A E.D. Arousa venceu por tres goles a cinco ao Armenteira C.F. no partido disputado na mañá deste domingo no campo de A Bouza, en Barrantes. Foi nun encontro no que o protagonismo principal correspondeu á borrasca Ana, que deixou un forte temporal de chuvia que condicionou o desenvolvemento dun partido no que o Armenteira C.F. mostrou unha clara melloría respecto das anteriores xornadas, pero no que non tivo o acerto nin a fortuna suficiente para lograr un resultado máis favorable. O técnico local Valentín Estévez "Tilín" presentou un once inicial con Marin baixo paus, unha liña de tres en defensa formada por Roberto Trigo, Diego Berreco e Jona, con Dimitri e Valo como carrileiros, André por diante da defensa, Mathias como organizador, Sergio García e Cristian Abal nos extremos e Alberto como dianteiro. E sería Alberto o que adiantaría aos locais aproveitándose dunha recuperación na saída do balón dos vilagarciáns que, a partires de entón buscaron con ímpetu a portería defendida por Marin, atopando o empate nunha xogada finalizada tras unha asistencia ao segundo pau que finalizaría Enrique Martínez. Volvería adiantar ao Armenteira C.F. Cristian Abal tras superar cun globo ao meta Fortes e enviar o balón co ombreiro ao fondo das mallas. Novamente Enrique Martínez poría a igualada e ao fío do descanso un balón en profundidade polo centro da defensa que os verdinegros non foron quen de curtar remataría co coiro nos pés de David Chan, tras un rexeitamento de Marin, e o futbolista arousán permitía que o seu equipo fose con vantaxe ao descanso. No segundo período o Armenteira C.F. volvería a poñer o equilibrio no electrónico de A Bouza tras un centro raso de Cristian Abal que finalizaría Alberto. Co partido cada vez máis aberto e co terreo de xogo invadido por amplas masas de auga a sorte e o acerto acabarían outorgando os tres puntos á E.D. Arousa. Nin unha clarísima ocasión de Cristian Abal tras unha excelente xogada individual do extremo de Vilariño pola banda esquerda, nin un lanzamento de falta que realizou este mesmo futbolista nin tampouco ningunha das demais ocasións dos locais remataron con éxito. En cambio si o fixo acción tras a que Cristian Laiño conseguiu o cuarto tanto, ante a desesperación dos futbolistas locais, que vían que a súa entrega e o tremendo esforzo que estaban realizando se quedaba inxustamente sen premio. O quinto tanto, obra tamén de Cristian Laíño, despois dunha xogada embarullada na que os defensores verdinegros non deron despexado un balón que se quedou paralizado entre a agua que cubría o céspede da meta defendida por Marin. Con este resultado a escadra que dirixe Valentín Estévez "Tilín" colócase na novena posición con catorce puntos, á espera de visitar o próximo sábado a partires das 19:30 horas ao Barro C.F. un conxunto que ocupa a décima plaza con trece puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario