O Armenteira C.F. prevé reunir a máis dun centenar de persoas na xuntanza de Nadal que celebra este domingo 24 de decembro nas instalacións do campo de O Leixo. O acto, que se desenvolverá a partires das 11:00 horas constará de varias partes, entre as que destacan a realización da sesión fotográfica oficial para a temporada 2017/2018, unha serie de partidiños entre representantes do corpo técnico, da Xunta Directiva e do plantel de xogadores e xogadoras e un picoteo no que non faltarán as coñecidas delicias gastronómicas que en forma de pinchos e aperitivos se soen servir nun campo de O Leixo ao que a maior parte dos afeccionados e afeccionadas ao fútbol comezan a valorar non só como un escenario deportivo senón tamén como un templo do bon comer. Por segundo ano consecutivo Zainat Fotografía encargarase de dirixir a sesión fotográfica, pola que desfilarán os máis de oitenta xogadores e xogadoras cos que conta a entidade de O Leixo. O equipo benxamín, o equipo alevín, o equipo infantil, o equipo xuvenil, o equipo sénior feminino, a Xunta Directiva e unha fotografía conxunta posarán ante a camára deste profesional da fotografía. E todo ela estará amenizado por unha ambientación musical a ritmo de panxoliñas e dos éxitos do momento. Por este motivo dende a Xunta Directiva convidan a todas aquelas personas vinculadas dunha ou doutra maneira co Armenteira C.F. a asistir a unha xuntanza coa que pretenden conservar unha tradición que se remonta aos inicios da andadura do clube. Entre os asistentes prevese que estean representantes das principais organizacións sociais da parroquia, dos partidos políticos e das institucións do concello de Meis e do Umia C.F., clube co que a entidade que preside Martín Casais estableceu un importante acordo de colaboración na presente campaña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario