Buscar neste blog

luns, 2 de xullo de 2018

O clube "low cost"

Se un termo se puxo de moda nos últimos anos ese é o de "low cost". Poderiamos atopar sinónimos no noso idioma como rebaixas, liquidación ou ganga, pero ningún deles chega a definir na súa totalidade este concepto. "Low cost" é un modelo de negocio, unha empresa ou un produto que se basea principalmente na redución de custos, e, como consecuencia tamén dos prezos ou das cotas a pagar. Pero iso non significa que baixe a calidade e o nivel de prestación do servizo, ao contrario, o modelo "low cost" ofrece un produto básico, funcional, sen extras, equivalente e que nada ten que envexar aos considerados tradicionais, polos que normalmente se soen abonar prezos máis elevados. Para levar a cabo unha iniciativas deste tipo é preciso deseñar unha proposta diferente, orixinal, cunha estratexia auténtica e alonxada dos modelos máis clásicos e cun plantexamento que resulte atractivo de cara ao público. Este tipo de modelos son comúns estanse impoñendo no mundo da empresa e do negocio, aínda que pouco a pouco se extán extendendo a outros ámbitos. Nas actividades sen ánimo de lucro, destinadas a unha labor social, cultural, recreativa ou deportiva, nos que a obtención de beneficios económicos non constitúe o fin principal o modelo "low cost" está tendo tamén cada vez máis presenza. Con todo, hai casos nos que este caso non é tan recente, senón que se remonta a varias décadas atrás, cando estas modernas estratexias comerciais e de negocio apenas eran coñecidas. Un caso singular, quizais único, é o do Armenteira C.F., un clube que dende os seus inicios, aló por setembro de 1995, decidiu non cobrar ningún tipo de cota aos xogadores e xogadoras por pertencer aos seus equipos. Pasaron dúas décadas, varias Xuntas Directivas, corpos técnicos e xeracións de futbolistas e o modesto clube do concello de Meis mantivo intacta a súa filosofía. Contrariamente ao que se podería pensar este empeño en manterse fiel a uns principios non mermou o potencial da entidade, ao contrario, fortaleceuno e contribuiu a que temporada a temporada a súa progresión fose en aumento. De feito, foi na campaña que vén de rematar, a 2017/2018 cando o modesto clube de O Leixo acadou o seu cumio, con equipos en cinco categorías, catro delas de fútbol base, benxamín, alevín, infantil e xuvenil, e unha sénior feminina. Rozando as cen licenzas federativas, a entidade que preside Martín Casais é quen de resistir nun mundo como é do fútbol, no que xa non prima unicamente a formación, a educación íntegra dos futbolistas e o espírito de equipo. A implantación na contorna de modernas escolas de fútbol, de fama sobradamente coñecida, que apostan decididamente polo carácter competitivo, polo márketing e por modos abertamente censurables na captación de xogadores e xogadoras, unida aos caprichos e os vicios imitados do multimillonario fútbol profesional, supuxeron un perigo para a supervivencia dos clubes menos dotados en canto a recursos, entre os cales o Armenteira C.F. representa quizais o mellor exemplo. Fronte a esta ameaza, cunhas instalacións impropias dos tempos que corren, pero con moito traballo, moita ilusión e unha implicación enorme de todos e cada un dos compoñentes dun clube que dende o seu nacemento sempre se quixo denominar como unha gran familiia, a entidade verdinegra non só conseguiu resistir, senón que foi sumando éxitos, aumentando o palmarés e consolidándose como a primeira institución futbolística a nivel municipal. Non cabe máis ca mencionar os subcampionatos que esta temporada acadaron nas categorías xuvenil e alevín, na modalidade de fútbol-8, que, sumados aos logrados noutras categorías, completan o que se podería calificar como unha gran miragre, nunca mellor dito cando nos referimos a unha terra como A Armenteira. No aspecto económico e no deportivo o valor é enorme. Afrontar os gastos que supoñen as licenzas, as arbitraxes ou as sancións, dotar de equipacións deportivas aos xogadores e xogadoras a un custo moi inferior aos doutros clubes e dispoñer do material preciso para a práctica deste deporte cuns medios tan escasos e nestas condicións é, sen lugar a dúbidas, unha virtude que demostra a valía dun clube e dunha xente que despois de vintetrés anos loitando contra todas estas adversidades, o próximo mes de agosto botará a andar coas mesmas gañas e a mesma ilusión ca o primeiro día, pero iso si, mantendo intacto o espírito e o modelo "low cost".



Ningún comentario:

Publicar un comentario