Buscar neste blog

sábado, 26 de marzo de 2022

Triunfo sufrido do Armenteira Veteranos ante o Castrelo C.F. Veteranos para consolidar o posto de promoción de ascenso

                                                                   FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA VETERANOS-CASTRELO C.F. VETERANOS - 2 - 1

ARMENTEIRA VETERANOS: Javi González; Jorge Dávila, Martín, Marcos, Moncho; Manolo, Rubén, José Pérez, Júnior, Galiñanes; e Jorge Castro. Tamén xogaron Marcial e Suso.

GOLES: 1-0. Minuto 69. Jorge Castro. 

ÁRBITRO: Santiago Iglesias. Mostrou cartóns amarelos a Galiñanes, Moncho e Jorge Castro por parte do Armenteira Veteranos, e a Jorge Velo, Rubén Méndez e Emilio Barrio por parte do Castrelo C.F. Veteranos.

INCIDENCIAS: Partido da décimo oitava xornada de liga do grupo A da Terceira Galicia de Veteranos, da zona de Pontevedra, disputado no campo de O Leixo, en A Armenteira, ante uns trinta espectadores, nunha tarde soleada e temperada, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos logrou superar a primeira reválida desde que ocupa postos de promoción de ascenso na presente liga. O cadro verde e negro, que accedera ás prazas de privilexio tras vencer na pasada fin de semana ao Salud S.D. Veteranos, soubo facer fronte á presión que supón ocupar estar entre os catro primeiros clasificados, e logrou unha sufrida vitoria por un tanto a cero sobre o Castrelo C.F. Veteranos no partido disputado na tarde deste sábado, 26 de marzo, no campo de O Leixo. De novo lastrado polas numerosas baixas, con tan só trece efectivos, algúns dos cales vén arrastrando molestias físicas ao longo das últimas semanas, o Armenteira Veteranos está demostrando unha capacidade de esforzo e sacrificio e unha solidez como bloque que están fóra de toda dúbida. O partido deste sábado foi reñido, igualado durante a maior parte dos minutos, pero, como sucedeu nas últimas xornadas, o cadro verde e negro agardou á recta final do encontro para impoñer a súa superioridade nos metros finais. Desde o inicio quedaba claro cal ía ser a intención de cada un dos conxunto. O Castrelo C.F. Veteranos apostaba por un fútbol máis combinativo, que buscaba principalmente atopar con envíos en profundidade a Dioni, o seu atacante máis incisivo e perigoso. Pola súa contra, o Armenteira Veteranos, con Javi González novamente como gardamallas de circunstancias, e con Martín ocupando unha das prazas no centro da defensa, agardaba no seu campo as acometidas rivais e, en canto podía, buscaba a Jorge Castro a través de balóns en longo. Con orde e seriedade, os locais apenas sufriron nesta primeira metade, aínda que tampouco gozaron de ocasións de demasiado perigo. A única oportunidade clara de gol clara nos primeiros corenta e cinco minutos estivo nos pés de Galiñanes, que tras recibir na área e recurtar a un adversario, empalmou un disparo de chapou o meta Carlos Ínsua nunha atinada intervención. Tras a reanudación, a tónica continuou sendo a mesma. Un Armenteira Veteranos ordenado e solidamente plantado no campo apenas sufría en defensa, ao tempo que ía gañando terreo e facéndose co control do xogo. A maior posesión neste segundo período permitiu que as ocasións fosen chegando con maior frecuencia, principalmente con Jorge Castro como protagonista. O atacante de Vilar, volveu demostrar as cualidades do que posiblemente sexa o mellor atacante do grupo e un dos dos futbolistas máis completos e valiosos da categoría. Xunto a el José Pérez foi de novo o dono da parcela central, combinando as súas enormes condicións físicas cunhas dotes técnicas á altura de poucos futbolistas da liga de veteranos. Eles dous, na compaña dun gran esforzo coral permitiron que o Armenteira Veteranos fose pouco a pouco gañando méritos para levarse o partido a medida que transcurrían os minutos. E como non, sería Jorge Castro, o que lograría o primeiro e único tanto do encontro, despois de culminar unha brillante acción individual, na que se desfixo de varios defensores, en base á súa potencia e dominio do balón. Puido incluso o combinado local acadar algún tanto máis neste segundo período, ante un Castrelo C.F. Veteranos, que tivo a Dioni bastantes minutos no banco de suplentes, e que, agás nos últimos suspiros do partido, apenas puxo en apuros a un Javi González que volveu firmar unha máis que aceptable actuación entre os tres paus. Os problemas físicos de Martín, que tivo que abandonar o encontro xa no tempo engadido a causa da enésima lesión que sufriu o centrocampista de Vilar no que vai de temporada, que se unía ás molestias que arrastraron ao longo de todo o partido Javi González ou Rubén, non impediron que os de A Armenteira se levasen outros tres puntos que serven para reforzar as súas aspiracións na liga. A próxima fin de semana, previsiblemente tamén con moitas ausencias, o Armenteira Veteranos deberá rendir visita ao campo de O Terrón, en Vilanova de Arousa, para medirse á E.F.B. Vilanova-Caleiro, un equipo con futbolista de gran nivel e que lidera con autoridade o grupo desde o comezo da liga. Con corenta e cinco puntos, nove máis que o seu inmediato perseguidor, o Zacande-Terras de Curro, o cadro vilanovés podería proclamarse matematicamente campión de liga se logra a vitoria no partido do próximo sábado.



venres, 25 de marzo de 2022

Eva López, Antonio Cores e Seyla María Domínguez levarán o protagonismo da parroquia de A Armenteira á ll Gala de Meisinas e Meisinos do Ano

 A parroquia de Armenteira terá un importante protagonismo na II Gala de Meisinas e Meisinos do ano que terá lugar este sábado, 26 de marzo, a partir das 20:30 horas, no Auditorio do Centro Multiusos de O Mosteiro. Na cerimonia recoñecerase o labor dalgunhas persoas naturais ou vencelladas ao municipio de Meis, con especial atención aos méritos acadados durante o ano 2021. Presentada polo coñecido xornalista ponteareán Terio Carrera, que xa conducira a primeira edición, a gala contará coas actuacións da Banda da Vertula, das Cantareiras Madialeva, do Dúo As Lembranzas, do grupo Os Druídas e de Chassé Centro Artístico, todas elas agrupacións musicais pertencentes ao territorio meisino. Serán galardonadas persoas como Dolores Calvo, presidenta da cooperativa Condes de Albarei, Marisol Bueno, cofundadora da Adega Pazo de Señoráns, Antonio Cores, Eva López, as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e os escritores e escritoras J.J.M. Veiga, Alberto Louzán e Seyla María Domínguez. O protagonismo de A Armenteira virá por parte de Antonio Cores, Eva López e Seyla María Domínguez, tres persoas naturais da parroquia, coa cal manteñen un estreito vínculo. Antonio Cores, veciño do lugar de San Amedio, será recoñecido por ceder ao Concello o terreo no que se atopa o centro rupestre de Outeiro do Cribo, do cal é propietario, para que se desenvolva nese lugar un proxecto de recuperación patrimonial. Antonio é unha persoa implicada desde fai anos en colectivos sociais e políticos a nivel parroquial e municipal, implicación que culminou con esta relevante cesión do terreo que alberga un dos principais valores arqueolóxicos da comarca. Xunto a el será tamén premiada Eva López, unha moza natural do lugar de O Busto, actualmente futbolista do Umia C.F. de Barrantes, co que está colleitando notables éxitos nas últimas temporadas. Formada na canteira do Armenteira C.F., Eva continuou a súa carreira no Atlético Arousana de Vilagarcía de Arousa, para recalar no ano 2016 no Umia C.F., clube no que experimentou unha gran progresión ata converterse na pasada temporada nunha das máximas goleadores da categoría na que milita, a Primeira Nacional, feito que contribuíu a que conseguise o premio á mellor xogadora semiprofesional galega que outorga a revista Galicia Sport. Na presente temporada Eva lidera a ránking de goleadoras do grupo. Finalmente, na II Gala de Meisinas e Meisinos de Meis recoñecerase asimesmo a Seyla María Domínguez, unha moza natural do lugar de O Busto, afeccionada á escritura e que escolleu as dependencias do Concello de Meis para presentar a súa obra "Bloody Reborn". Trátase de tres persoas de distintas xeración e con méritos ben diferenciados, pero todos eles loables para ser dignos merecedores e merecedoras dun galardón que non só valora o seu labor senón que pon de manifesto o relevante papel que ten a poboación de A Armenteira en eidos como o deporte, a cultura, o turismo ou a vida social da municipio e da comarca.


sábado, 19 de marzo de 2022

Un Armenteira Veteranos moi mermado resolve na segunda parte en Valga para colocarse en postos de fase de ascenso

                                                                     FICHA TÉCNICA

SALUD S.D. VETERANOS-ARMENTEIRA VETERANOS - 1 - 2
ARMENTEIRA VETERANOS: Javi González; Jorge Dávila, Carlos Castro, Marcos, Richi; Rubén, José Pérez, Júnior, Galiñanes; Jorge Castro e Suso.

GOLES: 0-1. Minuto 51. Jorge Castro. 0-2. Minuto 75. Jorge Castro. 1-2. Minuto 81. Pablo Carbajal.

ÁRBITRO: González Leiro. Mostrou cartóns amarelos a José Manuel Rodríguez e a Fernando Caeiro por parte do Salud S.D. Veteranos e a Richi por parte do Armenteira Veteranos.

INCIDENCIAS: Partido da décimo séptima xornada de liga do grupo A da Terceira Galicia de Veteranos, da zona de Pontevedra, disputado no campo Municipal de Campaña, en Valga, ante uns dez espectadores, nunha tarde temperada e nublada, e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos logrou unha importante vitoria na súa visita ao campo Municipal de Campaña, en Valga. O conxunto verde e negro presentábase moi mermado nun dos escenarios máis complicados da categoria. Ás numerosas baixas por lesión acumuladas ao longo das últimas xornadas uníanse outras por diversos motivos, polo cal o cadro de O Leixo acabou comparendo este sábado con tan só once futbolistas, entre eles algún que leva arrastrando molestias físicas. Foi un encontro equilibrado, principalmente no primeiro período, e no que o equipo visitante acabou impoñendo a súa maior pegada no segundo tempo. Desde os primeiros minutos parecía non ía ser fácil para o Armenteira Veteranos. Con todo, o conxunto verde e negro saiu coa intención de dominar e foi o que dispuxo das primeiras ocasións de certa claridade. Curiosamente ambas as dúas estiveron en pés de Suso, que ben puido poñer en franca vantaxe ao seu equipo se fose quen de materializalas. Nunha delas o balón, que ía en dirección á escadra, acabou impactando co pau esquerdo da meta defendida por Jeremy Blessin. Co paso dos minutos o Salud S.D. Veteranos foise sacudindo do dominio visitante e comezou a deixarse ver polas inmediacións da meta que circunstancialmente volvía defender Javi González. A ausencia de Sirra, de continúa aqueixado dunha lesión no xeonllo, foi suplida con éxito por Javi, ao igual que fixera no partido da xornada anterior ante o Zacande-Terras de Curro. A principal vía de perigo dos de Valga viña polo costado esquerdo, por onde o veloz Juan Agrasar trataba de poñer en apuros á liña defensiva dos de A Armenteira. Pero a falta de acerto no remate dos locais e a seguridade baixo paus de Javi González, impediron que o Salud S.D. Veteranos se adiantase no marcador. Foi posiblemente os momentos máis críticos para un Armenteira Veteranos, nun partido no que non sufriu excesivamente en defensa. Tras a reanudación a situación comezou a variar. Con José Pérez asumindo o mando na zona de creación, con Rubén tratando de percutir polo costado dereito e, sobre todo, coa presenza sempre intimidante de Jorge Castro en ataque, o Armenteira Veteranos tomou o control do encontro. Unha acción individual de Jorge Castro, que el mesmo culminou, significou o cero a un. Coa vantaxe no marcador, a confianza dos visitantes foi en aumento. Ao tempo, o Salud S.D. Veteranos adiantou liña e deixaba máis espazos en defensa, permitindo que os de A Armenteira puidesen montar con maior facilidade as súas sempre perigosas accións de contragolpe. Ante as acometidas dos valgueses o Armenteira Veteranos respondía cun gran traballo e esforzo colectivo. Con gran contundencia, Carlos Castro e Marcos repelían sen remordimentos cada envite local. E foi precisamente noutra acción de contragolpe na que de novo Jorge Castro anotaba para os verdinegros, que nos minutos seguintes puideron incluso aumentar a vantaxe  se o propio Jorge Castro ou José Pérez lograsen converter as ocasións das que dispuxeron  O cero a dous no marcador semellaba sentenciar o encontro pero, nun despiste do centro da zaga do Armenteira Veteranos, Juan Agrasar rematou de cabeza, obrigando a Javi González a realizar unha gran intervención, pero o coiro quedou morto na área pequena, para Pablo Carbajal acadase o primeiro e único tanto dos de Valga, que empurraron e buscaron con certa insistencia o empate nos últimos minutos, pero non foron quen de lograr o seu obxectivo, ao atoparse coa entrega e o sacrificio defensivo dos futbolistas verdinegros. Con este triunfo, o Armenteira Veteranos colócase na cuarta posición, con vinteséis puntos. De finalizar a liga neste posto, o cadro de O Leixo tería a opción de disputar a fase de ascenso a Segunda Galicia de Veteranos. A próxima fin de semana o equipo de A Armenteira poderá reafirmar estas aspiracións ante o Castrelo C.F. Veteranos, sexto clasificado, con vintetrés puntos, na que será unha nova final para un conxunto verdinegro que non quere perder a oportunidade de acabar a liga nos postos máis altos da táboa.

sábado, 12 de marzo de 2022

O Armenteira Veteranos remonta e vence ao Zacande-Terras de Curro no derbi municipal da liga de veteranos

 FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA VETERANOS-ZACANDE-TERRAS DE CURRO - 2 - 1
ARMENTEIRA VETERANOS: Javi González; Jorge Dávila, Carlos Castro, Marcos, Richi; Rubén, José Pérez, Martín, Júnior; Jorge Castro e Galiñanes. Tamén xogaron Marcial, Rafa e Suso.

GOLES: 0-1. Minuto 46. Adrián Sabarís. 1-1. Minuto 70. José Pérez. 2-1. Minuto 87. Jorge Castro. 

ÁRBITRO: Arís Arribas. Mostrou cartón amarelo a Adrián Sabarís e cartón amarelo por partida dobre a David Palacios, ambos os dous por parte do Zacande-Terras de Curro.

INCIDENCIAS: Partido da décimo sexta xornada de liga do grupo A da Terceira Galicia de Veteranos, da zona de Pontevedra, disputado no campo de O Leixo, en A Armenteira, ante uns dez espectadores, nunha tarde fresca e nublada, e sobre un terreo de xogo enlameado por zonas, a causa das intensas choivas caídas ao longo da mañá e durante os días anteriores.

  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos conseguiu levarse o partido da segunda volta do derbi municipal da liga de veteranos. Tras caer de forma clara e contundente no enfrontamento da primeira volta, o cadro verde e negro tomouse a revancha e foi quen de superar a un dos rivais de maior potencial do grupo, o Zacande-Terras de Curro, un dos máximos favoritos a optar ao ascenso de categoría. Tremendamente mermado polas ausencias de Óscar Muñiz, Carlos Muñiz, Bebeto, Cacabelos, Manolo, Moncho, Óscar Barreiro e, sobre todo, Sirra, o Armenteira Veteranos soubo facer fronte ás adversidades e remontar un encontro que se lle puxo especialmente complicado ao comezar a segunda metade. Se a pasada fin de semana o conxunto de O Leixo acusou duramente a ausencia de Sirra, un xogador diferencial, e sen lugar a dúbidas un dos mellores gardamallas da categoría, e sucumbiu por catro tantos a cero fronte ao Os Raposos no campo de A Lanzada, neste caso, con Javi González de carcerbeiro de circunstancias, o Armenteira Veteranos demostrou, en base a un exemplo de entrega e sacrificio colectivo, que, incluso nas situacións máis difíciles, é quen de plantar cara ou de vencer a calquera rival cos que comparte liga. Foi nun partido intenso, pero escasamente vistoso, nos que predominou o fútbol directo sobre o fútbol combinativo, e que foi medrando en tensión a medida que se achegaban os minutos finais. O Zacande-Terras de Curro presentábase en O Leixo con notables ausencias, entre elas a de Ricardo Fernández, o que é quizais o seu futbolista referencia, pero con Javier García, máximo artilleiro do grupo con vinteoito dianas. Nos primeiros minutos mantívose o equilibrio. O Armenteira Veteranos, moito máis acostumado á superficie de terra de O Leixo, sentíase cómodo no campo, e trataba de asumir o control do xogo e de pechar ao rival no seu campo. Pola súa contra, o Zacande-Terras de Curro tiña a súa principal de perigo coa velocidade de Marcial Cespón polo costado esquerdo. De feito, o veloz extremo dos de Zacande dispuxo da primeira gran oportunidade do partido ao presentarse, libre de marca, e tras aproveitar un erro no despexe do centro da defensa local, ante Javi González, aínda que, por fortuna para os verdinegros, o atacante visitante non logrou definiu coa precisión desexada. Co paso dos minutos, o Armenteira Veteranos foi cedendo o dominio e, na parte final da primeira metade, o Zacande-Terras de Curro deixouse notar con máis insistencia sobre a meta defendida por Javi González que, nos estertores do primeiro período, tivo que empregarse a fondo e lanzarse ao chan para reprimir un potente lanzamento desde o lado dereito do ataque visitante. O balón quedou morto na área, logrando despexalo a defensa verdinegra ante a sempre inquedante ameaza do ariete Javier Crespo. Tras a reanudación unha internada polo centro da zaga local de Adrián Sabarís, na que puxo a proba a súa velocidade e a súa capacidade para desbordar, e na que definiu con calidade ante Javi González, colocaba por diante ao Zacande-Terras de Curro. Apenas se levaba un minuto de xogo da segunda metade e parecía que a balanza se ía declinar do lado visitante. Ante un rival aparentemente superior, e sen Martín e Rafa, que tiveran que abandonar o campo mancados na primeira metade, sen Galiñanes, que tamén tivou que deixar o partido, e con Júnior con problemas físicos, todo indicaba que a misión de remontar, ou de canto menos empatar, resultaba pouco crible. Pero non se rendiu o Armenteira Veteranos e, apoiado na xerarquía de José Pérez na zona de creación, na forza e no desborde de Jorge Castro na punta de ataque e na calidade no golpeo de balón de Rubén, comezou a ver como as súas opcións no encontro non estaban perdidas. As tímidas aproximacións do primeiro treito da segunda metade non permitiron lograr o tanto do empate, que acabaría chegando no minuto 70, cando José Pérez rematou de cabeza, no centro da área, un envío de Rubén desde o saque de curruncho. Dispuxo a partir de entón o Armenteira Veteranos de máis ocasións para desnivelar o encontro, especialmente unha na que Jorge Castro non puido golpear correctamente o coiro cando estaba só ante o meta visitante, índose o disparo a escasos centímetros do pau dereito dos de Zacande. No minuto 87, cando parecía que o partido ía finalizar cun reparto de puntos, de novo a balón parado, e de novo unha magnífica asistencia de Rubén nun saque de falta desde o costado dereito do ataque verdinegro, era rematada no segundo pau por Jorge Castro, ante a euforia dos locais. Como no primeiro gol, o balón parado e un testarazo, con Rubén como asistente, volveron desarbolar á defensa do Zacande-Veteranos. Apurou os últimos intres o cadro visitante, que forzou unha serie de córners e faltas preto da área dos de A Armenteira, pero, o gran esforzo defensivo dos futbolistas verdinegros e a seguridade de Javi González baixo paus, permitiron que os tres puntos quedasen finalmente en O Leixo. A expulsión  nos últimos minutos de David Palacios por dobre cartón amarelo e unha pequena trifulca verbal ao finalizar o encontro, na que estiveron implicados algúns futbolistas do Zacande-Veteranos e un siareiro local, empañaron levemente un partido entre dous clubes veciños, no que en liñas xerais reinou a deportividade e o xogo limpo. Con esta vitoria, o Armenteira Veteranos colócase na quinta posición, con vintetrés puntos. Na próxima fin de semana, a formación verde e negra deberá rendir visita ao campo Municipal de Campaña, en Valga, para medirse ao Salud S.D. Veteranos, oitavo clasificado, con dezaoito puntos.







sábado, 26 de febreiro de 2022

O triunfo escápaselle nos minutos finais ao Armenteira C.F. feminino en O Mosteiro

                                                                FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA C.F.-CLUB DEPORTIVO AGAELA- 2 - 2
ARMENTEIRA C.F: Lola; Sara Torres, Luci; Cris, Anabel; e Antía. Tamén xogaron Paula Sineiro e Carla.

GOLES: 1-0. Minuto 20. Inés Nieto. 1-1. Minuto 28. Cris, de penalti. 2-1. Minuto 35. Valeria Oliveira. 2-2. Minuto 38. Luci. 2-3. Minuto 41. Cris. 3-3. Minuto 54. Valeria Oliveira. 4-3. Minuto 58. Valeria Oliveira.

ÁRBITRO: Aboufaris Boufaris. Non mostrou cartóns ás xogadoras nin ao corpo técnico de ningún dos dous equipos.

INCIDENCIAS: Partido da oitava xornada da segunda fase do grupo 1B Liga Feminina de Fútbol-7 que organiza a delegación de Vigo da Real Federación Galega de Fútbol, disputado no campo Municipal de Meis, en O Mosteiro, ante uns corenta espectadores, nunha soleada e despexada, cunha temperatura temperada, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións idóneas para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O equipo feminino do Armenteira C.F. estivo a piques de traer os tres puntos da súa visita ao campo Municipal de Meis. Pouco lle faltou ao cadro que dirixe Marcial Prado para alcanzar un triunfo que, ao tenor do visto sobre o campo de fútbol de O Mosteiro, podería facer xustiza ao ocorrido ao longo dos sesenta minutos de xogo. Nunha tarde de sábado soleada e cun excelente ambiente de fútbol no Municipal de Meis, e coa música de fondo das comparsas do desfile de Entroido que tiña lugar ao mesmo tempo polas rúas da capital do Concello de Meis, os equipos femininos da liga de fútbol-7 do C.D. Mosteiro e do Armenteira C.F. víanse as caras nun partido por terceira ocasión na temporada. Nas anteriores ocasións o triunfo caera do lado das de O Mosteiro, que de novo partían como claras favoritas, tendo en conta ademais as importantes ausencias coas que se presentaban as visitantes. Sen Alba por motivos laborais, e Rocío, Noelia, Sara Rey e Paula Padín por diversos problemas de saúde, parecía agardarse un triunfo cómodo para o cadro local. Nos primeiros minutos o C.D. Mosteiro decidiu asumir esa condición de favorito e fíxose coa posesión do balón e co control do xogo, aínda que non atopaba a forma de facer dano á defensa verdinegra. Pero, as mozas do Armenteira C.F., que este sábado estreaban a segunda equipación, unha vistosa camisola celeste patrocinada, ao igual que a equipación titular, pola empresa Desguaces Leiro, comezaron a deixarse ver polas inmediacións da meta local. A sociedade formada por Cris e Luci, dúas rapazas incorporadas recentemente ás filas da entidade verdinegra, cunha calidade que sobresae sobre o nivel medio da liga, eran a principal fonte de perigo das de A Armenteira. Os primeiros disparos a porta do partido correron a cargo de Cris, aínda que sería o C.D. Mosteiro o que se adiantaría no marcador. Foi tras unha combinación ofensiva local, no que Inés Nieto se atopa co balón na área e, case tropezando, arrastra o pé para enviar o coiro ao fondo das mallas defendidas por Lola. Non tardou en reaccionar o Armenteira C.F. e, nunha nova combinación entre Cris e Luci, esta última e derrubada na área por unha defensora do C.D. Mosteiro. A perfecta execución da pena máxima por parte de Cris servía para igualar o encontro. Na segunda metade a situación de equilibrio mantívose. Como na primeira metade, o C.D. Mosteiro dominaba a posesión, mentres que o Armenteira C.F. era quen armaba accións de maior perigo. Valeria Oliveira, tras recibir soa ante Lola, situaba de novo por diante ás locais pero, pouco despois, unha nova creación da sociedade Cris-Luci volver poñer o equilibrio no marcador. Unha excepcional asistencia de Cris deixaba soa a Luci ante Nuria Cores, para que a de Poio definise cunha gran mestría. Eran os mellores minutos do Armenteira C.F., que se vía con posibilidades de levarse os tres puntos e así, pouco despois, tras unha falta cometida sobre Antía, cando esta gañara unha disputa a unha rival nun envío en profundidade, Cris colocaba en vantaxe ás visitantes. A potencia do lanzamento foi tal que o coiro saiu rebotado cara o terreo de xogo, de xeito que entre o público houbo quen creu que o disparo non foi entre os tres paus. O pánico extendíase entre as xogadoras e a afección local, que se vían sorprendidos por un rival ao que venceran con facilidade nas dúas anteriores ocasións nas que se enfrontaran nesta campaña, e que, de saír derrotadas neste sábado de Entroido, perderían case todas as opcións de achegar ao título desta segunda fase da liga. Pero desta volta a fortuna aliaríase co cadro de O Mosteiro. Nunha xogada desgraciada, un balón sen apenas complicacións esvaraba das mans e colábase entre as pernas de Lola, permitindo que unha atenta Valeira Oliveira lograse o tres a tres. Xa cando o encontro chegaba á súa fin, un pelotazo cara a área do Armenteira C.F. que as zagueiras verdinegras non logran despexar de primeiras, e que acaba coa pelota botando na área, entre sucesivos despexes, permite que novamente Valeria Oliveira, que se asomaba libre de marca polo costado esquerdo, batese a Lola para culminar a remontada local. Aínda que as de A Armenteira trataron á desesperada de alcanzar canto menos o empate nas últimas accións, isto non foi posible, e o triunfo quedaría en O Mosteiro. A boa imaxe deixada polas verdinegras no Municipal de Meis contrastaba coa decepción dun resultado adverso, que consideraban inxusto. Pagou moi caros os seus erros o Armenteira C.F., que queda na quinta posición, con cinco puntos. Na próxima xornada a formación verdinegra deberá recibir no campo de O Leixo ao Tyde F.C. "B", que ocupa a cuarta posición, con nove puntos.







sábado, 19 de febreiro de 2022

Importante triunfo do Armenteira Veteranos ante o Godos C.F. nun partido de gran intensidade

                                                                 FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA VETERANOS-GODOS C.F. VETERANOS - 3 - 1
ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Carlos Castro, Óscar Barreiro, Moncho; Rubén, Javi González, José Pérez, Júnior; Galiñanes e Jorge Castro. Tamén xogaron Richi, Marcial, Marcos, Rafa, Manolo, Cacabelos e Suso.

GOLES: 0-1. Minuto 19. Carlos Mella. 1-1. Minuto 34. José Pérez. 2-1. Minuto 61. Jorge Castro. 3-1. Minuto 90. Jorge Castro.

ÁRBITRO: Carballal Pérez. Mostrou cartón amarelo a Luis Manuel Fernández por parte do Godos C.F. Veteranos.

INCIDENCIAS: Partido da décimo cuarta xornada de liga do grupo A da Terceira Galicia de Veteranos, da zona de Pontevedra, disputado no campo de O Leixo, en A Armenteira, ante uns vinte espectadores, nunha tarde soleada, pero fresca, e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos sacou adiante un dos partidos máis determinantes dos que tiña que afrontar no que resta de temporada. Era un partido clave porque visitaba o campo de O Leixo un dos máis directos rivais do cadro verdinegro, o sempre esixente e correoso Godos C.F. Veteranos. Se no partido de ida o encontro rematara en táboas tras unha intensa batalla futbolística entre os dous equipos, neste caso a vitoria caiu do lado dos de A Armenteira, e tamén foi nun encontro de gran intensidade. A tarde do sábado presentábase soleada no alto de O Busto, nun escenario ideal para disfrutar dunha xornada de fútbol. E o partido non defraudou. Desde o primeiro minuto ambos os dous conxuntos entregáronse ao máximo, cun gran desgaste físico. Con todo, o xogo desenvolvíase nas zonais centrais do campo e as ocasións tardaron en chegar. Tras unhas tímidas aproximacións do Armenteira Veteranos, sería o equipo visitante o que se encargaría de estrear o marcador. Foi tras unha acción de ataque dos de Caldas, na que houbo unha serie de despexes, que deron co coiro nos pés de Carlos Mella que, sen deixar caer o balón, empalmou unha portentosa volea que se colou pola escadra esquerda da meta defendida por Sirra. Abatido polo gol encaixado, custoulle repoñerse ao Armenteira Veteranos pero, guiado por Javi González e José Pérez desde a zona de mediocentros e coa presenza sempre amenazante de Jorge Castro na dianteira, os de O Leixo comezaron a gañar terreo e a deixarse ver polos arredores da portería do Godos C.F. Veteranos. A solidez da defensa visitante rompeuse cando José Pérez, despois de recoller un rexeitamento cara ao interior da área dos de Godos, enganchou un potente disparo ante o que nada puido facer o gardamallas Julián Carballo. O equilibrio no marcador ben o puido romper o veloz atacante Daniel Ospina, se que colocou polo centro da zaga verdinegra e se plantou man a man con Sirra, pero o cancerbeiro de Couso, sobervio unha vez máis, logrou evitar o gol. Tras a reanudación, o equilibrio persistiu no xogo, con alternativas por parte de ambos os dous bandos. Tras avisar por mediación de Jorge Castro e Rubén, con sendas oportunidades, sería o propio Jorge Castro, despois dunha rápida acción colectiva, na que recibiu unha magnífica asistencia de Suso, o que colocaría por diante ao Armenteira Veteranos. A lesión de Moncho, que se uniu á de Víctor, que nin sequera puido saltar ao terreo de xogo, e á de Marcial, que tivo que abandonar o campo tamén con problemas físicos, debilitaron á formación verde e negra, que viu ademais como Sirra, ao que reclamaban as obrigas laborais, tiña que irse do campo, cedendo a testemuña baixo os paus a Javi González. A merma de efectivos, xunto coa presión e as continuas acometidas do Godos C.F. Veteranos fixeron sufrir á defensa local, que tiña que se tiña que multiplicar para parar os ataques rivais. Sen ser capaz de manter a posesión, e en base a un fútbol excesivamente directo, o Armenteira Veteranos trataba de deter as entradas polos costados dun cadro rival máis fino á hora de manexar o balón. Pero, coma sempre, o contragolpe vou ser letal para os de O Leixo e, como non, con Jorge Castro como gran referencia. Houbo que agardar ao tempo engadido, aspecto no que o colexiado Carballal Pérez estivo xeneroso, engadindo aproximadamente uns cinco minutos, para que unha arrancada de Jorge Castro, cos de Godos emborcados sobre a meta local, rematase cunha fantástica definición por parte do dianteiro de Vilar. Unha vitoria por tres tanto a un, ante un rival directo, que permite que o Armenteira Veteranos supere na clasificación ao seu opoñente deste sábado, pero que, debido a que o equipo verdinegro lle correspondeu a xornada de descanso nada máis comezar a segunda volta e que, polo tanto, conta cun partido disputado menos ca a maioría dos equipos do grupo, manteñen aos de A Armenteira na quinta posición, con vinte puntos. Na próxima fin de semana o Armenteira Veteranos deberá rendir visita a outro rival directo, como Os Raposos, terceiro clasificado, con vintetrés puntos, de xeito que, de vencer en Noalla, igualarían a puntuación do seu adversario e poderían superalo na clasifación en base ao gol average.



sábado, 12 de febreiro de 2022

Contundente triunfo do Armenteira Veteranos en Baltar de Arriba ante o Dorrón C.F. Veteranos

 

                                                                     FICHA TÉCNICA


DORRÓN C.F. VETERANOS-ARMENTEIRA VETERANOS - 0 - 5
ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Carlos Muñiz, Óscar Barreiro, Moncho; Rubén, Javi González, José Pérez, Martín; Galiñanes e Jorge Castro. Tamén xogaron Júnior, Manolo e Marcial.

GOLES: 0-1. Minuto 2. Jorge Castro. 0-2. Minuto 13. Rubén. 0-3. Minuto 63. Marcial. 0-4. Minuto 71. Jorge Castro, de penalti. 0-5. Minuto 89. Javi González. 

ÁRBITRO: Suárez Méndez. Mostrou cartón amarelo a Benito Rey por parte do Dorrón C.F. Veteranos.

INCIDENCIAS: Partido da décimo terceira xornada de liga do grupo A da Terceira Galicia de Veteranos, da zona de Pontevedra, disputado no campo de Baltar de Arriba, en Sanxenxo, ante uns quince espectadores, nunha tarde-noite fresca e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos logrou unha contundente vitoria no partido disputado este sábado, 12 de febreiro, no campo de Baltar de Arriba ante o Dorrón C.F. Veteranos. Era o primeiro partido da segunda volta da liga para o equipo verde e negra eante un rival dunha parroquia colindante co que o Armenteira Veteranos sempre tivo unha especial rivalidade. O encontro foi cómodo para os de A Armenteira, que axiña se adiantaron no marcador e que pouco a pouco foron impoñendo a súa autoridade e a superioridade sobre o terreo de xogo. A nota de cor púxoa a enfervorizada afección que desprazou desde Dorrón a Baltar, que en todo momento estivo animando ao seu equipo, a pesares de que o marcador non era favorable aos intereses do conxunto que xogaba como local. Nada máis comezar Jorge Castro, nunha das súas clásicas arrincadas polo centro da defensa rival, quedábase ante o meta José Ramón Burgos, e colocaba en vantaxe ao Armenteira Veteranos. Concentrados e con confianza sobre o terreo de xogo, perfectamente dirixidos desde a zona de creación por Javi González e José Pérez os de A Armenteira fixéronse claros dominadores do xogo. Nunha acción combinativa, Rubén recibe unha asistencia de Jorge Castro desde a liña de fondo para poñer o cero a dous. A vantaxe no marcador provocou unha certa relaxación nos visitantes, que cederon algo de terreo na parte final do primeiro período, permitindo que o Dorrón C.F. Veteranos se aproximase algo ás inmediacións da meta defendida por Sirra, aínda que sen poñer en excesivos apuros ao gardamallas de Couso. No segundo período parecía que os de Dorrón querían asumir o control do xogo, e trataban de inquedar á defensa verdinegra. Ademais, o Armenteira Veteranos xa non contaba coa presenza de José Pérez, ao que as obrigas laborais obrigaron a abandonar o partido no tempo de descanso. As imprecisións e os desaxustes tácticos dos futbolistas visitantes non eran aproveitados por un cadro local bastante falto de pegada que sufría cada vez que os de A Armenteira realizaban unha xogada de contragolpe, nas que a figura de Jorge Castro resultaba tremendamente intimidante para os defensores locais. Tras dispoñer de varias ocasións para ampliar distancia no marcador, Marcial poría o tres a cero nun grave erro da defensa do Dorrón C.F., na que un defensor, despois de interceptar un ataque verdinegro, cedeu o balón a Marcial na área pequena, e o futbolista de O Marco non perdoaría. Os minutos finais foron un auténtico paseo para o Armenteira Veteranos, que incluso se permitiu o luxo de combinar, triangular e de deixar un variados repertorio de recursos técnicos, que non foron do agrado da afección de Dorrón que, ao tempo animaba aos seus xogadores, increpaba e lanzaba algúns apupos aos futbolistas visitantes. Chegarían dous tantos máis para o Armenteira Veteranos na recta final do encontro. Primeiro sería Jorge Castro, ao converter unha pena máxima cometida polo meta José Ramón Burgos sobre Javi González, e despois sería o propio Javi González, xa no minuto 89, o encargado de pechar a conta goleadora verdinegra cun potente lanzamento desde fóra da área, imposible de alcanzar para o cancerbeiro local. Con estes tres puntos o Armenteira Veteranos sitúase na sexta posición da táboa con dezasete puntos. Na próxima fin de semana a escadra verdinegra deberá recibir no campo de O Leixo ao Godos C.F. Veteranos, un equipo que atopa na quinta posición, con dezaito puntos, é dicir, un posto por enriba e cun punto máis que os de A Armenteira, na que será unha cita clave de cara ás súas aspiracións na liga, ante un rival que sempre resultou particularmente complicado para o Armenteira Veteranos.