O Armenteira C.F. retoma o traballo este xoves, 3 de xaneiro, despois de máis dunha semana de merecido descanso. O encargado da apertura dos adestramentos no que ao ano 2019 se refire será o equipo infantil, que realizará unha sesión de traballo no campo de O Leixo a partires das 18:00 horas. O cadro que dirixen Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez prepara xa a recta final da primeira fase da liga na Segunda autonómica infantil da que resta por disputar un único encontro, o que terá lugar fronte ao Unión Dena C.F. na fin de semana do 12 e 13 de xaneiro, pois a retirada da competición do Viajes Interrías F.F., rival que lle correspondía na última xornada, provocou que o peche desta fase se teña que producir de forma anticipada. O adestramento deste xoves non será unha sesión típica, xa que, como soe ser habitual na entidade verdinegra, haberá un detalle especial. Nesta ocasión serán os pais e nais dos futbolistas do equipo infantil os que se encarguen de preparar unha chocolatada da que poderán disfrutar todas as persoas que asistan unha vez remate o adestramento. Tampouco faltará a rosca nin algúns doces caseiros cos que a familia do Armenteira C.F. pretende comenzar o novo ano co mellor sabor de boca posible.
Ningún comentario:
Publicar un comentario