Buscar neste blog

venres, 1 de setembro de 2017

O Leixo vive este sábado un día intenso de fútbol

O campo de O Leixo vivirá este sábado un día intenso de fútbol coa disputa de tres torneos, dous deles en horario de mañá e outro en horario de tarde. A xornada comeza ás 9:40 horas co torneo San Ero´2017 de categoría benxamín. Unión Dena C.F. e Armenteira C.F. mediranse na primeira semifinal e Umia C.F. e S.D. Pontearnelas na segunda. Deste enfrontamentos sairán os equipos que a partires das 11:20 horas loitarán polo título na gran final. Será a primeira proba de pretemporada para o conxunto que esta temporada dirixirán Jonathan Crespo e Eva López e que conta con varias novidades respecto da pasada campaña pero mantén pezas importantes como Darío, Marcos, Óscar, Lucas Otero, Uxía ou Brais Charlín. A continuación disputarase o Torneo Triangular San Ero`2017 de categoría infantil. C.D. Ribadumia, Unión Dena C.F. e Armenteira C.F. pelexarán por un título que o pasado ano se levou o cadro anfitrión. O equipo que adestran Luis e Alba Barral, que por motivos profesionais non poderán estar en O Leixo, afronta o primeiro test de preparación de cara a unha temporada na que as expectativas son elevadas dada a amplitude, a variedade de recursos e a competitividade deste grupo de rapaces e rapazas. Xa pola tarde terá lugar o I Memorial Chicho, no que o Meaño F.C. Veteranos, un combinado de A Armenteira e o Armenteira Veteranos se medirán nunha competición que servirá de homenaxe a Javier Martínez Ucha "Chicho", ex-xogador dos equipos de fútbol base e ex-vicepresidente do Armenteira C.F. e xogador do Armenteira Veteranos, falecido o pasado 28 de novembro nun tráxico accidente de tráfico. A lembranza de Chicho estará presente nesta homenaxe que os seus compañeiros e amigos e a gran familia do Armenteira C.F. e o Armenteira Veteranos queren brindarlle a unha persoa moi querida e aprezada e que deixou unha ampla pegada en ámbalas dúas entidades. O partido estará acompañado dunha serie de actos no que o protagonismo principal o terán Chicho e a súa familia. Para finalizar a xornada, a entrega de trofeos aos equipos participantes realizase na verbena na honra de San Ero que se celebrará no campo da festa.




Ningún comentario:

Publicar un comentario