Buscar neste blog

domingo, 23 de outubro de 2016

O C.D. Conxo fai valer a súa superioridade en A Merced

O C.D. Conxo demostrou a súa superioridade e venceu con claridade por once goles a cero ao equipo feminino do Armenteira C.F. no partido que disputaron na tarde deste domingo no campo de A Merced. O cadro técnico verdinegro decidiu apostar por un once inicial composto por Uxía baixo paus, Fátima, Alessandra, Diana e Laura na liña defensiva, Naomi, Nerea Baños e Ana Martínez na zona medular e por Ana Lorenzo, Nerea Porta e Mar na dianteira. Agardando a oportunidade dende o banquillo só se atopaba Raquel, nun cadro moi afectado polas numerosas baixas nas últimas xornadas. As xóvenes futbolistas do conxunto da parroquia santiaguesa asumiron dende o primeiro minuto o dominio do balón. Pases ao primeiro toque, controis orientados, triangulacións ou balóns en profundidade buscando a velocidade das súas xogadoras de banda foron parte do repertorio futbolístico que o cadro local exhibiu sobre o céspede artificial do campo de Conxo. Pouco puideron facer ante isto as rapazas que dirixiron Marcial Prado e Iván Borrageiros. Quizais o máis positivo para as de A Armenteira foi a reacción da segunda metade, na que por veces lograron sacudirse o dominio das locais, buscando a súa mellor arma ofensiva, a punta de velocidade de Mar. O próximo domingo as féminas do Armenteira C.F. volverán a disputar un novo duelo de rivalidade comarcal, neste caso ante a S.D. Pontearnelas, que ocupa a sétima posición con nove puntos e que ven de caír derrotada por un gol a cero ante o C. Xuventude Cambados.


Ningún comentario:

Publicar un comentario