O equipo infantil do Armenteira C.F. conseguiu impoñerse por cinco goles a un no partido que na mañá deste domingo o mediu ao C. Vilagarcía S.D. O cadro verdinegro presentou un once de partida con Sergio baixo paus, Migui, Xoán, Sebas e Andrei en defensa, con Santi e Álex Ruel na zona central do medio campo, con Mosteiro e Jose Otero polos costados, con Carlos Pérez na media punta e con Piñeiro como único dianteiro. Tras o susto inicial do gol de Samuel Blanco para o conxunto visitante, os futbolistas que adestra Valentín Estévez "Tilín" seguiron mantendo o control do xogo e buscando con insistencia a meta contraria. Froito deste traballo chegaron os goles. Os balóns en profundidade buscando aos atacantes verdinegros foron letais para os vilagarcianos. Piñeiro con dous potentes disparos e Jose Otero cruzando sutilmente o balón ante a saída de Rubén Vázquez, daban a volta ao marcador antes de finalizar os primeiros corenta e cinco minutos. No segundo período o dominio dos locais foi aínda maior e de novo Jose Otero, que completaría un hat-trick, lograba dous goles máis para unha escadra á que as adversidades deste inicio de liga privaran de estrear o seu casilleiro de vitorias. Pouco tempo terán estes rapaces e rapazas para dixerir a euforia deste resultado positivo, xa que este mércores deberán disputar o partido aprazado correspondente á quinta xornada ante a S.D. Pontearnelas, un equipo que se sitúa na décimo terceira praza, xusto por abaixo da escadra de O Leixo, e á que lograron vencer por cero goles a dous no encontro que os enfrontou na presente pretemporada.
Buscar neste blog
domingo, 30 de outubro de 2016
A S.D. Pontearnelas lévase os tres puntos no mellor partido no que vai de temporada do equipo feminino do Armenteira C.F.
O equipo feminino do Armenteira C.F. afrontaba na tarde deste domingo, no campo de O Leixo, un dos duelos de rivalidade comarcal que debe disputar no presente campionato de liga. O rival era a S.D. Pontearnelas, un clube que decidiu apostar polo fútbol feminino fai xa unhas temporadas, e que conta cunha escadra potente e experimentada, situada na zona media alta da táboa no grupo 2 da Segunda División Feminina. Polas filas da entidade vermella pasaron Nerea Baños e Ángeles, dúas das xogadoras enroladas no novo proxecto do Armenteira C.F., polo que para estas rapazas era aínda unha cita máis especial. Nunha tarde soleada e cunha temperatura máis propia do mes de agosto, as bancadas de O Leixo poboáronse de veciños e veciñas da parroquia de A Armenteira e de distintos lugares da comarca para disfrutar dun espectáculo como é o do fútbol feminino, que ano a ano vai medrando en expectación. A vaga de lesións que están afectando ao cadro verdinegro dende o inicio de temporada fixo que o cadro técnico local só puidese dispoñer de catorce xogadoras para afrontar este importante partido. As locais presentaron un once inicial con Uxía na portería, con Fátima, Diana, María e Laura na liña defensiva, con Naomi, Raquel e Ana Martínez na zona de creación e con Ángeles, Ana Lorenzo e Mar na punta de ataque. Os desaxustes defensivos e a falta de contundencia nos minutos iniciais axiña puxeron en vantaxe á S.D. Pontearnelas, que se foron ao descanso co partido practicamente sentenciado. Cero goles a oito eran unha renda suficiente para unha segunda metade na que o corpo de adestradores que dirixe Marcial Prado decidiu facer algunhas variacións tácticas que deron resultado e reactivaron o equipo, moito máis sólido a partires de entón e que chegou a rondar a meta contraria en varias ocasións, pero a falta de fortuna impediu que o balón rematase no fondo das mallas vermellas. Non se movería o marcador neste segundo período, un feito a valorar na lenta pero continua progresión que está a levar a cabo este grupo de xóvenes futbolistas. Entre elas, unha das máis satisfeitas ao rematar o encontro era María, que por motivos de estudo apenas pode adestrar e xogar coas súas compañeiras, e que puido disputar os noventa minutos e disfrutar do deporte que apaixona a esta moza vilagarciana. A próxima fin de semana as rapazas do Armenteira C.F. deberá desprazarse ata as terras do Barbanza onde se medirá, no campo de As Vilas, en Rianxo, ao C.D. Unión, unha escadra que tampouco conseguiu puntuar no que vai de liga.
Triunfo contundente do equipo benxamín do C.D. Ribadumia en A Senra
O equipo benxamín do C.D. Ribadumia venceu de forma clara e contundente ao Armenteira C.F. no partido que disputaron na mañá deste domingo no campo de A Senra-2. O conxunto aurinegro impuxo a súa superioridade e maior experiencia fronte aos rapaces e rapazas que dirixiu Alba Barral. Os dous tantos nos intres iniciais decantaron xa dende o primeiro momento o encontro para os locais. O gol de Brais Charlín, culminando unha bonita xogada individual pola banda esquerda serviu para dar algo de emoción aos primeiro minutos, pero, enseguida se encargou o C.D. Ribadumia de deixar clara a diferenza que a día de hoxe existe entre estas dúas escadras. O marcador final de once goles a cero é un dos moitos indicativos a ter en conta por parte da entidade de O Leixo de cara ao proceso de formación que están desenvolvendo con este grupo de nenos e nenas, pero non é nin moito menos o máis relevante. A próxima fin de semana a formación verdinegra recibirá a visita no campo de O Leixo do C.D. Mosteiro, un equipo que ocupa a sétima posición con cero puntos, polo que se prevé un derbi intenso e igualado sobre o céspede artificial do campo Municipal de Zacande.
sábado, 29 de outubro de 2016
Duelo de rivalidade con sabor verdinegro
Moitos eran os alicientes que envolvían o partido que disputaron na tarde deste sábado o Armenteira C.F. e Boa Vila-Umia C.F. A proximidade entre as dúas localidades, que converte a Barrantes no núcleo urbano de referencia para os veciños e veciñas de A Armenteira, o atractivo turístico, cultural e relixioso da parroquia do concello de Meis, que fai que moitas persoas da vila do tinto se despracen ata as proximidades do mosteiro cisterciense para disfrutar dun paseo a través da Ruta da Auga e da Pedra, dos concurridos oficios relixiosos que se celebran na igrexa monacal ou das copas e das tapas que ofrecen os locais de hostelería. A todos estes alicientes hai que sumar os vínculos que unen aos xogadores dun e doutro equipo. No plantel do Armenteira C.F. militan varios xogadores que durante a súa carreira futbolística defenderon as cores do cadro vermello. Ademais son varios os lazos familiares e de amizade entre os compoñentes de ámbolos dous conxuntos. A todo isto hai que engadir que o delegado do Armenteira Veteranos é ao mesmo tempo vicepresidente do Umia C.F., clube no que integrou nas últimas temporadas o histórico equipo de veteranos do Boa Vila. Con este panorama prevíase un intenso duelo de rivalidade nun campo de O Leixo que, a pesares da agradable temperatura, rexistrou unha escasa afluencia de público. Tras uns minutos de tanteo o Armenteira Veteranos foi impoñendo o seu xogo directo e a súa maior pegada. Apoiados na notable actuación de Pellejo baixo os paus, na calidade no manexo do balón de Cacabelos na liña medular, na entrega continua de Manueliño en ataque e, sobre todo, no excelente traballo e sacrificio colectivo, os de O Leixo quixeron marcar a pauta do encontro dende o inicio. Os tres goles a cero que figuraban no marcador ao descanso, os tres obra dun Manueliño que partido a partido segue mostrando o seu excelente estado de forma, facían pensar que sería un triunfo plácido para os verdinegros. Pero pouca confianza é pouca ante un conxunto que conta nas súas filas con xogadores da talla de Nando, Vidal, Amando ou Martín Barral. Dúas galopadas de Vidal, que acabaron no fondo das mallas defendidas por Pellejo, apretaban o marcador e facían cundir o nerviosismo en O Leixo. Unha fermosa xogada colectiva, que rematou cunha perfecta definición de Javi, volvía a marcar distancias para os locais, pero, un disparo dende media distancia de Martín Barral, que sorprendeu cun efecto extrano ao gardamallas, deu emoción aos últimos minutos dun encontro, no que nin sequera a expulsión do capitán do Boa Vila, Amancio, tras as súas reiteradas protestas, evitou que o Armenteira Veteranos se librase dalgún ca outro susto. Este triunfo detén a traxectoria descendente do cadro verdinegro nas últimas xornadas e sitúao na sexta posición, con trece puntos. Na próxima xornada os de A Armenteira deberán desprazarse ata o campo de As Lombas para enfrontarse ao Fonte da Garza-Catoira Veteranos, décimo quinto clasificado con unicamente tres puntos.
Unha primeira metade repleta de erros condena ao equipo alevín do Armenteira C.F.
O equipo alevín sufriu unha contundente derrota por un gol a seis no partido que o mediu na mañá deste sábado á E.D. Poio. Baixo unha intensa calor, impropia das datas de outono nas que nos atopamos, o encontro estivo marcado dende o inicio pola tardanza en comparecer nas instalacións de O Leixo do colexiado encargado de dirixir o encontro, o que provocou que se tivese que comezar con trinta minutos de retraso. Quizais por este motivo ou quizais por tratarse dunha mañá de especial desatino para os rapaces e rapazas que adestran Luis e Alba Barral unha serie de erros encadenados foron determinantes para que o conxunto poiense se fose ao descanso co partido sentenciado. Primeiro foi unha falta de entendemento entre a defensa e o porteiro, que deu lugar a unha cesión que transformaron os visitantes. Logo un saque de falta dende a liña de córner que acabou na frontal da área, pillando ao equipo descolocado, e que tamén foi aproveitado polos de Poio, logo dous balóns altos que non chegaron a alcanzar os porteiros verdinegros... Erro tras erro, infortunio tras infortunio, levaron ao cadro amarelo cun resultado de cero a catro ao descanso. O intento de reacción do Armenteira C.F. na segunda metade baseouse máis na intensidade que na claridade do fútbol, abusando en exceso de balóns longos sen dirección definida que a duras penas atopaban a unha dianteira que pasou bastante inadvertida por O Leixo, a tono co resto do equipo. Este esforzo só atopou premio cando Íñigo conseguiu cabecear ao fondo das mallas da E.D. Poio un saque de curruncho perfectamente executado por Manu Meixús. Esta derrota, a terceira no que levamos de liga, mantén á escadra verdinegra na zona media baixa da clasificación do grupo 64 da Segunda autonómica benxamín, situación que agarda revertir no encontro que disputará a próxima xornada ante o C. Xuventude Cambados, ao que xa logrou vencer no partido que no que se cruzaron esta pretemporada durante o Trofeo Triangular San Ero 2016.
domingo, 23 de outubro de 2016
O C.D. Conxo fai valer a súa superioridade en A Merced
O C.D. Conxo demostrou a súa superioridade e venceu con claridade por once goles a cero ao equipo feminino do Armenteira C.F. no partido que disputaron na tarde deste domingo no campo de A Merced. O cadro técnico verdinegro decidiu apostar por un once inicial composto por Uxía baixo paus, Fátima, Alessandra, Diana e Laura na liña defensiva, Naomi, Nerea Baños e Ana Martínez na zona medular e por Ana Lorenzo, Nerea Porta e Mar na dianteira. Agardando a oportunidade dende o banquillo só se atopaba Raquel, nun cadro moi afectado polas numerosas baixas nas últimas xornadas. As xóvenes futbolistas do conxunto da parroquia santiaguesa asumiron dende o primeiro minuto o dominio do balón. Pases ao primeiro toque, controis orientados, triangulacións ou balóns en profundidade buscando a velocidade das súas xogadoras de banda foron parte do repertorio futbolístico que o cadro local exhibiu sobre o céspede artificial do campo de Conxo. Pouco puideron facer ante isto as rapazas que dirixiron Marcial Prado e Iván Borrageiros. Quizais o máis positivo para as de A Armenteira foi a reacción da segunda metade, na que por veces lograron sacudirse o dominio das locais, buscando a súa mellor arma ofensiva, a punta de velocidade de Mar. O próximo domingo as féminas do Armenteira C.F. volverán a disputar un novo duelo de rivalidade comarcal, neste caso ante a S.D. Pontearnelas, que ocupa a sétima posición con nove puntos e que ven de caír derrotada por un gol a cero ante o C. Xuventude Cambados.
Partido competido en O Leixo con vitoria final do equipo benxamín do Barro C.F.
O Barro C.F. levouse finalmente a vitoria por cero goles a catro no partido que disputou na mañá deste domingo ante o equipo benxamín do Armenteira C.F. Nun partido disputado e competido, con alternativas por ambos bandos o conxunto branco logrou impoñer a súa maior experiencia e o desequilibrio nos metros finais. Foi, sen dúbida, o mellor encontro no que levamos de temporada para os nenos e nenas que dirixen Luis e Alba Barral. Ordenados en defensa e combativos no mediocampo e na dianteira, os futbolistas da formación verdinegra conseguiron facerse co control do balón e que o xogo se mantivese durante bastantes minutos no campo contrario. A boa actuación de Ainoha no seu retorno á portería, a colocación de Saray e Ramón na liña de centrais, a loita de Óscar e Lucas unidos ao liderazgo de Sara Otero na zona media, o talento de Brais Charlín na mediapunta e a mobilidade de Uxía en ataque, xunto á aportación de Darío e Marcos nos minutos que saltaron ao campo, foron os principais argumentos dunha escadra en formación que día a día está dando mostras dos seus notables progresos. A próxima fin de semana o equipo benxamín do Armenteira C.F. deberá desprazarse ata o campo de A Senra para enfrontarse a un potente rival, o C.D. Ribadumia, cuarto clasificado con seis puntos.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)






