Buscar neste blog

domingo, 30 de outubro de 2016

A S.D. Pontearnelas lévase os tres puntos no mellor partido no que vai de temporada do equipo feminino do Armenteira C.F.

O equipo feminino do Armenteira C.F. afrontaba na tarde deste domingo, no campo de O Leixo, un dos duelos de rivalidade comarcal que debe disputar no presente campionato de liga. O rival era a S.D. Pontearnelas, un clube que decidiu apostar polo fútbol feminino fai xa unhas temporadas, e que conta cunha escadra potente e experimentada, situada na zona media alta da táboa no grupo 2 da Segunda División Feminina. Polas filas da entidade vermella pasaron Nerea Baños e Ángeles, dúas das xogadoras enroladas no novo proxecto do Armenteira C.F., polo que para estas rapazas era aínda unha cita máis especial. Nunha tarde soleada e cunha temperatura máis propia do mes de agosto, as bancadas de O Leixo poboáronse de veciños e veciñas da parroquia de A Armenteira e de distintos lugares da comarca para disfrutar dun espectáculo como é o do fútbol feminino, que ano a ano vai medrando en expectación. A vaga de lesións que están afectando ao cadro verdinegro dende o inicio de temporada fixo que o cadro técnico local só puidese dispoñer de catorce xogadoras para afrontar este importante partido. As locais presentaron un once inicial con Uxía na portería, con Fátima, Diana, María e Laura na liña defensiva, con Naomi, Raquel e Ana Martínez na zona de creación e con Ángeles, Ana Lorenzo e Mar na punta de ataque. Os desaxustes defensivos e a falta de contundencia nos minutos iniciais axiña puxeron en vantaxe á S.D. Pontearnelas, que se foron ao descanso co partido practicamente sentenciado. Cero goles a oito eran unha renda suficiente para unha segunda metade na que o corpo de adestradores que dirixe Marcial Prado decidiu facer algunhas variacións tácticas que deron resultado e reactivaron o equipo, moito máis sólido a partires de entón e que chegou a rondar a meta contraria en varias ocasións, pero a falta de fortuna impediu que o balón rematase no fondo das mallas vermellas. Non se movería o marcador neste segundo período, un feito a valorar na lenta pero continua progresión que está a levar a cabo este grupo de xóvenes futbolistas. Entre elas, unha das máis satisfeitas ao rematar o encontro era María, que por motivos de estudo apenas pode adestrar e xogar coas súas compañeiras, e que puido disputar os noventa minutos e disfrutar do deporte que apaixona a esta moza vilagarciana. A próxima fin de semana as rapazas do Armenteira C.F. deberá desprazarse ata as terras do Barbanza onde se medirá, no campo de As Vilas, en Rianxo, ao C.D. Unión, unha escadra que tampouco conseguiu puntuar no que vai de liga.


Ningún comentario:

Publicar un comentario