Buscar neste blog

martes, 12 de decembro de 2017

A capital do xabón

Quen teña uns coñecementos básicos de química saberá que o xabón é un produto que se elabora a partires dunha reacción química entre hidróxido de sodio ou hidróxido de potasio e algún ácido graxo, que pode ser graxa de porco, aceite de coco, aceite de oliva ou ben glicerina. Utilizado xeralmente para hixiene persoal pero tamén para o lavado de determinados obxectos ou para decorar pódese atopar en forma de pastillas, po ou cremas. Pois este produto tan útil e necesario na vida diaria das persoas ten dende fai uns anos en A Armenteira un lugar de referencia en canto á súa produción. As monxas do famoso mosteiro cisterciense que existe na parroquia elaboran de forma artesanal varios tipos de xabóns que en pouco tempo acadaron un elevado prestixio e recoñecemento no mercado. As camelias, as castañas, os eucaliptos, o mel ou as prantas de xardín, case todas elas recollidas nos arredores da espléndida paraxe na que se sitúa o cenobio, serven de materia prima para a elaboración deste demandado produto. Nas instalacións da pequena fábrica recementemente construída nas dependencias do mosteiro a comunidade de relixiosas encárgase de realizar un traballo en equipo perfectamente organizado e no que a cada unha corresponde unha función. Unhas ocúpanse do deseño, outras da elaboración, outras do etiquetado, outras da montaxe das caixas... Toda unha serie de tarefas para que nada falte nun produto no que prima o carácter artesanal pero que non é alleo ás modernas técnicas de venda e mercadotecnia, xa que ademais de adquirilo na tenda que alberga o conxunto monacal tamén se promociona e é posible a compra a través de internet. Pois esa tradición que pouco a pouco se está impoñendo en A Armenteira, aproveitando os innumerables recursos que neste sentido ten a parroquia e o entorno pode converterse nunha vía de negocio e nunha alternativa de futuro para as xentes da zona. E por elo apostan dende a Asociación de Veciños e Veciñas de Armenteira, que este vernes 15 de decembro organiza un obradoiro de elaboración de xabón cosmético e xabón para a lavadora. A actividade, que se enmarca no programa formativo que a entidade está desenvolvendo durante o curso 2017/2018 celebrarase a partires das 19:00 horas na Casa de Cultura. Un experto na materia desprazarase ata este centro social para dirixir unha actividade eminentemente práctica e interactiva, á que convidan a participar aos veciños e veciñas e a todas as persoas interesadas nun tema que non só pode ter aplicación a nivel doméstico, senón que pode chegar a ser unha forma de vida e pode facer desta singular e artesanal mercadoría un produto emblemático e un dos principais referentes dunha parroquia á que xa podemos considerar como unha das capitais do xabón.


Ningún comentario:

Publicar un comentario