A xuntanza deste ano do Armenteira C.F. destacou sobre todo polo seu aire innovador. Innovador pero respectuoso cunha tradición que se remonta aos inicios da andadura do clube, cando Julio Serén e o mítico Barreiras estaban á fronte dun ilusionado grupo de rapaces da parroquia e dos arredores. Entre as innovacións que decidiu poñer en práctica a Xunta Directiva que encabeza Martín Casais estivo a ubicación do acto: as instalacións do campo de O Leixo. Como sinala o propio Martín Casais "dispoñemos dun espazo amplo e moi axeitado para estas actividades no campo de O Leixo. Como xa se demostrou coa celebración da I COPA ARMENTEIRA se o bo tempo acompaña estas instalacións reúnen as condicións idóneas para eventos tanto deportivos como sociais. Temos o problema da falta de medios, aínda que o suplimos con moito traballo e imaxinación. Pouco a pouco imos collendo experiencia na realización deste tipo de actos, e considero, sen lugar a dúbidas, que nesta ocasión, ao igual ca nas anteriores, o solventamos con éxito". Outro representante da Xunta Directiva, Jorge Dávila, fixo mención a outra das novidades deste ano, o novo formato da sesión fotográfica oficial. "Este ano decidimos fusionar a sesión que fotografías oficiais coa xuntanza de Nadal. Son xa dúas tradicións moi arraigadas na historia do noso clube, e o feito de celebrarlas conxuntamente permítennos unificar esforzos, reducir gastos e darlle un impulso tanto a un como ao outro evento. Este ano tivemos de novo o placer de contar coa colaboración de Zainat Fotografía, o que lle da un carácter máis profesional a este apartado. O que foi unha mágoa é que non todos puidesen asistir", laiándose da ausencia dalgún dos compoñentes do plantel de xogadores e de Valentín Estévez "Tilín", adestrador do equipo xuvenil, que non puido acudir por un problema de índole familiar. Ademais quixo facer referencia ao lugar escollido para a realización das instantáneas. "Escollemos área traseira das bancadas, a carón da zona de aparcamento, para aproveitar a magnífica panorámica coa ría de Arousa ao fondo, unhas vistas e un marco do que poucos poden presumir". Tino Melón, outro representante da Xunta Directiva detívose noutro dos aspectos máis relevantes deste tipo de xuntanzas. "Sempre prestamos moita atención ao apartado gastronómico. Neste caso apostamos por un picoteo con produtos da terra. Houbo mexillóns, callos, paella, tortilla, canapés e doces e aperitivos. A xulgar polos comentarios dos asistentes eu creo que a xente marchou contenta e con bo sabor de boca". Jonathan Crespo, adestrador do equipo benxamín, e responsable técnico de trazar as liñas de formación no fútbol base da entidade fixo fincapé no aspecto deportivo. "Foi unha oportunidade para que os nosos xogadores e xogadoras se xuntasen e compartisen uns momentos en común, algo que non sempre é fácil, porque aínda que militan no mesmo clube non sempre se da a ocasión para que coincidan. Ademais puideron lucir a equipación oficial, como se dun partido se tratase, e disputar unha pachanga na que benxamíns, alevíns, infantís, xuvenís ou xogadoras do equipo feminino participaron". Por último, Miro Guzmán, afeccionado fiel e un dos principais patrocinadores cos que conta o clube, resaltou o carácter familiar e o ambiente que se viviu no acto. "É moi importante realizar este tipo de actos. Ver como os xogadores e xogadoras dos distintos equipos e as xentes do Armenteira C.F. se xuntan nunha ocasión deste tipo faime sentir moi orgulloso de pertencer a esta entidade. Antes de estar aquí estiven noutros clubes e podo asegurar que o ambiente, a forma de ver o fútbol e, sobre todo, o trato que se da no Armenteira C.F. é especial e único".
Ningún comentario:
Publicar un comentario