Buscar neste blog

luns, 28 de xaneiro de 2019

A democracia segue o seu curso

Vivimos unha época de intenso fervor democrático na parroquia de A Armenteira en particular e no concello de Meis en xeral. A homenaxe que Jorge Casal Pintos recibiu este domingo en forma de inauguración dunha rúa co seu nome no núcleo urbano de O Mosteiro podería interpretarse como  o pistoletazo de saída de cara ás eleccións municipais que se celebrarán o próximo 26 de maio. Foi un acto institucional, un merecido recoñecemento a unha figura clave na historia recente de Meis, que ocupou o cargo de rexedor dende os primeiros comicios municipais da actual democracia en 1979 ata 1999, cargo que compaxinou con outra faceta non menos importante: a mestre e director do colexio que se sitúa ao pé da rúa que dende agora levará o seu nome. A presenza de altos cargos políticos, principalmente do Partido Popular, foi notoria. Alí estiveron, entre outros, a presidenta do Congreso dos Deputados Ana Pastor, o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e vicepresidente da Xunta de Galicia, ademais de presidente do Partido Popular a nivel provincial, Alfonso Rueda ou José Manuel Cores Tourís, delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra. A relevancia do homenaxeado explica tal desembarco de autoridades, aínda que tamén hai quen pode entendelo como un xesto de apoio á candidatura á alcaldía de José Luis Pérez Estévez, sucesor na cadeira municipal de Jorge Casal Pintos e que, no caso de revalidar triunfo electoral, superaría en permanencia no goberno ao seu antecesor. Pero máis aló do acto deste domingo a vida política no municipio non se detén e este luns, 28 de xaneiro, a partires das 20:30 horas, terá lugar unha nova sesión plenaria de carácter ordinario. Segundo figura na orde do día abordaranse cuestións como a moción do grupo municipal do PSdeG-PSOE sobre a proposta de elaboración e aprobación dun plan estratéxico de subvencións que corresponde outorgar ao concello, xunto con outras mocións do grupo socialista sobre o estado do consultorio médico de Paradela ou sobre a celebración, o 25 de novembro, do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Tamén o grupo municipal do BNG aproveitará para presentar as súas mocións, en concreto sobre temas como a implantación dun servizo público de transporte no municipio ou sobre o sector eléctrico. A Casa Consistorial volverá acoller unha sesión no que os problemas, as preocupacións, as demandas e as suxestións veciñais deberían ocupar o centro do debate e no que a democracia, cada vez máis consolidada no noso territorio, seguirá o seu curso. E, como non podería ser doutra maneira, A Armenteira terá unha vez máis un papel protagonista.


luns, 21 de xaneiro de 2019

A Federación da a coñecer o calendario da segunda fase para o equipo infantil do Armenteira C.F.

A delegación de Pontevedra da Real Federación Galega de Fútbol deu a coñecer a última hora da tarde deste luns o calendario da segunda fase da Segunda autonómica infantil na que participará o equipo infantil do Armenteira C.F. O cadro que dirixen Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez quedará finalmente encadrado no grupo 62, que estará composto por outros catorce conxuntos que disputarán unha competición a unha soa volta. Trátase dun grupo formado por equipos das comarcas de Arousa, Ulla, Pontevedra e O Morrazo, no que o desprazamento máis longo que terá que realizar a escadra verdinegra será ata a localidade de Cangas do Morrazo, onde en menos dun mes se medirá á E.F.B. Cangas no campo de Montecarrasco, unhas instalacións deportivas que, ao igual que o campo de O Leixo, contan cun terreo de xogo cunha superficie de terra. A tenor dos resultados acadados na primeira fase o Caldas C.F., o C.E.D. Cotobade, a E.D. Arousa S.D. "B" e o C.D. Moaña "B" son a priori, xunto co propio Armenteira C.F., os máximos favoritos a ocupar os postos altos da táboa. E será precisamente ante o E.D. Arousa "B" cando a próxima fin de semana o cadro verdinegro comece esta fase no campo de A Pelada, en Faxilde, onde curiosamente fai un mes se viron as caras estes dous conxuntos. Naquela ocasión venceran os de O Leixo por tres goles a cinco, nun partido que se fora ao descanso cunha vantaxe de cero tantos a catro para os visitantes, pero no que o dominio do esférico e a gran segunda metade do equipo vilagarcián fixeran que tivese un final apretado, con moita emoción, ata que un penalti transformado por Íñigo nos últimos minutos, levou a tranquilidade á bancada dos de A Armenteira.


sábado, 19 de xaneiro de 2019

O Armenteira C.F. feminino deféndese con dignidade entre a intensa chuvia en Mondariz

 FICHA TÉCNICA
MONDARIZ C.F. F.F. - ARMENTEIRA C.F. - 5 -0
ARMENTEIRA C.F.:Anabel; Rocío, Lara; Bea, Sara Rey, Banesa; e Nerea.
GOLES: 1-0. Minuto 1. Lidia Barros. 2-0. Minuto 9. Estela Mariño. 3-0. Minuto 57. Laura Rivas. 4-0- Minuto 58. Laura Rivas. 5-0. Minuto 59. Estela Mariño.
ÁRBITRO: González Martínez. Non mostrou cartóns a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da décimo terceira xornada da Liga Femina de fútbol-7. Grupo único, que se disputou no campo de A Lagoa-2, en Mondariz, ante uns vinte espectadores, nunha mañá fresca e moi chuviosa, nunhas instalacións afectadas polas obras que se están acometendo e sobre un terreo de xogo empozado, no que o balón circulaba con dificultade.

CRÓNICA
O equipo feminino do Armenteira C.F. competiu con dignidade, nunhas circunstancias compricadas por varios motivos, no partido que disputou na mañá deste sábado ante o Mondariz C.F. F.F. no campo de A Lagoa-2, nesta localidade da comarca do Tea. Eran numerosas as adversidades ás que se enfrontaba o conxunto que dirixe Marcial Prado. As ausencias de xogadoras importantes no equipo como Paula, Fátima, Vanesa, Paula, Sara Torres e Patricia deixaban ao equipo en cadro. Con só sete futbolistas se presentou a escadra verdinegra nunhas instalacións deportivas que se atopan inmersas nunhas obras que as dotarán dunhas novas zonas de vestiarios, feito do que informou con antelación e xestionou con gran eficiencia o Mondariz C.F. F.F., que colocou unhas casetas provisionais con duchas, baños e espazos para cambiarse que resultan sorprendemente confortables e útiles para a función ás que foron destinadas. Dende o inicio do encontro a superioridade do cadro local foi manifesta, e nada máis comezar a rodar o balón xa se adiantaba por mediación de Lidia Barros, nunha acción na que se viu favorecida por unha situación de fóra de xogo. Pouco despois sería Estela Mariño que, ante os problemas para despexar das defensoras verdinegras, acababa recollendo o coiro na área para ampliar vantaxe. A partires de entón o Mondariz C.F. F.F. administrou con comodidade o resultado. O partido desenvolvíase fundamentalmente na metade do campo que defendía un Armenteira C.F. que tiña nas opcións a balón parado, lanzamentos de falta executados na maior parte dos casos por Lara, as mellores ocasións de aproximarse ás inmediacións da gardamallas Tania Rodríguez. No segundo período, ao tempo que a chuvia arreciaba, o panorama apenas variou. As locais exercían o dominio e o Armenteira C.F. agardaba no seu terreo de xogo tratando de manter a orde e de recuperar o coiro para trenzar algunha xogada que as levase a campo contrario. Unha polémica decisión do colexiado González Martínez, que penalizou con cesión un corte de Rocío que recolleu Anabel coa man, o que provocou as airadas protestas de Marcial Prado, permitiu que as de Mondariz acadasen o tres a cero. O reforzo anímico que supuxo esta acción deu máis forza ás locais que, con goles de Laura Rivas e Estela Mariño, nos minutos 58 e 59, colocaban a sentenza no marcador. As acertadas intervencións de Anabel, de novo unha das máis destacadas do seu equipo, non impediron que o Armenteira C.F. acumulase unha derrota que, aínda que inapelable, resultou tremendamente digna, dadas as circunstancias tan desfavorables e a entrega e o sacrificio que  nestas condicións mostraron as futbolistas verdinegras. Este resultado mantén ás de A Armenteira na décimo sétima posición, á espera de recibir a próxima fin de semana no campo de O Leixo ao Club Deportivo Agaela, de Cangas do Morrazo, un conxunto que ocupa a zona media-alta da táboa.




mércores, 16 de xaneiro de 2019

O San Antonio Abad abre o panorama festivo do ano en A Armenteira

O ano comeza con festa en A Armenteira. E non é unha festa calquera, senón unha das que conta con máis arraigo e tradición na parroquia. No lugar de San Amedio, a escasos metros do famoso mosteiro cisterciense, atópase unha pequena capela que só permanece aberta para os fregueses e freguesas dous días ao ano: o 17 e o 18 de xaneiro. Nesas datas celébrase a festividade de San Antonio Abad, un santo que, segundo narra a historia, viviu nas terras de Exipto aló polos séculos III e IV despois de Cristo. Canso da vida mundana, Antón abandonou todos os seus bens terrenais para retirarse a unha ermida, onde continou practicando a vida monacal e onde recibía frecuentes visitas de comunidades de monxes que buscaban nel consello e exemplo de piedade cristiá.  Ata 105 anos dise que chegou a vivir este personaxe, que xeralmente aparece representado na compaña dun porquiño, ao que ao parecer curou dun extrano mal. Por este motivo, dende tempos remotos as xentes encomendábanse ao San Antonio Abad para procurar protección para os seus animais fronte ás enfermidades e os depredadores. Nunha parroquia eminentemente agraria como A Armenteira, aínda que profundamente transformada polo paso do tempo e a imposición duns modos de vida e unhas actividades económicas máis propias dos tempos modernos, a presenza dos animais segue tendo un papel significativo. Agora xa non son as vacas, antaño base da economía de boa parte das familias, as que teñen o protagonismo, senón os cans, os gatos e outras mascotas que reciben o agarimo e os coidados duns veciños e veciñas que ademais seguen conservando galiñas, galos, ovellas, cabalos ou porcos como parte desa esencial rural que se resisten a perder. Na aldea de San Amedio, pero tamén en Castiñeira, Couso, Cabeza de Boi, As Pereiras ou Gondes, a parte situada ao noroeste da parroquia, zona na que este santo exerce de patrón, serán unhas xornadas especiais. O programa das festas non variou en exceso respecto a anos anteriores. Así, a misa soleme, que nesta ocasión se celebrará nunha única sesión ás 13:00 horas, irá de novo acompañada de procesión, música, foguetes e as tradicionais poxas que, como vén ocorrendo durante as últimas décadas, volverán estar dirixidas por Argimiro Torres. Xa nos fogares, e tamén segundo marca a tradición, o día 17 será o "día do cocido", mentres que o 18 será o "día dos callos", por ser estes os manxares habituais en cada unha destas datas festivas. Como non podería ser doutra maneira o panorama festivo do ano 2019 en A Armenteira inaugúrase da mellor maneira posible: cumprindo coas costumes, na compaña da familia e dos amigos e amigas e arredor dunha boa mesa.


martes, 15 de xaneiro de 2019

O mellor peche a un punto e aparte

Os fútbol, como a vida, ten bos e malos momentos, a súa parte doce, pero tamén unha parte amarga. Este verán o Armenteira C.F. viviu uns momentos extremadamente díficiles. Problemas internos, magnificados de forma intencionada, ataques externos que só buscaban  o beneficio para determinadas persoas e colectivos, e  actitudes absolutamente miserables nalgún dos casos a piques estiveron de desmantelar por completo a estrutura do clube. Pero como xente acostumada a sufrir e a loitar en situacións de máxima dificultade, a Xunta Directiva, sempre apoiada por un grupo de pais, nais, e de xogadores e xogadoras, que demostraron o seu verdadeiro compromiso coas cores verdes e negras, logrou sacar adiante un novo proxecto. O sacrificio, a entrega, a capacidade de negociación e xestión e a amor puro polo clube e por todo o que significa permitiu que a entidade de O Leixo se mantivese a frote e sobrevivise a aquel naufraxio promovido, provocado e inducido por espúreos intereses. Na temporada 2018/2019 o equipo sénior feminino e o equipo infantil fan posible que a bandeira do Armenteira C.F. siga ondeando no panorama do fútbol galego. Este domingo, 13 de xaneiro, rematou a primeira fase da liga na Segunda autonómica infantil. Tras un inicio compricado o conxunto que dirixen Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez logrou encauzar o rumbo cunha traxectoria en permanente progresión, que se viu coroada con tres triunfos e dous empates, uns resultados moi meritorios tendo en conta as circunstancias. O triunfo por seis goles a tres no partido fronte ao Unión Dena C.F. disputado no campo Municipal de Meis, e que se baseou nun enorme esforzo colectivo e na brillante actuación de dous dos xogadores franquicia do clube, Manu Meixús e Íñigo, que se resistiron aos cantos de serea e as estratexias de captación de futbolistas verdadeiramente censurables que aplican outros clubes, serviu de excelente colofón a esta parte do campionato. Cunha xornada por disputar para o resto dos equipos do grupo, agás a C.D. Portas, o equipo infantil do Armenteira C.F. afrontará unha fin de semana de relax, de reflexión e recuperación de cara á segunda fase da liga. A retirada da competición do equipo do Viajes Interrías F.F. para esta categoría, na cal só chegou a participar en dúas xornadas, é a razón de que isto ocurra. Será, sen dúbida, o mellor peche para un punto e aparte antes de enfilar a recta final dun campionato no que estes rapaces e rapazas parten coas máis altas aspiracións. E todo co respaldo dunha Xunta Directiva, dunha afección e dunha xente que día a día se sente máis orgullosa de seguir vivindo, de seguir sentindo e de seguir soñando en verde e negro, e que se defenderá ata as últimas consecuencias fronte a quen trate de arrebatarlle esta posibilidade.



mércores, 2 de xaneiro de 2019

O Armenteira C.F. volve este xoves ao traballo en O Leixo

O Armenteira C.F. retoma o traballo este xoves, 3 de xaneiro, despois de máis dunha semana de merecido descanso. O encargado da apertura dos adestramentos no que ao ano 2019 se refire será o equipo infantil, que realizará unha sesión de traballo no campo de O Leixo a partires das 18:00 horas. O cadro que dirixen Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez prepara xa a recta final da primeira fase da liga na Segunda autonómica infantil da que resta por disputar un único encontro, o que terá lugar fronte ao Unión Dena C.F. na fin de semana do 12 e 13 de xaneiro, pois a retirada da competición do Viajes Interrías F.F., rival que lle correspondía na última xornada, provocou que o peche desta fase se teña que producir de forma anticipada. O adestramento deste xoves non será unha sesión típica, xa que, como soe ser habitual na entidade verdinegra, haberá un detalle especial. Nesta ocasión serán os pais e nais dos futbolistas do equipo infantil os que se encarguen de preparar unha chocolatada da que poderán disfrutar todas as persoas que asistan unha vez remate o adestramento. Tampouco faltará a rosca nin algúns doces caseiros cos que a familia do Armenteira C.F. pretende comenzar o novo ano co mellor sabor de boca posible.