou dos afamados pinchos que alí se serven. Deste xeito, a idea de Javi permitiu que os asistentes puidesen reunirse e poñer en común historias, anécdotas e risas e enconmendarse á sorte que non deparou o Sorteo Extraordinario de Nadal mercando os boletos da Lotería Nacional que o Armenteira Club de Fútbol pon á venda para a próxima cita coa fortuna, a do 6 de xaneiro de 2018, e que foron adquiridos cun éxito máis ca notable, esgotando practicamente as existencias das que dispoñían.


domingo, 17 de decembro de 2017

O Armenteira Veteranos atópase de novo a vitoria en A Estrada

FICHA TÉCNICA
A ESTRADA VETERANOS - ARMENTEIRA VETERANOS - 0 - 2
ARMENTEIRA VETERANOS: Jose Outón; Jorge Dávila, Óscar Muñiz, Óscar Barreiro, Portas; Marcial, Carlos, Joserra, Marcos; Manueliño e Jorge Castro. Tamén xogaron Martín e Joseíño.
GOLES: 0-1. Minuto 81. Jorge Castro, de penalti. 0-2. Minuto 89. Marcial
ÁRBITRO: Argibay Suárez. Mostrou cartóns amarelos a Javier Álvarez e Pablo Bernárdez por parte do A Estrada Veteranos e a Marcos e a Portas polo Armenteira Veteranos.
INCIDENCIAS: Partido da decimo cuarta xornada da Segunda Galicia de Veteranos, Grupo 2, disputado no campo Municipal Manuel Regueiro de A Estrada ante apenas cinco espectadores, nunha tarde fría e sobre un terreo de xogo cun céspede artificial excesivamente gastado.

CRÓNICA
O Armenteira Veteranos volveu este sábado a lograr un triunfo tras cinco xornadas sen facelo. Daquela fora ante a A.C.D. Monte Xesteiras. Uzal Seguros no campo de A Ran, en Cuntis. Desta volta foi ante o A Estrada Veteranos, nun campo que ten resonancias históricas para o fútbol de A Armenteira, xa que alí foi onde o equipo sénior feminino do Armenteira C.F. logrou a pasada temporada a primeira vitoria da súa curta existencia. En canto ao partido deste sábado, pouca historia tivo no que a fúbol se refire. O Armenteira Veteranos saiu frío, desconectado e con moitas dúbidas. Quizais a elo puido contribuír o horario do partido, as 16:00 horas, que apenas deu tempo a comer aos xogadores do clube verdinero que fixeron a súa chegada ás instalacións deportivas da terra de Tabeirós minutos antes de comezar o encontro. De feito, cando faltaban 15 minutos, só contaban coa presenza de dous compoñentes do equipo. A primeira metade caracterizouse polo pobre espectáculo futbolístico. Os locais trataban de elaborar, pero non eran quen de crear demasiado perigo ante a meta defendida por Jose Outón. Só os despistes defensivos dos de A Armenteira, principalmente á hora de tirar a liña do fora de xogo, deron algo de chance aos estradenses. Tampouco o Armenteira Veteranos se deixaba ver con frecuencia polas inmediacións da meta dos de A Estrada. Algunha acometida de Manueliño ou Jorge Castro e, sobre todo, un despexe dun defensor local que o porteiro evitou que se introducise pola escadra da súa propia portería foron as accións máis destacables dos visitantes nesta parte do partido. No segundo período o Armenteira Veteranos xa se moveu con máis comodidade. O xogo desenvolvíase principalmente na zona do campo defendida polos de A Estrada e as aparicións de Jorge Castro en ataque eran cada vez máis habituais. Pero non faltou algún susto, como nun balón perdido na zona dereita da defensa verdinegra, que deu lugar a un rápido contragolpe conducido con gran velocidade por Juan Rodríguez, que se atopou coa saída dun Jose Outón moi acertado nesta ocasión. Un erro do meta local Daniel Prieto, ao intentar xogar co pé un balón na zona esquerda do córner, permitiu que Jorge Castro recuperase o coiro e o cedese a Manueliño, que disparou, pero as mans dun defensor local impediron o gol. O penalti decretado polo colexiado foi transformado por Jorge Castro, permitiron que o seu equipo vivise con tranquilidade os minutos restantes. Aínda houbo tempo a que o Armenteira Veteranos mantense na undécima posición, con once puntos. A próxima cita será xa no 2018, o 13 de xaneiro ante o Sisán Veteranos, sétimo clasificado con 21 puntos.



















martes, 12 de decembro de 2017

A capital do xabón

Quen teña uns coñecementos básicos de química saberá que o xabón é un produto que se elabora a partires dunha reacción química entre hidróxido de sodio ou hidróxido de potasio e algún ácido graxo, que pode ser graxa de porco, aceite de coco, aceite de oliva ou ben glicerina. Utilizado xeralmente para hixiene persoal pero tamén para o lavado de determinados obxectos ou para decorar pódese atopar en forma de pastillas, po ou cremas. Pois este produto tan útil e necesario na vida diaria das persoas ten dende fai uns anos en A Armenteira un lugar de referencia en canto á súa produción. As monxas do famoso mosteiro cisterciense que existe na parroquia elaboran de forma artesanal varios tipos de xabóns que en pouco tempo acadaron un elevado prestixio e recoñecemento no mercado. As camelias, as castañas, os eucaliptos, o mel ou as prantas de xardín, case todas elas recollidas nos arredores da espléndida paraxe na que se sitúa o cenobio, serven de materia prima para a elaboración deste demandado produto. Nas instalacións da pequena fábrica recementemente construída nas dependencias do mosteiro a comunidade de relixiosas encárgase de realizar un traballo en equipo perfectamente organizado e no que a cada unha corresponde unha función. Unhas ocúpanse do deseño, outras da elaboración, outras do etiquetado, outras da montaxe das caixas... Toda unha serie de tarefas para que nada falte nun produto no que prima o carácter artesanal pero que non é alleo ás modernas técnicas de venda e mercadotecnia, xa que ademais de adquirilo na tenda que alberga o conxunto monacal tamén se promociona e é posible a compra a través de internet. Pois esa tradición que pouco a pouco se está impoñendo en A Armenteira, aproveitando os innumerables recursos que neste sentido ten a parroquia e o entorno pode converterse nunha vía de negocio e nunha alternativa de futuro para as xentes da zona. E por elo apostan dende a Asociación de Veciños e Veciñas de Armenteira, que este vernes 15 de decembro organiza un obradoiro de elaboración de xabón cosmético e xabón para a lavadora. A actividade, que se enmarca no programa formativo que a entidade está desenvolvendo durante o curso 2017/2018 celebrarase a partires das 19:00 horas na Casa de Cultura. Un experto na materia desprazarase ata este centro social para dirixir unha actividade eminentemente práctica e interactiva, á que convidan a participar aos veciños e veciñas e a todas as persoas interesadas nun tema que non só pode ter aplicación a nivel doméstico, senón que pode chegar a ser unha forma de vida e pode facer desta singular e artesanal mercadoría un produto emblemático e un dos principais referentes dunha parroquia á que xa podemos considerar como unha das capitais do xabón.


domingo, 10 de decembro de 2017

A E.D. Arousa S.D. lévase os tres puntos no medio do diluvio en A Bouza

A E.D. Arousa venceu por tres goles a cinco ao Armenteira C.F. no partido disputado na mañá deste domingo no campo de A Bouza, en Barrantes. Foi nun encontro no que o protagonismo principal correspondeu á borrasca Ana, que deixou un forte temporal de chuvia que condicionou o desenvolvemento dun partido no que o Armenteira C.F. mostrou unha clara melloría respecto das anteriores xornadas, pero no que non tivo o acerto nin a fortuna suficiente para lograr un resultado máis favorable. O técnico local Valentín Estévez "Tilín" presentou un once inicial con Marin baixo paus, unha liña de tres en defensa formada por Roberto Trigo, Diego Berreco e Jona, con Dimitri e Valo como carrileiros, André por diante da defensa, Mathias como organizador, Sergio García e Cristian Abal nos extremos e Alberto como dianteiro. E sería Alberto o que adiantaría aos locais aproveitándose dunha recuperación na saída do balón dos vilagarciáns que, a partires de entón buscaron con ímpetu a portería defendida por Marin, atopando o empate nunha xogada finalizada tras unha asistencia ao segundo pau que finalizaría Enrique Martínez. Volvería adiantar ao Armenteira C.F. Cristian Abal tras superar cun globo ao meta Fortes e enviar o balón co ombreiro ao fondo das mallas. Novamente Enrique Martínez poría a igualada e ao fío do descanso un balón en profundidade polo centro da defensa que os verdinegros non foron quen de curtar remataría co coiro nos pés de David Chan, tras un rexeitamento de Marin, e o futbolista arousán permitía que o seu equipo fose con vantaxe ao descanso. No segundo período o Armenteira C.F. volvería a poñer o equilibrio no electrónico de A Bouza tras un centro raso de Cristian Abal que finalizaría Alberto. Co partido cada vez máis aberto e co terreo de xogo invadido por amplas masas de auga a sorte e o acerto acabarían outorgando os tres puntos á E.D. Arousa. Nin unha clarísima ocasión de Cristian Abal tras unha excelente xogada individual do extremo de Vilariño pola banda esquerda, nin un lanzamento de falta que realizou este mesmo futbolista nin tampouco ningunha das demais ocasións dos locais remataron con éxito. En cambio si o fixo acción tras a que Cristian Laiño conseguiu o cuarto tanto, ante a desesperación dos futbolistas locais, que vían que a súa entrega e o tremendo esforzo que estaban realizando se quedaba inxustamente sen premio. O quinto tanto, obra tamén de Cristian Laíño, despois dunha xogada embarullada na que os defensores verdinegros non deron despexado un balón que se quedou paralizado entre a agua que cubría o céspede da meta defendida por Marin. Con este resultado a escadra que dirixe Valentín Estévez "Tilín" colócase na novena posición con catorce puntos, á espera de visitar o próximo sábado a partires das 19:30 horas ao Barro C.F. un conxunto que ocupa a décima plaza con trece puntos.