Buscar neste blog

domingo, 30 de outubro de 2016

Primeira vitoria da temporada para o equipo infantil do Armenteira C.F.

O equipo infantil do Armenteira C.F. conseguiu impoñerse por cinco goles a un no partido que na mañá deste domingo o mediu ao C. Vilagarcía S.D. O cadro verdinegro presentou un once de partida con Sergio baixo paus, Migui, Xoán, Sebas e Andrei en defensa, con Santi e Álex Ruel na zona central do medio campo, con Mosteiro e Jose Otero polos costados, con Carlos Pérez na media punta e con Piñeiro como único dianteiro. Tras o susto inicial do gol de Samuel Blanco para o conxunto visitante, os futbolistas que adestra Valentín Estévez "Tilín" seguiron mantendo o control do xogo e buscando con insistencia a meta contraria. Froito deste traballo chegaron os goles. Os balóns en profundidade buscando aos atacantes verdinegros foron letais para os vilagarcianos. Piñeiro con dous potentes disparos e Jose Otero cruzando sutilmente o balón ante a saída de Rubén Vázquez, daban a volta ao marcador antes de finalizar os primeiros corenta e cinco minutos. No segundo período o dominio dos locais foi aínda maior e de novo Jose Otero, que completaría un hat-trick, lograba dous goles máis para unha escadra á que as adversidades deste inicio de liga privaran de estrear o seu casilleiro de vitorias. Pouco tempo terán estes rapaces e rapazas para dixerir a euforia deste resultado positivo, xa que este mércores deberán disputar o partido aprazado correspondente á quinta xornada ante a S.D. Pontearnelas, un equipo que se sitúa na décimo terceira praza, xusto por abaixo da escadra de O Leixo, e á que lograron vencer por cero goles a dous no encontro que os enfrontou na presente pretemporada.


Ningún comentario:

Publicar un comentario