Buscar neste blog

sábado, 29 de outubro de 2016

Unha primeira metade repleta de erros condena ao equipo alevín do Armenteira C.F.

O equipo alevín sufriu unha contundente derrota por un gol a seis no partido que o mediu na mañá deste sábado á E.D. Poio. Baixo unha intensa calor, impropia das datas de outono nas que nos atopamos, o encontro estivo marcado dende o inicio pola tardanza en comparecer nas instalacións de O Leixo do colexiado encargado de dirixir o encontro, o que provocou que se tivese que comezar con trinta minutos de retraso. Quizais por este motivo ou quizais por tratarse dunha mañá de especial desatino para os rapaces e rapazas que adestran Luis e Alba Barral unha serie de erros encadenados foron determinantes para que o conxunto poiense se fose ao descanso co partido sentenciado. Primeiro foi unha falta de entendemento entre a defensa e o porteiro, que deu lugar a unha cesión que transformaron os visitantes. Logo un saque de falta dende a liña de córner que acabou na frontal da área, pillando ao equipo descolocado, e que tamén foi aproveitado polos de Poio, logo dous balóns altos que non chegaron a alcanzar os porteiros verdinegros... Erro tras erro, infortunio tras infortunio, levaron ao cadro amarelo cun resultado de cero a catro ao descanso. O intento de reacción do Armenteira C.F. na segunda metade baseouse máis na intensidade que na claridade do fútbol, abusando en exceso de balóns longos sen dirección definida que a duras penas atopaban a unha dianteira que pasou bastante inadvertida por O Leixo, a tono co resto do equipo. Este esforzo só atopou premio cando Íñigo conseguiu cabecear ao fondo das mallas da E.D. Poio un saque de curruncho perfectamente executado por Manu Meixús. Esta derrota, a terceira no que levamos de liga, mantén á escadra verdinegra na zona media baixa da clasificación do grupo 64 da Segunda autonómica benxamín, situación que agarda revertir no encontro que disputará a próxima xornada ante o C. Xuventude Cambados, ao que xa logrou vencer no partido que no que se cruzaron esta pretemporada durante o Trofeo Triangular San Ero 2016.


Ningún comentario:

Publicar un comentario