FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - MORAÑA C.F. - 4 - 1ARMENTEIRA C.F.: Marin; Gabriel, André, Fari, Diego Berreco, Valo; Dimitar, Jona, Mathias, Adrián Castro; Alberto. Tamén xogaron Sergio García, Hilias, Roberto Torres e David Piñeiro.
GOLES: 1-0. Minuto 3. Mathias. 2-0- Minuto 9. Adrián Castro. 3-0. Minuto 20. Dimitar. 4-0. Minuto 75. Alberto. 4-1. Minuto 87. Marcos Vega.
ÁRBITRO: Santiago Blanco. Mostrou cartóns amarelos a Mathias por parte do Armenteira C.F. e a Marcos Vega por parte do Moraña C.F.
INCENDENCIAS: Partido da décimo cuarta xornada da Segunda Xuvenil, Grupo 9, disputado no campo de A Bouza, en Barrantes, ante preto de corenta espectadores, nunha tarde fresca e soleada e sobre un céspede artificial en óptimas condicións.
CRÓNICA
O equipo xuvenil do Armenteira C.F. volveu atoparse co triunfo no partido disputado na tarde deste sábado ante o Moraña C.F. Poucos lembraban a última vitoria, que databa do 29 de outubro, e fora tras un memorable encontro en Pombal ante o C. Juventud Cambados "B". Dende entón o cadro que adestra Valentín Estévez "Tilín" encadeou unha racha negativa na que só conseguiu puntuar ante o Meaño F.C. nun intenso e polémico partido que rematou con empate a tres goles. No caso deste sábado tratouse dunha vitoria cómoda, sustentada na efectivade ante a portería contraria non primeiros minutos e na superioridade que mostrou o conxunto verdinegro á hora de resolver nunha e noutra área. O encargado de inaugurar o marcador sería Mathias, ao conectar unha espléndida cabezada dentro da área rival. Escasos minutos despois un disparo raso de Adrián Castro dende o borde da área colaríase á esquerda do meta visitante José Senín. O propio Adrián protagonizaría o terceiro tanto, ao realizar unha xogada individual polo costado esquerdo e e dar unha magnífica asistencia a Dimitar, que só tivo que empurrar o balón ao fondo das mallas morañesas. No segundo período a situación case non variou. O Armenteira C.F. era superior, pero seguía movéndose no medio dunha relativa desorde e abusaba excesivamente do fútbol directo e dos balóns aéreos. A calidade de Mathias na zona de creación e a omnipresenza de Adrián Castro, bullicioso e loitador como de costume, guiaban a un conxunto verdinegro que apenas pasaba apuros ante un rival que trataba de combinar e xogar o coiro con criterio, pero ao que non lle quedaba máis remedio que irse resignando a medida que transcurrían os minutos. Poucos apuros pasaría a meta que nesa parte do encontro defenderon de forma sucesiva Marin e Roberto Torres. Un contragolpe que rematou cun balón en profundidade cara a Alberto, e no que o atacante de Vilariño non fallou no man a man ante o gardamallas adversario poría o catro a cero. Coa relaxación que permitía a vantaxe no electrónico de A Bouza o Moraña C.F. aproveitou para poñer a proba o sistema defensivo do cadro que dirixe Valentín Estévez "Tilín". Un lanzamento dende o borde da área de Marcos Vega sorprendía a Roberto Torres e colábase pegado ao pau esquerda da súa portería para outorgar o gol da honra aos das terras altas do Umia. Con este triunfo o Armenteira C.F. sitúase na décima posición con dezasete puntos. A próxima cita será xa no 2018, o 13 ou 14 de xaneiro ante no campo de O Revel ante un dos equipos máis potentes do grupo, o Vilalonga F.C., quinto clasificado con vintecatro puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario