Buscar neste blog

sábado, 29 de outubro de 2016

Duelo de rivalidade con sabor verdinegro

Moitos eran os alicientes que envolvían o partido que disputaron na tarde deste sábado o Armenteira C.F. e Boa Vila-Umia C.F. A proximidade entre as dúas localidades, que converte a Barrantes no núcleo urbano de referencia para os veciños e veciñas de A Armenteira, o atractivo turístico, cultural e relixioso da parroquia do concello de Meis, que fai que moitas persoas da vila do tinto se despracen ata as proximidades do mosteiro cisterciense para disfrutar dun paseo a través da Ruta da Auga e da Pedra, dos concurridos oficios relixiosos que se celebran na igrexa monacal ou das copas e das tapas que ofrecen os locais de hostelería. A todos estes alicientes hai que sumar os vínculos que unen aos xogadores dun e doutro equipo. No plantel do Armenteira C.F. militan varios xogadores que durante a súa carreira futbolística defenderon as cores do cadro vermello. Ademais son varios os lazos familiares e de amizade entre os compoñentes de ámbolos dous conxuntos. A todo isto hai que engadir que o delegado do Armenteira Veteranos é ao mesmo tempo vicepresidente do Umia C.F., clube no que integrou nas últimas temporadas o histórico equipo de veteranos do Boa Vila. Con este panorama prevíase un intenso duelo de rivalidade nun campo de O Leixo que, a pesares da agradable temperatura, rexistrou unha escasa afluencia de público. Tras uns minutos de tanteo o Armenteira Veteranos foi impoñendo o seu xogo directo e a súa maior pegada. Apoiados na notable actuación de Pellejo baixo os paus, na calidade no manexo do balón de Cacabelos na liña medular, na entrega continua de Manueliño en ataque e, sobre todo, no excelente traballo e sacrificio colectivo, os de O Leixo quixeron marcar a pauta do encontro dende o inicio. Os tres goles a cero que figuraban no marcador ao descanso, os tres obra dun Manueliño que partido a partido segue mostrando o seu excelente estado de forma, facían pensar que sería un triunfo plácido para os verdinegros. Pero pouca confianza é pouca ante un conxunto que conta nas súas filas con xogadores da talla de Nando, Vidal, Amando ou Martín Barral. Dúas galopadas de Vidal, que acabaron no fondo das mallas defendidas por Pellejo, apretaban o marcador e facían cundir o nerviosismo en O Leixo. Unha fermosa xogada colectiva, que rematou cunha perfecta definición de Javi, volvía a marcar distancias para os locais, pero, un disparo dende media distancia de Martín Barral, que sorprendeu cun efecto extrano ao gardamallas, deu emoción aos últimos minutos dun encontro, no que nin sequera a expulsión do capitán do Boa Vila, Amancio, tras as súas reiteradas protestas, evitou que o Armenteira Veteranos se librase dalgún ca outro susto. Este triunfo detén a traxectoria descendente do cadro verdinegro nas últimas xornadas e sitúao na sexta posición, con trece puntos. Na próxima xornada os de A Armenteira deberán desprazarse ata o campo de As Lombas para enfrontarse ao Fonte da Garza-Catoira Veteranos, décimo quinto clasificado con unicamente tres puntos.










Ningún comentario:

Publicar un comentario